"Chantaxe infumable" de Feijóo coas oposicións de educación e sanidade

"Chantaxe infumable" de Feijóo coas oposicións de educación e sanidade

“Chantaxe infumable” de Feijóo coas oposicións de educación e sanidade

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez Martínez, cualificou hoxe de “infumable” a “chantaxe” de Feijóo de convocar as OPE de ensino e sanidade a condición de aprobar os orzamentos do Estado. Dixo que hai “absoluta certeza de base xurídica máis que suficiente” ademais de “precedentes normativos” para convocar cos orzamentos prorrogados.

“Fixéchela boa, presidente”, comezou Álvarez parafraseando ao portavoz de Política Institucional, que onte ironizaba co prólogo dos colaboradores de Feijóo a un libro de discursos presentado no Parlamento e que titulaban “Estiveches ben, presidente”. O responsable socialista reiterou que os orzamentos de 2016 determinaban unha taxa de reposición do cen por cen, e que ao estar prorrogados garanten un marco xurídico “idéntico”.

Sinalou que “o único que falta é vontade política”, unha vontade que si teñen outras comunidades autónomas como País Vasco ou Cantabria, que convocaron a dita OPE, e engadiu hoxe que ademais hai “precedentes normativos”. Lembrou que en 2012 a convocatoria repetiu a taxa de reposición dos orzamentos do ano anterior, que tamén estaban prorrogados.

Luis Álvarez sinalou que a “magna oferta” do presidente da Xunta de convocar 1.600 prazas na sanidade no caso de aprobar os orzamentos “non é un argumento xurídico, é político, é unha falsidade que non exista base xurídica”, apostillou.

Eliminar a taxa de reposición

O parlamentario socialista explicou por outra parte que “o que queremos é que se eliminen as taxas de reposición, para que cada Comunidade Autónoma poida facer as ofertas públicas de emprego que considere axeitada”. Concluíu que “se supostamente superamos a crise económica, se todo florece é razoable retomar o escenario anterior” á chegada das ditas limitacións.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar