Censuramos a arrogancia do PP, que despreza o traballo da oposición nos Orzamentos

Censuramos a arrogancia do PP, que despreza o traballo da oposición nos Orzamentos

Censuramos a arrogancia do PP, que despreza o traballo da oposición nos Orzamentos

Intervención íntegra do portavoz do grupo socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, no Debate de Orzamentos:

• O ORZAMENTO DA PERFECCIÓN

Debemos felicitar ao Conselleiro e ao seu equipo, por ser quen de facer un:

- Orzamento express (aínda que seguramente xa estaba elaborado desde antes das eleccións).

- Orzamento perfecto. O Grupo Popular –o Goberno- non tomou en consideración nen unha soia enmenda dos grupos da oposición; dos centos que fixemos entre todos. Non había nada que pagase a pena alterar. Un orzamento perfecto.

¿Perfecto? Só para o grupo popular. Con consecuencias evidentes para o funcionamento do sistema politico en Galicia.

Se o Orzamento é perfecto (imposible de modificar), o Parlamento queda devaluado. ¿Para qué serve?

Se o Orzamento queda sen cambios ao longo da súa tramitación, é porque o Goberno compórtase de xeito arrogante.

Orzamento perfecto e sen cambios, procedemento de discusión absurdo: ¿Para qué perder máis de dous meses nun debate en comisións e pleno para volver ao punto de partida? Poñan un aviso ao comezo da tramitación e así evitamos a perda de tempo e as fugas no depósito de confianza dos cidadás nas institucións (como nos encoros, xa se ven as costuras do fondo).

Ese aviso podería ser, seguindo a Dante até as portas do inferno: “Abandonade toda esperanza”. ¿Cómo explicarlle, xa non ao público -á cidadanía- senon aos deputados que chegan por vez primeira que tantas horas destinadas a discutir, a recoller información, a razonar, són como as vagas furiosos dun mar que baten contra o muro da indiferencia e a arrogancia intelectual dun goberno xordo a todo?
Saben perfectamente

1) Que o orzamento está trufado de imperfeccións

2) Que será obxecto de modificacións ao longo do ano xa previstas agora –non fruto do cambio das circunstancias-;

3) Que está feito para incumprirse.

Esa resistencia ao mínimo cambio é unha actitude política: o cofre do orzamento público só está aberto para as redes clientelares que pasan polas dirección xerais e as consellarías, que transitan polas polas ben ramificadas dos círculos de apoio ao Partido Popular. Que ninguén ouse discutir ese privilexio, entrometerse nese reparto.

Pero así o debate languidece. E este acto é perfectamente inútil, e “todo esforzo inútil conduce á melancolía” (Ortega y Gasset dixit). Poñámonos pois melancólicos.

• RETORNO AO DEBATE DE TOTALIDADE

Poderíamos pois repetir o debate de totalidade sobre o orzamento inicial. Porque é o mesmo documento, as mesmas cifras. Pero á melancolía engadiríamos o aburrimento. Non podo en todo caso deixar de glosar brevemente os argumentos que usábamos daquela:

• A excepción galega: As previsións indican que para 2017 a converxencia real coa economía española en termos de producción non terá lugar. 2016 convertiríase nunha excepción na longa traxectoria de crise. Algo falla na política económica da Xunta de Galicia cando non é quen de garantir un crecemento económico en Galicia similar ao español. Non falemos xa de emprego, onde as distancias son alarmantes e parece que o seguirán sendo. Galicia vai a menos en produción e sobre todo en emprego.

• A dependencia excesiva dos “animal spirits”: AIREF cualifica como prudentes as previsións xerais. Non o dubido. Eu estou discutindo as específicas. Os resultados económicos para 2017 dependen en exceso do comportamento expansivo da formación bruta de capital. Keynes xa alertou da inconstancia e volatilidade, da fraqueza psicolóxica que pendía sobre as decisións do investimento; Akerloff e Shiller, premios Nobel recentes, indícanos a dificultade de controlar hoxe eses espíritus animais, máxime cando o risco xeopolítico non fai máis que subir. Esa dependencia enfraquece as previsións da Xunta de Galicia. O futuro é incerto, as previsións débiles.

• Unha estratexia centrada no cumprimento do déficit: A estratexia fiscal dos últimos nove exercicios pode definirse, en primeiro lugar, polo axuste do déficit ao nivel máximo autorizado. Pero iso non é unha estratexia; sería en todo caso unha restrición á que debe someterse a estratexia na acción de goberno. A ausencia de proxecto é a consecuencia; o clientelismo, a estratexia de substitución. A Xunta de Galicia adicouse ao curto prazo (gañar eleccións) fronte ao medio e longo prazo (produtividade, progreso inclusivo, emprego).

• Un axuste excesivo: Peor aínda: a Xunta de Galicia supérase no axuste. Vai máis alá do que está estipulado. Neste orzamento prodúcese unha utilización da capacidade de endebedamento da comunidade autónoma por baixo da autorizada ás administracións rexionais no último Consello de Política Fiscal e Financeira. Este desvío á baixa cífrase en 60 millóns de euros (ao pasar do 0.5 ao 0.6% do PIB).

O que coñecemos da liquidación de 2016 dos orzamentos da XG indica que o déficit para ese exercicio será aproximadamente a metade do autorizado. Con esa diferenza podería terse feita a recuperación do poder adquisitivo dos funcionarios públicos xa en 2016 ou proceder á construción do Hospital de Vigo por medios propios. Falta ambición e confianza.

• Un investimento aínda moi escaso: O Orzamento inicial de 2017 presenta unha redución do aforro corrente proxectado, con implicacións sobre o volume de investimento. Cun robusto crecemento económico a formación bruta de capital público autonómico estáncase en termos de PIB e reduce o seu peso en porcentaxe no orzamento consolidado. E recuperar investimento público é necesario para atender algunhas demandas necesarias en todos os ámbitos como veremos logo. De novo, falta ambición.

• Unha estratexia tributaria de chuvia fina: centrada en rebaixas selectivas, por medio da introdución de beneficios fiscais dirixidos a sectores ou actividades determinadas, e unha renuncia ao uso da capacidade de alterar os tipos para intensificar a progresividade fiscal. Exemplo: a rebaixa fiscal ás compras de vivenda no medio rural. De acordo coas informacións publicadas suporá 2.5 millóns de euros, cubrindo máis do 90% do territorio. Alegrámonos polos beneficiarios. Pero, ¿vai producir efectos significativos sobre o retorno ao medio rural?; ¿vai beneficiar aos compradores de segundas residencias? Estas son as preguntas a contestar. O clientelismo fiscal privilexia os resultados electorais fronte ao crecemento.

• Un orzamento que non reflicte a recuperación, sen reformas necesarias: O ton económico cambiou... aínda que demasiadas persoas non o perciben. Levamos tres anos de recuperación e no último o ritmo de crecemento superou o 3%. O orzamento non reflicte a recuperación e non acomete a reforma profunda do perfil de gasto para atender as necesidades sociais e impulsar o crecemento. Falemos algo máis disto, porque a formalidade do debate esíxenos centrármonos no gasto. O continuísmo é a lei.

• OS CAMBIOS NO PERFIL DE GASTO

III.1 INTRODUCIÓN

Fixemos un esforzo considerable para alterar profundamente o perfil de gasto, aínda dentro das limitacións que introduce que neste trámite, unha vez desbotadas as emendas á totalidade, só sexa posible alterar cantidades dentro das seccións. Presentamos un total de 498 emendas, cun importe acumulado de 414 millóns de euros. Tendo en conta que non alteramos o capítulo 1 (gastos de persoal) nin os capítulos 3, 8 e 9 (de gastos financeiros, de activos e pasivos financeiros), afecta ao 8% dos créditos restantes.

III.2 O EMPREGO: unha Galicia de oportunidades

Esta modificación nos perfís de gasto ten que comezar co emprego. Así, as nosas emendas alteran o destino de 85 millóns de euros para programas específicos dirixidos á mocidade e ás mulleres, aos parados de longa duración e a aqueles afectados polos ERES; aos discapacitados a través dos Centros especiais de Emprego; para fomento do emprendemento, para a implicación dos concellos e a recuperación dos Pactos Territoriais do emprego e a economía social. Para reforzar a formación dos parados e dos ocupados –algo que vostedes desprezaron no 2016-. Vouno repetir: NON FIXERON CONVOCATORIA DE FORMACIÓN PARA OCUPADOS NO 2016.

Se comparamos o nivel de ocupación en 2008 (4º t) e 2016 (4º t) Galicia é a comunidade autónoma que máis emprego en proporción destruíu, un 12.3% (146.800). A tan famosa nesta cámara CA de Andalucía está por baixo do 7%.....
Se avaliamos o que sucedeu na recuperación, Galicia é a CA que menos emprego recuperou, xunto co País Vasco (un 1.5%) (Andalucía, algo máis que un 9%...). Nos catro anos de recuperación só creamos en termos netos 15.000 empregos. Non falemos xa da mocidade, da industria ou da calidade do emprego. Os resultados son sempre desoladores.

¿Estas cifras non debería chamarlles á reflexión? A limitar a súa arrogancia, a desconfiar da perfección do orzamento. Algo cheira a podre en San Caetano se continúan a confiar nuns programas con tan escasos resultados e nuns xestores que son incapaces de facer chegar os recursos dispoñíbeis a aqueles que os precisan no momento en que máis os precisan.

¿Cómo conseguir que a recuperación económica sexa unha realidade para todos os cidadáns se non ofrecemos oportunidades de emprego nin de reciclaxe adecuada a demasiados homes e mulleres de Galicia? O Plan Estratéxico establece como obxectivo para 2020 unha taxa de emprego do 70% para a poboación entre 20 e 64 anos (na Unión Europea sería do 75%), sendo o nivel do 2015 dun 61.5%. Non estamos na senda correcta para acadar o modesto obxectivo que ten definido este goberno. Estamos lonxe da Galicia das oportunidades que queremos construír.

III.3 UNHA ACTUACIÓN MÁIS DEFINIDA SOBRE OS FACTORES DE OFERTA: unha Galicia máis competitiva

Non aprecio as análises en branco e negro. Ese diferencial entre crecemento da ocupación e da produción é o incremento de produtividade. A economía non absorbe a oferta de traballo nas doses adecuadas pero facémonos máis competitivos ¿Qué me preocupa? Que doutro punto de vista ese diferencial é o excedente dispoñible para investir. Pero o investimento privado non chega coa intensidade suficiente. Se estivésemos seguindo unha sorte de modelo chinés orientado á capitalización preocuparíame polo desequilibrio social pero teríamos outras fenómenos positivos. Pero nada disto está sucedendo. Crecemos menos que o resto e creamos moito menos emprego que o resto. A competitividade adicional tradúcese nunha depresión das rendas do traballo (algo que as estatísticas reflicten: por iso é tan necesario un Pacto de rendas) sen que o faga o investimento privado. E por certo, tampouco o público na medida suficiente. Estamos financiando investimentos noutras latitudes, trasladando emprego e recursos para investir.

Por iso nós propomos actuar de xeito decidido sobre os factores de oferta da economía. Os que afectan á competitividade e alentan o investimento.

Con programas específicos para sectores tradicionais con problemas (lousa e granito, auxiliares da automoción ou naval) pero tamén apostando por reforzar aquelas áreas nacentes (aeronáutica, biotecnoloxía ou empresas de alto crecemento- gacela di ARDAN-); e sobre aquelas outras que combinan un potencial intenso con efectos externos de carácter ambiental (mineólica ou biomasa).

Cunha actuación máis decidida para impulsar as concentracións parcelarias ou a creación de masas forestais sostíbeis; para defender o sector lácteo ou o regadío.
Cunha aposta pola rexeneración dos bancos marisqueiros e a recuperación da pesca artesanal. Pola seguridade dos nosos mariñeiros ou impulsando a comercialización do mexillón. Non estamos contra a acuicultura. Estamos contra un apoios á acuicultura que compromete o resto dos ámbitos de pesca.

Actuando sobre a internacionalización. Temos un saldo comercial externo favorable, pero excesivamente dependente dun número extremadamente limitado de grandes empresas. Precisamos incorporar outras sociedades, singularmente PEMES, á aventura exportadora, outros segmentos (servizos), a outros mercados. Precisamos anteciparnos ás turbulencias do contexto internacional, do BREXIT á eventual ruptura do NAFTA ou á evolución dos prezos da enerxía.

Actuando sobre as decisións de investimento. Hai programas xa no IGAPE que compre executar, reforzar con máis recursos e mellorar substantivamente para que as empresas se sintan interpeladas e aposten por Galicia. Normalizando as relacións coa Confederación de Empresarios. E discutindo con eles e os sindicatos un programa de medio prazo. (Industria auxiliar do automóbil: 14/0)

Actuando sobre a investigación e a transferencia tecnolóxica. Estase potenciando a consolidación da investigación universitaria. É imprescindible actuar sobre a empresarial.

Actuando sobre a oferta de solo industrial e os polígonos industriais. A oferta de solo público competitivo é insuficiente en áreas de Galicia, limitando a capacidade de atraer empresas novas. Debemos prepararnos para unha expansión da demanda nos vindeiros anos. E vender mellor as nosas capacidades.

III.4 UNHA APOSTA POLO CRECEMENTO INCLUSIVO: Unha Galicia que coida da súa xente

Non podemos deixar a ninguén atrás. Compre coidar da nosa xente, especialmente daqueles que padeceron de xeito máis intenso as consecuencias da longa crise económica e o axuste no gasto público.

A recuperación ten que ser inclusiva. Unha esixencia social que traerá estabilidade política. E, facéndoo ben, permitirá a bonanza económica. Para o que se precisa, por exemplo, recuperar os niveis dos servizos públicos básicos, repoñendo, nun esforzo de medio prazo, o emprego perdido durante os últimos oito anos e impulsar as melloras nas infraestruturas e na xestión que eleven o nivel de eficiencia.

As nosas emendas sobre as infraestruturas necesarias recollen o sentir común de moita xente en diversos territorios de Galicia. Contan historias de necesidades insatisfeitas.

Das dificultades para mandar os fillos a estudar, porque os centros están demasiado lonxe, saturados ou vellos. Hai centros de ensino no entorno das cidades que habilitaron bibliotecas e salas de profesores para dar cabida á demanda. Das dificultades para acceder a unha atención primaria de calidade. Porque os centros están demasiado lonxe, saturados ou vellos. Dos accidentes e os retrasos que unha deficiente comunicación viaria producen nalgunhas zonas. Vidas truncadas, vidas difíciles que nós pugnamos por trasladar en negro á lei de orzamentos para mellorar as condicións vitais ou de traballo de moita xente. De portos que precisan repararse. De infraestruturas rurais que necesitan coidado, Non hai demandas pouco fundamentadas nas nosas emendas. Pode haber dificultade para facelo todo cos recursos dispoñíbeis. Pero ás veces é unha xestión deficiente ou uns criterios políticos que non compartimos os que impiden que se dea unha solución.

Importante: os fondos para financiar estas actuacións, non sempre pero frecuentemente, proceden dunha redución substantivas dos investimentos inmateriais. ¿Son necesarios? Ás veces sí. Pero cando chega decembro e vemos cómo aparecen planas de xornais ou programas diversos en medios privados para louvar (perdón, explicar) a acción das consellerías debemos chegar á conclusión de que un uso máis eficiente esixe proceder aos cambios que as nosas emendas propoñen.

Coidamos da nosa xente cando mais o precisa. E por iso na política social apostamos polo reforzo dos servizos sociais dos concellos ou o incremento dos recursos na loita contra a pobreza. Por iso queremos reforzar os programas que atenden ás persoas con diversidade funcional.

Todos os informes son coincidentes. Procedentes de ámbitos diversos. Desde as organizacións que traballan a pé de rúa até aqueles impulsados desde o servizo de estudos do Banco de España. Desde os informes do IVIE a aqueles que teñen nas universidades galegas o seu fundamento. Os indicadores de desigualdade e de pobreza empioraron moito desde o inicio da crise -desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta de Galicia-. España tiña niveis de desigualdade reducidos no contexto internacional, pero en pouco tempo percorreu un camiño equivocado e hoxe campea en Europa, só por detrás de países anglosaxóns. Galicia mantén niveis reducidos, pero seguiu o camiño xeral de España.

A desigualdade nace do deterioro do mercado laboral. Da perda de emprego. Pero tamén do emprego a tempo parcial, precario, por horas. E do deterioro dos salarios e das condicións laborais. A pobreza, o mesmo. Con demasiados fogares que non teñen ningún ingreso, porque remataron as axudas ligadas ao emprego.

Deteriorou a súa situación a mocidade. E os maiores aguantaron, simplemente, porque o sistema de pensións aguantou. A mocidade precisa oportunidades. Os maiores seguridade. Non demos aquelas. E a seguridade de todos está en risco. Compre restaurar as oportunidades, con salarios dignos e condicións laborais adecuadas, porque a seguridade de todos depende de que teñamos unha base laboral firme.

Pero déixenme dicirlles dúas cousas:

a) Os sistemas públicos de atención a aqueles que o precisan son imprescindibles. Sabemos hoxe que sen eles a taxa de pobreza duplicaríase en Galicia. Están cumprindo, aínda que malamente, o seu papel. Démoslle os recursos que precisan e fagamos que funcionen eficazmente e viviremos nunha Galicia mellor. Hai que desenvolver a Lei da Inclusión Social que despois de catro anos non ten desenvolvemento regulamentario. Que está deixando a demasiada xente fora por decisións arbitrarias impulsada polos decisores políticos.

b) A garantía pública de servizos básicos, como a educación ou a sanidade, tamén afecta á calidade de vida; de xeito máis intenso conforme a renda é menor. E, por moitas vías, á produtividade da nosa economía. Falei pouco hoxe de educación. Pero non porque me pareza un tema menor. Porque coas nosas emendas transversais, no debate de totalidade, xa explicamos como entendiamos que debía ser priorizada. Ao igual que en sanidade. Centramos as nosas emendas parciais na dotación de infraestruturas necesarias, sen alterar os capítulos que afectan ao funcionamento ordinario dos centros.

III. 5 UNHA APOSTA POLA IDENTIDADE: Unha Galicia que coida de sí mesma
Quero facelos partícipes tamén doutras emendas. Porque reflicten déficit deste orzamento dos que a nosa sociedade é pouco consciente.

¿Saben vostedes cando destina o orzamento da Xunta de Galicia 2017 á defensa e mantemento dos nosos bens patrimoniais, unha vez que retiramos o capítulo de gastos de persoal? Aproximadamente 5 millóns de euros....

¿Saben vostedes canto adican á promoción da lingua galega? Unha cantidade similar.

Non debe sorprender que fagamos emendas para reforzar os recursos destinados a estas funcións. Por suposto non atendidas, porque hai outras prioridades...

Coidamos de Galicia coa protección do medio, coa creación de sendas verdes, cos selados dos vertedoiros e a recuperación das praias. Coidamos Galicia coa lingua e a cultura. Coa defensa do patrimonio.

Moitas das nosas emendas queren reforzar a política de construción de infraestruturas hidráulicas (EDARes) para preservar o medio; para garantir rías limpas nas que a produción dos bancos marisqueiros poida consumirse sen riscos para a poboación; e ríos limpos para goce da xente.

IV. CONCLUSIÓN

Remato xa:

Consideramos estes orzamentos unha oportunidade perdida.

Para a rectificación das políticas que non funcionan

Para a posta en marcha de iniciativas que a recuperación fai posible.

Para trasladar a recuperación á xente.

Perseveran nos erros e non se molestan en entender as razóns da oposición. Son maioría neste Parlamento, obtiveron o número de votos necesarios para gobernar. Ninguén o discute.

Pero unha vitoria electoral xestionada con arrogancia -este orzamento éo- dilapida a confianza e defrauda á cidadanía. Gobernar hoxe é un exercicio sometido ao escrutinio instantáneo da opinión. Hoxe debe estar desalentada.

Porque podían crear máis oportunidades.

Facer a Galicia máis competitiva.

Coidar mellor á nosa xente.

Protexer a Galicia material ameazada, a identidade esvaída.

Non quixeron compartir con nós o reto de facer unha Galicia máis forte. É a súa responsabilidade. E así llo demandaremos.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar