Ceferino Díaz: «Non ten sentido no PSdeG volver á idea do municipalismo sen país»

Ceferino Díaz: «Non ten sentido no PSdeG volver á idea do municipalismo sen país»

Ceferino Díaz: «Non ten sentido no PSdeG volver á idea do municipalismo sen país»

Entrevista en La Voz de Galicia. Domingos Sampedro/ Na traxectoria de Ceferino Díaz hai algo de contracorrente. Cando o PSOE abxuraba do marxismo, en 1979, el defendía o partido de clase e a autodeterminación. Logo moveu os fíos das operacións que levaron a Laxe á Xunta, pero quedouse fóra daquel tripartito, e xa foi casualidade que o ano que se presentou ao Congreso, Aznar obtivese a maioría absoluta.

-¿Como se ve a política galega dende a atalaia de Madrid?
-Non estou entusiasmado con ela. A Feijoo considéroo intelixente, pero o seu Goberno de segunda división foi unha decepción; limítase a xestionar o que hai e non, e non albisco o seu proxecto a onde quere levarnos.

-¿Que foi o que máis cambiou na forma de facer política?
-Pasamos de vender ideas a vender mercadorías, e aí case todos somos iguais, a dereita e a esquerda. Vendemos estradas en vez de ilusión, e penso que necesitamos outro alimento máis aló do cemento, que ademais é moi indixesto.

-¿Cal foi a súa mellor vivencia política?
-Sobre todo, a do Estatuto e os anos seguintes. Había un pacto tácito dos grandes partidos para acabar coa festa autonómica en Galicia, pero os galegos gañamos a partida e logramos ter as nosas institucións: o primeiro Parlamento con 71 deputados sen apenas experiencia, a creación da Xunta... Foi unha etapa ilusionante.

-O PSdeG pide agora a reforma do Estatuto, ¿é o momento?
-A nivel social, non está creado o clima para a reforma. O Estatuto non é dos políticos, senón do país, para mellorar a gobernanza, a actuación sobre o medio, e iso require un clima de consenso. Se un partido non quere, non lle hai nada que facer.

-Vostede foi sempre algo así como a «G» do PSdeG. ¿Que hai de galeguismo no PSOE?
-Hoxe o galeguismo é a nosa autonomía, que é moi prezada pola sociedade. No PSdeG houbo voces críticas coa autonomía, pero están moi superadas.

-¿Ten herdeiros a súa visión?
-Eu arriei esa bandeira cando Touriño e xente como Antón Louro gañaron o congreso do PSdeG de Ourense [en 1998] e asumiron o galeguismo.

-¿Quen leva agora a bandeira?
-Logo da experiencia do bipartito penso que non demos pasos cara adiante. Chegouse a falar de volver ao proxecto municipalista, ao localismo, cando non ten sentido volver á idea do municipalismo sen país. O PSdeG ten que pensar en Galicia, ter un proxecto para gobernala e para vertebrala.

-Iso parece un reproche á dirección de Pachi Vázquez...
-Penso que non está a facelo de todo mal, pero o problema é a política de confrontación que se practica, na que estamos todos implicados nun momento en que a sociedade nos está dicindo que imos mal, que é mellor concordar, dialogar. Hai que axudar e chegar a consensos.

-¿Que sentido teñen para vostede as deputacións?
-É un tema complexo a nivel de Estado. En Euskadi déronlle sentido histórico e en Andalucía poden apoian que sigan. Pero en Galicia, que somos un país pequeno e compacto a nivel cultural, a supresión das deputacións non admite discusión.

Acaba de anunciar que non repetirá como candidato ao Congreso, pero ten vocación de seguir aportando ideas no PSdeG.

-¿Pode visualizar ao terceiro presidente da Xunta socialista?
-Gustaríame que fose pronto, pero ao mellor as circunstancias non son para pronto. E gustaríame que tivese un proxecto de Galicia asentada en si mesma e proxectada cara Europa, un proxecto integrador e vertebrador.

-Arrísquese con algún nome, ¿hai canteira?
-Claro que hai nomes moi capaces na canteira, pero non podemos estar taponando a esa xente. Hai que abrirlle as portas, darlle a oportunidade de facer unha política nova.

-¿É Rubalcaba un bo candidato para este momento?
-O momento é o que toca. Estou convencido de que é o mellor candidato para este momento, porque coñece o país e as súas circunstancias difíciles.

Ceferino Díaz viviu dende a primeira liña a chegada e ascenso de Zapatero e asistiu en directo ao seu declive. Se lle dan a escoller, non ten dúbida: «Contra Aznar o PSOE vivía mellor».

-¿Cal foi o principal erro de Rodríguez Zapatero?
-As circunstancias sobrepasaron ao Goberno, pero tamén houbo improvisación. E non houbo capacidade de resposta ata que pasou un tempo, pero non a tiñamos nós nin a tiñan os outros.
-¿Cre que a acción do Goberno traizoou o ideario da esquerda?
-Ante unha situación como a actual non hai programa, e faise o que se pode. Cando a primeira partida de gasto é o subsidio de paro e a segunda a débeda, entón ves que isto vai moi mal, e non se arranxa con ideoloxía.

-¿Como saímos desta?
-A solución a esta crise é máis Europa. Se Europa mancomuna a débeda, automaticamente baixarían os tipos de xuro, pero países como Alemaña están a poñer condicións antes de mancomunar nada. China, Brasil, India, todos compran débeda europea para que isto non se derrube e poidan colocar a súas mercadorías. Europa é unha aposta mundial e fóra dela fai moito frío.

-¿Moléstalle que, como deputado, exhiban o seu patrimonio?
-En absoluto, pero creo que ao mellor está mal posto o punto de mira. Os deputados non manexan fondos públicos, poden mirar o que gañamos e aforramos, pero eu aínda que quixera ser corrupto non podería porque non xestiono recursos públicos. O foco ten que estar máis nos gobernos, tamén no da Xunta.

-¿Ve síntomas de esgotamento nesta democracia?
-O que está esgotado é o modelo de «vótame, que yo te lo resuelvo», porque ese é moi pouco participativo. Teño envexa de outros países onde hai implicación social nun proxecto colectivo, falo dos modelos nórdicos, de Xapón, onde se actúa colectivamente ante unha catástrofe.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar