O Consello de Contas fiscalizará a reforma da Lei de Saúde

O Consello de Contas fiscalizará a reforma da Lei de Saúde

O Consello de Contas fiscalizará a reforma da Lei de Saúde

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe que o Consello de Contas realizará nun prazo de 15 días unha avaliación dos efectos económicos da reforma da Lei de Saúde. Esta petición foi aceptada pola Mesa do Parlamento logo de que os socialistas solicitaran activar este mecanismo introducido na última reforma da Lei do Consello de Contas.

Logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do próximo Pleno do Parlamento, Fernández Leiceaga explicou que esta petición responde á intención dos socialistas de “activar tódolos mecanismos parlamentarios para exercer a nosa función co máximo nivel de coñecemento”. Lembrou que a sanidade galega absorbe o 30 por cento do orzamento da Xunta, o que da a medida da relevancia deste informe do Consello de Contas.

A sanidade será un dos eixos das iniciativas presentadas polos socialistas galegos no próximo Pleno, que presentarán unha interpelación sobre o colapso dos servizos de urxencias derivados do pico da gripe. Advertiu que o sistema sanitario galego demostrou que “non está en condicións de afrontar” unha situación deste tipo, ademais de que “non houbo unha resposta adecuada por parte da Consellería”.

O debate desta interpelación permitirá, dixo, “saber se o goberno galego aprendeu o continúa empecinado en agochar a cabeza” e na súa estratexia de “privilexiar os axustes orzamentarios sobre a prevención”. Tamén presentarán unha pregunta oral sobre o “dislate” do Hospital de Ourense, no que “gastan recursos para reducir os medios sanitarios a disposición da poboación”.

Sesión de control

Leiceaga anunciou ademais que levará “as decisións do goberno de España con efectos sobre as finanzas das comunidades autónomas” á sesión de control do próximo Pleno, logo da visita de Feijóo aos ministros de Facenda, Sanidade e Agricultura e Pesca. Alertou da opacidade sobre os asuntos destes encontros “para non sabemos que”.

Sinalou que o presidente da Xunta “debera preguntarlle a Montoro se está disposto a dar marcha atrás na redución das entregas a conta ás comunidades autónomas”, que suporán 321 millóns menos para Galicia, ou na paralización da prórroga do imposto de Patrimonio, de 71 millóns de euros.

Lembrou que Galicia resultou “extremadamente prexudicada” polos mecanismos extraordinarios de financiamento –FLA e Fondo de Facilidade Financeira- aplicados por Montoro no período 2012-16. Tamén quere saber se lle plantexará ao ministro “cando teñen previsto aprobar o novo sistema de financiamento autonómico” e se incluirán os 16.000 millóns anuais adicionais que recomenda o Comité de expertos.

O portavoz socialista sinalou que Feijóo manterá ademais un encontro coa ministra de Pesca sen saber se tratará dos efectos do Brexit para a flota galega, así como do reparto de cotas no Cantábrico ou do acordo con Marrocos. En calquera caso, os socialistas presentarán unha proposición non de Lei no próximo Pleno para pedir un plan que facilite o relevo xeracional na pesca galega.

Escepticismo

Fernández Leiceaga amosouse “escéptico” sobre esta visita a tres ministros “cando se trata de encontros restrinxidos só para gráficos”, sen comparecencia nin explicación pública, co que “moito nos tememos de que non teñan moito que contar”. Reclamoulle a Feijóo “dilixencia e contundencia” para defender os intereses de Galicia e poñelos “por riba do seu futuro persoal”.

O responsable socialista suxeriulle a Feijóo que colla a “bandeira branca” que exhibe diante de Rajoy e “lle pinte unha banda azul” para “sacar a bandeira de Galicia” e defender os intereses da Comunidade que preside, por exemplo para garantir unha mellor posición na reforma do sistema financeiro.

Os socialistas galegos tamén presentarán no próximo Pleno do Parlamento unha proposición non de Lei sobre a violencia de xénero no rural e dúas preguntas orais sobre as actuacións da Xunta para recuperar as pías medievais de San Xián de Moraime –Muxía- en mans dos Franco e para activar a Lei de Galeguidade e garantir a preservación do patrimonio cultural do Centro Gallego de Bos Aires.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar