Conferencia de Presidentes: "Pariron os montes e naceu unha Comisión de estudo sen ningún resultado"

Conferencia de Presidentes: "Pariron os montes e naceu unha Comisión de estudo sen ningún resultado"

Conferencia de Presidentes: “Pariron os montes e naceu unha Comisión de estudo sen ningún resultado”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, transmitiu hoxe a súa decepción polos “resultados limitados” da Conferencia de Presidentes Autonómicos de onte. Resumiu que “non sabemos por qué saca peito Feijóo”, xa que, dixo, “Pariron os montes e naceron comisións de estudo e estratexias a un ano vista pero apenas ningún resultado”.

O responsable socialista lamentou que os presidentes autonómicos “puxéronse de acordo en xogar durante este ano e mesmo en qué deportes practicar, pero non acordaron o resultado” dunha xuntanza coas “expectativas inchadas”. Criticou neste sentido que o propio Rajoy amosouse “pouco ou nada disposto a sacar a chequera” para corrixir os desequilibrios financeiros coas comunidades autónomas”.

Fernández Leiceaga lembrou o “desequilibro vertical” entre o que gasta Galicia para atender as necesidades de sanidade, ensino ou servizos sociais e o que lle aporta o Estado. Puntualizou que “non existe vontade do goberno para asumir ese déficit”, polo que logo de que o presidente do goberno se afanara en lembrar que o Estado tiña 20.000 euros de menos, “tememos que o diñeiro adicional aportado sexa 0”.

Os socialistas galegos manterán a interpelación presentada no próximo Pleno do Parlamento, que será debatida logo da comparecencia de Feijóo sobre a Conferencia de Presidentes, para presentar a continuación unha moción coa proposta socialista para mellorar o Plan de financiamento autonómico.

Saudou como punto de partida positivo poñer o acento nas necesidades de gasto e o custe, ponderando a sanidade, tendo en conta o incremento de custe na poboación de máis de 65, 75 e mesmo 85, e os servizos sociais, nomeadamente os desequilibros na atención á Dependencia.

Comisión de expertos

O portavoz socialista reclamoulle ao presidente da Xunta que consensúe coa oposición á persoa designada como integrante na Comisión de Expertos que analizará durante este ano a mellora do modelo de financiamento autonómico. Alegou unha “fronteira porosa” entre o perfil técnico que supostamente terá esta Comisión e o acordo político posterior inaprazable.

Sinalou a importancia de acordar o nome do responsable que falará en representación de Galicia para defender os criterios comúns de toda a Comunidade Autónoma, e lamentou que esta convocatoria se faga cun prazo de un ano cando xa acumula tres anos de retraso.

Demografía

Fernández Leiceaga saudou que se introducira o debate sobre a crise demográfica, pero advertiu un “compromiso feble e tratamento en diferido” sen que o Estado explique qué recursos vai poñer enriba da mesa.

O responsable socialista propuxo integrar esta cuestión no Fondo de Compensación Interterritorial, un instrumento que xa existe, que foi desvalorizado nos últimos anos e que propuxo converter nun Fondo de Desenvolvemento Territorial.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar