A conselleira de Infraestruturas debe "sentarse a negociar e vir ao Parlamento a recoller suxestións e críticas"

A conselleira de Infraestruturas debe "sentarse a negociar e vir ao Parlamento a recoller suxestións e críticas"

A conselleira de Infraestruturas debe “sentarse a negociar e vir ao Parlamento a recoller suxestións e críticas”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe á conselleira de Infraestruturas que “se sente a negociar e veña ao Parlamento a recoller suxestións e críticas” para a xestión do Plan de Transporte. Así o dixo na visita á Coruña, onde mantivo un encontro cos representantes socialistas nos concellos da Área Metropolitana para analizar propostas para o transporte interurbano.

O responsable socialista sinalou que “hai que sentar á conselleira cos axentes” afectados polo Plan de Transporte, logo de constatar que se manteña “enfrontada ao mundo”, en contra das empresas de transporte, dos sindicatos, das Anpas e mesmo dos concellos. Ningún dos axentes implicados, dixo, ve con bos ollos as “solucións provisionais e non definitivas” que presenta o Executivo con efectos prexudiciais a longo prazo.

Puxo en dúbida unha solución “discrecional”, que omite os criterios de obxectividade na concesión de liñas, poñendo o aforro de recursos por enriba das necesidades dos cidadáns e que polo camiño “contamina o servizo de transporte escolar”, ao unilo ao transporte regular.

Área metropolitana

Sinalou que “Galicia necesita outro sistema de transporte” que garanta unha “estrutura estable” para “superar a dicotomía urbano – interurbano”. O obxectivo debe ser que “un cidadán de A Coruña vaia de María Pita a Arteixo ou de Cambre ao Palexco nun único autobús, cunha tarifa accesible cun sistema sostible que permita o aforro dos cidadáns”.

O portavoz socialista propuxo crear unha mesa de traballo cos concellos da Área Metropolitana onde acorden “solucións modernas, integrais, solidarias e útiles” para os cidadáns. Instou á Xunta a “implicarse máis” para sentarse cos concellos e “entender que é a única responsable do transporte fora da zona urbana” e sendo “suficientemente xenerosa para entender que non pode facelo soa”.

Neste mesmo sentido se manifestou o deputado de A Coruña, Juan Díaz Villoslada, quen explicou que “a cidade vai crecendo e os núcleos tamén”, e a cidadanía necesita solucións para poder trasladarlle ao traballo ou ao ocio dende os concellos veciños. Criticou a “carencia estrutural” amosada polos gobernos do PP, a quen lle reclamou “visión metropolitana” para atender a 400.000 habitantes na coroa metropolitana.

O secretario provincial do PSdeG, Julio Sacristán, subliñou a preocupación dos portavoces socialistas na área metropolitana pola estratexia de “enfrontamento” e a “escasa receptividade” demostrada pola Consellería para acordar o Plan de Transporte Metropolitano.

Apelou a “non repetir un sistema ineficiente que non responde ás necesidades da mobilidade de Galicia” e mesmo “mestura ás persoas maiores cos escolares só para reducir a tarifa”.

Centros escolares

Fernández Leiceaga visitou a continuación o Concello de Arteixo, onde mantivo un encontro con representantes da comunidade educativa e o portavoz socialista, Martín Seco, xunto co deputado Juan Díaz Villoslada, e onde criticou a “falla de planificación” na xestión dos centros escolares por parte do goberno galego.

Criticou que mentres decreta o peche e reorganización dos centros de As Pontes, Outes, Ribadavia e Porriño de forma arbitraria e sen ofrecer motivos, Arteixo padece un centro colapsado que “leva oito anos sen ver un euro de investimento por parte do goberno galego”.

O portavoz socialista, Martín Seco, lamentou que “nin a Xunta move ficha nin os gobernos dos concellos son quén de poñer a disposición terreos para a construción dun novo IES” que considera “imprescindible” para atender á demanda de formación da poboación. Propuxo neste sentido “converter o IES de Sabón nun centro de FP focalizado en torno ao téxtil e á industria química”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar