Chantaxe política inadmisible de Feijóo coa conxelación das oposicións en Galicia

Chantaxe política inadmisible de Feijóo coa conxelación das oposicións en Galicia

Chantaxe política inadmisible de Feijóo coa conxelación das oposicións en Galicia

O portavoz de administarción autonómica e función pública do grupo socialista, Juan Díaz Villoslada, cualificou de “chantaxe política inadmisible” e “irresponsabilidade” o anuncio de Feijóo dunha posible conxelación da oferta de emprego público deste ano en Educación e Sanidade poñendo como escusa a aprobación dos Orzamentos do Estado. Villoslada anunciou que os socialistas presentarán iniciativas con carácter urxente para esixirlle que aprobe coa máxima axilidade estas convocatorias.

“Non se poden aprobar os orzamentos galegos de 2017 e anunciar 1.000 prazas para o ensino e 1.600 para a sanidade, e de repente ao día seguinte facer unha chantaxe política cando hai miles de persoas facendo un esforzo económico e nas súas vidas para preparar estas oposicións”, criticou o socialista, que lembrou que o calendario do ensino ten unhas datas moi concretas e incidiu en que “se está a poñer en perigo a recuperación da calidade dos servizos públicos” en Galicia. “Non poden ter os servizos públicos sometidos a unha chantaxe que non podemos admitir de ningunha forma”, dixo.

Villoslada chamou a Feijóo a “arranxar a problemática que teña co goberno central ou co señor Montoro e poñerse dacordo”, e lembrou que hai mecanismos para facelo como os decretos lei. “Se en 2012 a base de decretos lei fixeron recortes tan importantes nos servizos públicos, o mesmo mecanismo legal ten que aplicarse se é necesario para recuperalos”, apuntou.

“A nosa comunidade autónoma non é menos que o que poden estar decidindo o País Vasco, Andalucía ou Madrid, e temos un nivel de autogoberno que como mínimo nos debe facer capaces de poñer isto en marcha, polo tanto esiximos a Feijóo que leve adiante os compromisos anunciados e os orzamentos aprobados”, concluíu.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar