Combater a emerxencia social

Combater a emerxencia social

Combater a emerxencia social

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, responsabilizou hoxe a Feijóo e Rajoy da situación de “emerxencia social” na que se atopan Galicia e España. Así o dixo en Ourense durante un encontro con asociacións de carácter social na sede da Asociación Aixiña, na que tamén participou a candidata socialista ao Congreso Rocío de Frutos.

O responsable socialista responsabilizou ás políticas económicas e de redución de gasto social impostas polo PP da difícil situación na que se atopan as persoas que hoxe están “sen emprego nin dereito a prestacións”. Advertiu dun importante incremento das desigualdades e dun mercado de traballo que “non remunera o esforzo e a dedicación dos traballadores e traballadoras”.

A esta situación únese, explicou, unha reforma fiscal que “incrementa as desigualdades e non xera recursos suficientes para manter unhas prestacións básicas do Estado do Benestar, o que afecta a toda a política social”.

Defendeu a proposta socialista de garantir un ingreso mínimo vital para as persoas sen recursos dirixido tamén a resolver o problema da pobreza infantil, ademais de estender as prestacións de desemprego aos parados e paradas que as perderon neste tempo de crise.

Aixiña

Leiceaga visitou hoxe a Asociación Aixiña, de atención a persoas con discapacidade física, parálise cerebral e terceira idade dependente, que desenvolve un proxecto para acadar a súa integración laboral. Sinalou que “combina as características dun Centro de Día cun centro de emprego para facer posible que as persoas con dificultades teñan unha vida plena incluíndo un emprego e a inserción social”.

O candidato socialista dixo que a experiencia deste centro resulta “un exemplo” para a provincia e para toda Galicia por canto colabora coas empresas da cidade para garantir un futuro laboral para as persoas con discapacidade. Apostou por “intentar dende a política que as persoas con dificultades teñan dereito a unha vida plena” e sinalou as políticas socialistas dirixidas a “atender a todas as situacións de dificultade e necesidade social”.

Rocío de Frutos

A candidata socialista ao Congreso, Rocío de Frutos, sinalou o programa de educación inclusiva dos socialistas que supón “unha aposta pola integración social e laboral das persoas con discapacidade”. Salientou as propostas presentadas polos socialistas nesta materia durante os escasos cinco meses de lexislatura logo de 4 anos de goberno do PP nos que Rajoy “non fixo nada”.

Sinalou así as iniciativas dirixidas a regular no estatuto dos traballadores a situación laboral dos traballadores con discapacidade, incluíndo o desenvolvemento de normas para impedir que as empresas que incumpran o cupo poidan contratar coa administración, ou a proposta para permitir o voto ás persoas con discapacidade.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar