Cerviño acusa á Xunta de “falla de sensibilidade cara a lingua galega”

Cerviño acusa á Xunta de “falla de sensibilidade cara a lingua galega”

Cerviño acusa á Xunta de “falla de sensibilidade cara a lingua galega”

O portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Francisco Cerviño, criticou a “falla de sensibilidade cara a lingua galega” amosada pola Xunta, ademais do “pouco sentido común e político”. Así o dixo nunha pregunta na Comisión de Educación polo feito de que esta Consellería consulte á Real Academia Española e non á Real Academia Galega os criterios para a alfabetización dos apelidos do alumnado galego.

O responsable socialista criticou o “menosprezo” amosado pola Xunta contra a RAG polo “grave erro” que amosa unha “falla de sensibilidade cara a lingua galega que deixa en clara evidencia unha vez máis as políticas de lingua da Xunta”. Advertiu que “non consultaron ao secretario nin ao presidente da RAG sobre unha cuestión que en poucos días poderían ter respondido”.

Cerviño sinalou que esta actitude da Xunta contra a Real Academia Galega os leva a ter reducido de xeito drástico os orzamentos dun organismo de vital importancia para a lingua galega e que “se non fora polo millón de euros que reciben do Estado tiñan que ter feito un ERE ou directamente pechar a porta da súa sede no Pazo Emilia Pardo Bazán”.

O responsable socialista citou unha circular neste sentido emitida pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos o pasado 28 de febreiro en relación coas instrucións sobre o proceso de admisión de alumnado para o curso 2011-2012. Sinala que estas instrucións denotan “falla de sensibilidade cando non ignorancia supina cara á lingua galega”, ademais dunha “posible conculcación da legalidade” xa que esta labor recae na RAG.

Cerviño considera que esta decisión “non é máis que outro indicador da nefasta política que sobre a lingua galega está a levar a cabo o Goberno de Núñez Feijóo, unha política de desprotección da lingua galega”. Acusa ao PP de renunciar expresamente a unha protección que “é imprescindible se non queremos que a lingua galega esmoreza ata morrer nun prazo máis ou menos longo”.

O portavoz de lingua asegura “non ter senón loanzas para a Real Academia Española, que está a facer nos últimos anos un esencial traballo a prol da lingua española ou castelán”, mais amosa a súa “sorpresa” por que se lle consulte este asunto “cando é a Real Academia Galega o órgano consultivo pertinente non só dende o punto de vista legal – estatutario, senón dende o mero sentido común, incluíndo o sentido común político”.

Lembra que, na devandita circular, o punto 3 sobre “Criterios de alfabetización dos apelidos”, sinala literalmente que “A seguir inclúense os criterios de alfabetización dos apelidos que, en resposta á consulta formulada por este centro directivo, achegou a RAE”, e a continuación expóñense os criterios da Real Academia Española sen traducir ao galego.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar