Aprobada a constitución da Comisión de Estudo sobre a vaga de lumes

Aprobada a constitución da Comisión de Estudo sobre a vaga de lumes

Aprobada a constitución da Comisión de Estudo sobre a vaga de lumes

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, sinalou hoxe o apoio dos socialistas de Galicia á creación dunha Comisión de Estudo no Parlamento. Logo da Xunta de Portavoces explicou que o apoio do PSdeG está condicionado a que o órgano analice as causas da vaga de lumes, inclúa as aportacións de tódolos grupos parlamentarios e remate o seu traballo en seis meses.

Fernández Leiceaga reclamou que a Comisión de Estudo, que foi respaldada pola Xunta de Portavoces e aprobada finalmente na Mesa do Parlamento, debe analizar as causas dos incendios que acabaron coa vida de catro persoas e arrasaron 50.000 hectáreas nunha fin de semana. Ademais proporá cambios nas políticas de reforma estrutural sobre a ordenación forestal, a prevención ou a extinción dos lumes.

Reclamou ademais un “calendario esixente” que permita chegar á campaña de alto risco do próximo ano coas conclusións aprobadas e consensuadas que sirvan como base a un “gran pacto de país” para afrontar a prevención dos incendios forestais. Explicou que os socialistas aceptaron finalmente a proposta presentada polo PP porque “máis alá de formalismos e retórica, coincidía coa asinada por socialistas e En Marea”.

O portavoz socialista explicou que as propostas socialistas ao Pleno da próxima semana centrarase sobre a vaga de lumes, mesmo a través da sesión de control ao presidente, que o portavoz socialista dirixirá ás políticas desenvolvidas polo goberno galego en materia de reforma de estruturas forestais.

Fernández Leiceaga lembrou que a axenda de cambios na política forestal desenvolta polo goberno de Feijóo supuxo a supresión das Uxfor, substituídas polas Sofor en 2010, cun balance “irrisorio” de tan só 5 sociedades creadas en 7 anos, e a desactivación do Banco de Terras. Esta última medida demostrouse errada ata o punto de que a Xunta vai rectificar na Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2018 para recuperar este instrumento.

A dita Lei de Acompañamento será tratada no Pleno de Totalidade dos Orzamentos da Xunta, que se celebrará o próximo luns, e que modifica dunha tacada a Lei de Montes Veciñais, a Lei de Mobilidade de Terras, a Lei de Incendios e a Lei de Montes, xunto a outras decenas de leis, dunha forma que “impide un debate razoable en sede parlamentaria”.

Contratación de helicópteros

Os socialistas tamén levarán unha pregunta oral ao Pleno do Parlamento sobre a imputación de tres altos cargos da Xunta por presuntas irregularidades na contratación de helicópteros entre 2011 e 2013, entre eles o actual director xeral de Política Forestal. Considera que manter a este alto cargo ofrece “unha mensaxe equivocada” á sociedade, mentres a súa defensa pola conselleira de Medio Rural fai que “deba ir no mesmo lote” de ceses.

Cualificou de “insólito” que a Asesoría Xurídica da Xunta dera cobertura á contratación das aeronaves “a dedo” por máis de 6 millóns de euros que, dixo, “só é comprensible en base á relación estreita entre un alto cargo e a autora do informe”. O Pleno incluirá ademais unha moción en base á interpelación socialista sobre as actuacións do goberno galego en relación coa prevención dos incendios forestais.

Violencia de xénero

O Pleno da próxima semana incluirá ademais unha proposición no de Lei do Grupo Socialista para reclamar a posta en marcha das medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Reivindicou “máis compromiso, dedicación e uso de recursos para activar estas medidas”, e sinalou o excesivamente baixo grao de execución das políticas da Xunta de Galicia en relación a esta lacra.

Finalmente, será debatida unha interpelación para reivindicar a mellora das condicións laborais dos traballadores da sanidade pública, que logo da “destrución sistemática” da estabilidade en detrimento da calidade do servizo público. Ademais, preguntarán sobre a consignación dunha partida específica para a reforma do Hospital Provincial de Pontevedra.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar