Comisión de Investigación sobre Fandicosta

Comisión de Investigación sobre Fandicosta

Comisión de Investigación sobre Fandicosta

O próximo Pleno do Parlamento incluirá o debate da proposta de creación dunha Comisión de Investigación para depurar responsabilidades políticas sobre a descoordinación evidenciada na actuación da Xunta no incendio que arrasou as instalacións da conserveira Fandicosta, en Domaio –Moaña-. Así o anunciou hoxe a portavoz do Grupo Socialista, Patricia Vilán, logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do Pleno do Parlamento da próxima semana.

Criticou a falla de resposta ofrecida polo goberno galego ás importantes eivas na organización dos servizos de emerxencias do Goberno galego. Estes impediron, ata en tres ocasións durante unha hora, a participación dos bombeiros públicos de Vigo e Pontevedra para priorizar ás concesións privadas de Morrazo, Porriño e Ribadumia, incapaces de frear as lapas que ameazaban dous depósitos de 5.000 litros de amoníaco, ao carón de dúas estacións de servizo e varias vivendas.

Vilán censurou a “descoordinación dos servizos de emerxencias e a mala xestión do goberno galego” nesta situación, e por iso esixiu a depuración de responsabilidades políticas a través deste órgano parlamentario. Criticou tamén que ata o día de hoxe o propio conselleiro de Vicepresidencia, o responsable dos servizos de emerxencia, teña renunciado a solicitar a súa comparecencia para explicar esta actuación.

A responsable socialista criticou tamén o veto do PP a dúas solicitudes de comparecencia do presidente da Xunta para dar conta do fracaso da súa política laboral e para responder das graves declaracións contra a denuncia motivada por Batas Blancas e recollida pola Fiscalía pola xestión do goberno galego das vacinas da hepatite C.

Vilán lembrou que a negativa do goberno galego a asumir estes tratamentos supuxo o falecemento de varios deles e, agora, a apertura dunha investigación xudicial sobre a actuación de dous altos cargos. Lamentou que o presidente da Xunta teña respondido cuestionando a actuación da xustiza e cargando contra os profesionais médicos.

Dereitos sociais

A pregunta ao presidente presentada polos socialistas galegos centrarase nesta ocasión no desleixo do goberno galego á hora de xestionar os dereitos sociais e políticos da cidadanía galega. As iniciativas socialistas no próximo Pleno, explicou, basearanse precisamente en evidenciar a perda de dereitos sociais derivados da xestión do goberno galego.

O Grupo socialista incluirá así dúas mocións sobre os incumprimentos dos compromisos electorais en materia de servizos de emprego públicos e sobre a pésima política da Xunta á hora de aplicar a normativa comunitaria de depuración de augas residuais. As proposicións non de Lei centraranse na modificación do baremo para a valoración do grao de discapacidade das persoas con enfermidades nerodexenerativas e a situación legal das vivendas e apartamentos turísticos.

Os socialistas galegos interpelarán á Xunta sobre a súa política en relación coa crise demográfica de Galicia e sobre a diminución do persoal docente e investigador do Sistema Universitario de Galicia.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar