Contra unha Lomce "absolutista" e "nefasta" e a favor dunha nova norma de consenso

Contra unha Lomce "absolutista" e "nefasta" e a favor dunha nova norma de consenso

Contra unha Lomce “absolutista” e “nefasta” e a favor dunha nova norma de consenso

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez Martínez, adiantou hoxe que a polémica Lomce “non vai chegar a implantarse” xa que conta coa oposición en bloque de todo o Congreso agás o PP. Así o dixo nunha rolda de prensa na que respaldou as protestas convocadas polo sector educativo para mañá en toda Galicia, das que participará o Grupo Socialista para reclamar a paralización das reválidas de Secundaria e Bacharelato.

O responsable socialista criticou unha norma imposta de forma “absolutista” polo “rolo do PP” para retrotraer ao ensino público a “aspectos da Lei Xeral de Educación de 1970” a partir dun texto “nefasto” que acadou o rexeitamento de todo o sector educativo. Este rexeitamento foi refrendado por tódolos grupos parlamentarios do Congreso agás o PP, que agora carece de apoio para manter esta norma.

Álvarez reclamou así a paralización desta norma e a elaboración dun novo texto de consenso entre as forzas políticas seguindo o camiño marcado polo ex ministro de Educación socialista Ángel Gabilondo. Adiantou que “temos a seguridade de que a Lomce non se vai implantar, pero non polo recoñecemento explícito dun erro, senón porque é a realidade á que se vai enfrontar” un Goberno sen apoio suficiente.

Segregación e reválidas

O parlamentario socialista criticou unha norma que “segrega aos alumnos de forma inadmisible e sen xustificación” e que leva a que os alumnos de segundo de Bacharelato, no seu último curso antes de acceder á Universidade, aínda non saben cómo nin de qué se van examinar, nin cómo van acceder aos estudos superiores. Sinalou que “non ten fundamento algún” que as reválidas estean vencelladas á obtención de título.

Os socialistas galegos presentaron unha iniciativa na que lle reclaman á Consellería de Educación que dea conta da publicación da orde aínda pendente para regular as reválidas en Galicia, así como a súa estrutura.

Ademais, Álvarez reclamou que as probas garantan “cando menos un sistema de acceso único ás tres universidades” e lle traslade ao Ministerio as consecuencias da súa improvisación “e polo tanto instar á paralización das probas”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar