O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que cese á conselleira de Medio Rural e ao director xeral de Ordenación Forestal polos lumes de outubro. Así o dixo na comparecencia do presidente da Xunta que tivo lugar hoxe no Pleno do Parlamento, na que propuxo un Pacto Forestal que inclúa a política anti incendios de Galicia.
Sinalou que “a credibilidade pública do director xeral e a responsabilidade política da conselleira obrigarían a cesalos en calquera país”, como sucedeu en Portugal coa ministra do Interior. Acusou ao presidente da Xunta de presentar hoxe medidas fronte aos lumes logo de “obviar o relatorio” que aprobou a Comisión de Incendios de 2006, o que os fai “responsables directos das condicións que propiciaron os lumes”.
Fernández Leiceaga esixiu “reflexión e cambios” como “resposta adecuada ao país” e como “paso previo ao gran Pacto Forestal que debe saír da Comisión Especial que propoñemos”. Criticou que o PP teña vetado a proposta de constituír esta Comisión na pasada Xunta de Portavoces e amosou o seu apoio a creala agora, tal e como comprometeu o presidente da Xunta.
Reclamou “eliminar o partidismo, o caneo curto e a procura infrutuosa de chivos expiatorios”, para tender unha “cortiña de fume” para agochar o “déficit manifesto na actuación dun goberno ultrapasado” que deixou á cidadanía “desamparada”. As consecuencias, lembrou, foron catro falecidos, 50.000 hectáreas queimadas nun só fin de semana en 137 concellos e unha “lingua de devastación” de máis de 30 quilómetros.
Acusou ao presidente da Xunta de buscar “desviar a atención” sinalando a un suposto terrorismo incendiario, á climatoloxía ou aos lumes de Portugal, e mesmo situando aos concellos “en primeira liña de responsabilidade”. Apuntou que “se lle facemos caso estamos nas mans da climatoloxía, non nas do presidente da Xunta de Galicia”.
Responsabilidade
Fernández Leiceaga sinalou ademais o “fracaso da súa política de prevención”, ao reducir as faixas de protección impostas polo goberno de Touriño, e contar cun director xeral que é o primeiro que considera “anecdótico” o cumprimento das normas de prevención, o que supón “a constatación de impotencia e incapacidade de reacción”.
Advertiu que “moitos dos incendios que as condicións climatolóxicas avivaron e converteron en grandes estaban activos desde antes”, o que “incrementou a catástrofe e desviou medios no peor momento”. Lembrou que o 12 de outubro remataban os contratos das 125 brigadas de Seaga, que reincorporaron o día 16, cando o 75 por cento das brigadas municipais estaban ausentes, así como 6 helicópteros de extinción e 2 de coordinación.
Mentres, dixo, a Xunta deixaba sen declarar o máximo nivel do Platerga “para evitar que toda a responsabilidade se concentrara no presidente da Xunta”, logo dunha fin de semana no que tamén “fracasou o dispositivo de seguridade”. Explicou que aquela fin de semana non houbo operativo extraordinario no 112, fallou a coordinación co 085 e non houbo aviso previo aos corpos de seguridade.
Apuntou ademais que os lumes evidenciaron precisamente o “fracaso” do Mando único e evidenciou as eivas nunha política anti incendios, a través do Pladiga, que “hai tempo que deixou de ser un instrumento adaptado ás necesidades reais para converterse nun exercicio de rutina obsoleto e desconectado da realidade”.
Sinalou tamén ao “fracaso” das políticas da Xunta no canto á fixación de poboación no rural, ordenación forestal, a xestión forestal nos terreos privados, montes veciñais, montes conveniados ou de preservación de espazos naturais.