A conselleira debe comparecer para dar conta do conflito polo Plan de Transporte

A conselleira debe comparecer para dar conta do conflito polo Plan de Transporte

A conselleira debe comparecer para dar conta do conflito polo Plan de Transporte

O portavoz de Transporte do Grupo Socialista, Raúl Fernández, presentou hoxe xunto con En Marea e o BNG unha solicitude conxunta para pedir a comparecencia da conselleira de Infraestruturas no Pleno do Parlamento para dar conta da súa xestión do Plan de Transporte Público. O responsable socialista considera esta intervención “absolutamente necesaria” diante do conflito co sector.

Lamentou a “situación enrocada, sen saída” provocada pola xestión dunha conselleira que “non é capaz de cambiar de actitude para buscar acordos e consensos, facer esforzos e cumprir coas súas obrigas e responsabilidades para garantir o dereito ao transporte”. Considera que o goberno galego está “desbordado e desnortado”, dando “bandazos” nunha “perpetua fuxida cara adiante prexudicando aos galegos e galegas”.

Fernández sinalou que, co novo Plan de Transporte, “percibimos e constatamos que os dereitos dos galegos e das galegas ao transporte público están a ser obviados e non garantidos polo goberno galego”, con especial incidencia nos usuarios do rural, os principais prexudicados da nova situación.

Acusou ao goberno galego de “poñer absolutamente en contra non somentes ao sector tradicional do transporte público por estrada, senón que agora engadiu ao colectivo do transporte escolar”.

Adxudicacións

O responsable socialista criticou ademais a resposta do presidente da Xunta logo de coñecerse que a empresa que asesora á Xunta en materia de transporte colectivo foi beneficiada con máis da metade dos contratos para facer os estudos relativos á planificación do transporte público.

Dixo que o presidente da Xunta “perdeu unha oportunidade para explicar” a relación desta empresa, que resultou beneficiada dunha convocatoria a pesares de ter unha posición de privilexio sobre o resto das empresas que tamén concorrían ao concurso.

Acusou a Feijóo de tratar de desmentir o que vén publicado no propio DOG “buscando calquera tipo de escusas e tratando de atopar culpables externos en lugar de asumir a súa responsabilidade”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar