Consideran os orzamentos de infraestruturas “inaceptables e non satisfactorios” e “unicamente coherentes coa diminución da actividade económica”

Consideran os orzamentos de infraestruturas “inaceptables e non satisfactorios” e “unicamente coherentes coa diminución da actividade económica”

Consideran os orzamentos de infraestruturas “inaceptables e non satisfactorios” e “unicamente coherentes coa diminución da actividade económica”

Xosé Sánchez Bugallo sinala que “non responden ás necesidades do país” para frear a destrución de emprego e reactivar a economía

Advirte do truco contable de Feijóo de retirar o pago da débeda pública para incrementar artificialmente o peso do gasto social nos orzamentos

O portavoz de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda do Grupo Socialista, Xosé Sánchez Bugallo, dixo hoxe que os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas “non son aceptables nin satisfactorios”. Na comparecencia do conselleiro na Comisión de Orzamentos, dixo que os orzamentos non activan a economía nin xeran emprego.

Sánchez Bugallo advertiu que estes orzamentos “non van contribuír a sacarnos da crise” e sitúan as previsións de paro por riba dos 300.000 desempregados neste ano 2013, ao ser “unicamente coherentes coa diminución da actividade económica”. Acusou ao conselleiro de fracasar estrepitosamente na súa responsabilidade de crear emprego e asegurar a competitividade do territorio ao xestionar a Consellería con maior investimento da Xunta.

Explicou que o orzamento da Consellería descendeu entre 2009 e 2013 de 1.326 millóns a 740, un 44 por cento inferior, centrándose nos investimentos a maior parte do descenso. Sinalou que hoxe os investimentos totais da Xunta supoñen menos do 1 por cento do PIB, e o esforzo investidor desta Consellería é do 0,77 por cento, un esforzo “notoriamente insuficiente para corrixir os desequilibros en infraestruturas e dotacións e sobre todo para crear emprego e dinamizar a economía”.

Neste senso, dixo que o groso do descenso concéntrase nos investimentos, que pasaron de 961 millóns en 2009 de euros a 430 en 2013, o que supón que “incumpra moitas das súas promesas” e incluso os plans presentados formalmente. Sánchez Bugallo lembrou así que o programa MOVE de investimentos en infraestruturas 2010 – 2015, presentado polo presidente e o conselleiro ante 1.000 convidados, prevía un investimento de 668 millóns en 2013 e a realidade é que presupostan 280 neste ano.

Engadiu que o total de investimentos baixaron entre 2009 e 2013 cunha caída en infraestruturas de ter 596 millóns de euros a 281 –un 53 por cento menos-, Ordenación do Territorio pasou de 51 a 20 –un 60 por cento menos-, promoción do solo de 20,7 a 17 –logo de ter perdido un 50 por cento en 2012, outro tanto en 2011 e un 20 en 2010- e medio ambiente pasou de 295 a 112 –descenso do 62 por cento-.

Lei do Solo

O responsable socialista reclamou ademais un acordo sobre as modificacións á Lei do Solo de 2005, xa que a nova lei será a quinta lei da Comunidade Autónoma, xa que “xa me perdín cántas modificacións levan aplicado a esta norma”. Explicou que os concellos ven “imposible” elaborar os Plans de Ordenación cos cambios continuos da normativa, “é como si cambian as normas do fútbol en medio dun partido”, exemplificou.

Ofreceu neste sentido a “colaboración leal” dos socialistas galegos para aprobar unha norma de consenso, pero reclamou “concentrarse no desenvolvemento das normas xa aprobadas, como por exemplo das directrices de ordenación do territorio a través dos plans territoriais integrados, antes que na súa modificación, para que non pase como coa Lei de Vivenda”.

O parlamentario socialista criticou o “recorte radical” asestado á política de vivenda pública por parte de Feijóo, e dixo que o IGVS pasou dun orzamento de 211 millóns de euros en 2009 aos 63 previstos nos orzamentos do ano 2013, unha redución de mais do 60 por cento –que nos investimentos se achega ao 80 por cento-, condenando á práctica totalidade do territorio a “investimentos meramente testemuñais”.

Gasto social

Sánchez Bugallo desmentiu hoxe que os orzamentos de Feijóo incrementen o peso do gasto social ao tempo que reducen radicalmente as partidas destinadas a sanidade é educación. Acusounos de levar a cabo un truco contable que consiste en non ter en conta os custes financeiros, que supoñen 1.110 millóns de euros de gasto de débeda pública.

O certo, dixo, é que o gasto social mantense constante en termos relativos dende 2009, nun 68 por cento aproximadamente, sendo a gran sacrificada o capítulo de investimentos, que baixa do 13 por cento a un 5 por cento, para compensar a suba dos gastos derivados do endebedamento, que pasan de 393 millóns de euros -3,6 por cento do orzamento- a 1.110 millóns de euros para 2013 –o 11,74 por cento-.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar