Censuran a “alerxia parlamentaria” de Feijóo por impedir a comparecencia dos conselleiros do novo goberno galego

Censuran a “alerxia parlamentaria” de Feijóo por impedir a comparecencia dos conselleiros do novo goberno galego

Censuran a “alerxia parlamentaria” de Feijóo por impedir a comparecencia dos conselleiros do novo goberno galego

Abel Losada cualifica á maioría do PP de “cómplices necesarios” no “ataque contra a calidade do sistema democrático” do presidente da Xunta

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, censurou a “alerxia parlamentaria” amosada por Feijóo dende a súa chegada ao goberno galego impedindo a comparecencia dos conselleiros do seu novo goberno para explicar os seus proxectos na nova lexislatura que comeza. Dixo que “os galegos e galegas están a sufrir abondo como para constatar que o seu presidente non vai facer nada para mellorar a súa situación”.

O responsable socialista interveu na Deputación Permanente do Parlamento para defender a solicitude dun Pleno extraordinario que conte coa comparecencia dos conselleiros do goberno galego con motivo do comezo da lexislatura. Losada criticou a actuación do PP como “cómplices necesarios” para que o presidente da Xunta “perpetre un novo ataque á calidade do sistema democrático”.

Losada dixo que Feijóo “tenta desfigurar a actuación do Parlamento de Galicia amordazando aos grupos parlamentarios” nunha estratexia de “gibarización da vida parlamentaria”, supeditando a Cámara autonómica ao executivo e os intereses do PP. Dixo que a negativa a estas comparecencias constitúe un “perigoso antecedente inédito ata a chegada de Feijóo”.

Lembrou que tódolos gobernos anteriores a Feijóo compareceron na Cámara autonómica ao comezo do seu mandato para dar conta das liñas políticas xerais. Apuntou que “si que é coherente sen embargo coa estratexia do rodillo parlamentario do PP, que nega sistematicamente calquera solicitude de comparecencia presentada polos socialistas galegos”.

Paro e solvencia

Considerou “especialmente grave” que Feijóo impida que os membros do seu goberno expliquen as súas propostas para que Galicia supere a crise xa que, apuntou, “evidencia que en realidade carecen de ideas para impulsar a economía galega”. Este é o motivo, dixo, de que “dende que goberna, o PIB galego teña descendido un 4 por cento, situándose en cifras de fonda recesión, e este ano vaia superar os 300.000 parados”.

Sinalou que “polo momento, de acordo cos datos da Enquisa de Poboación Activa coñecidos hoxe Galicia acadou en 2012 a cifra récord de 277.400 parados, sendo a segunda comunidade autónoma na que mais creceu o paro no ano pasado”. Losada criticou que a única estratexia de Feijóo para frear a escalada no número de desempregados sexa “reducir nun 40 por cento os orzamentos das políticas activas de emprego”.

Abel Losada dixo que “todo o seu exercicio de márketing televisivo para presentarse como xestor líder da solvencia é en realidade espuma mediática, un engano mais para os milleiros de galegos e galegas que perderon o seu emprego, que teñen serios problemas para chegar a fin de mes e polos que non fai absolutamente nada”.

Denunciou que mentres o presidente da Xunta “centra tódolos seus esforzos en campañas de publicidade e en maquillarse para saír pola televisión, vemos cómo a súa xestión susténtase sobre unha mentira, como certifica o Consello de Contas”, que constatou o traslado de mais de 400 millóns de euros de gasto entre 2010 e 2011. Preguntoulle ao goberno galego que explique si continuou con estas prácticas nos exercicios aínda non auditados.

Comparecencias

O portavoz socialista advertiu que “dende o pasado día 28 de novembro, data en que quedaron constituídas as diferentes Comisións parlamentarias do Parlamento de Galicia, non se levou a cabo o seu calendario de actividades, e só se celebrou a comparecencia do Fiscal Xeral para cumprir o trámite.”

Lembrou que “o pasado día 3 de decembro, os deputados e as deputadas do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia solicitaron, polo trámite da urxencia a comparecencia dos membros de goberno nas Comisións correspondentes e no Pleno para dar conta das súas liñas de actuación na presente lexislatura”.

Criticou que este debate “foi escamoteado e aprazado” ata a convocatoria, hoxe, da Deputación Permanente, por parte da maioría do PP na Mesa do Parlamento, unha semana antes do remate de xaneiro e unha semana despois de rematar as comparecencias de Orzamentos en Comisión.

Losada denuncia que Feijoo “agocha a información e agocha as súas políticas tanto aos cidadáns como ao Parlamento de Galicia”. Afirma que o PP segue a estratexia de sempre “non conta o que vai facer porque iso permítelle saltarse o programa electoral que votaron os cidadáns e que dixo que non ia facer”.

Sinala que esta folla de ruta da dereita “defenden os intereses privados e os seus beneficios partidarios, en detrimento dos servizos públicos fundamentais”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar