Carmen Gallego: "O PP ataca os piares do Estado do Benestar"

Carmen Gallego: "O PP ataca os piares do Estado do Benestar"

Carmen Gallego: "O PP ataca os piares do Estado do Benestar"

A portavoz de Políticas Sociais do Grupo Socialista, Carmen Gallego, acusou ao PP de “atacar os piares do Estado do Benestar” ao asfixiar o Plan concertado de prestación de servizos sociais a través dos concellos. Os socialistas presentaron unha moción no Pleno do Parlamento para repoñer o nivel de investimento de 2011, que foi rexeitada polo PP.

Gallego advertiu que o PP en recortado de maneira drástica os fondos para este programa, que garante a prestación de servizos sociais a través dos concellos en base a fondos procedentes do Estado e das comunidades autónomas. Así, en Galicia Feijóo pasou dos 20,5 millóns de euros de 2009 a 8,6 en 2013, mentres Rajoy recortou un 60 por cento en só dous anos, pasando de 7,2 en 2011 a 2,2 neste ano 2013.

A proposta socialista instaba ao Executivo a trasladar aos concellos de Galicia os recursos económicos suficientes para atender os servizos do Plan Concertado acadando como mínimo as contías establecidas para este plan no Orzamento da Xunta do ano 2011. Isto suporía que a Xunta investira 16 millóns de euros e o goberno central 7,2.

A parlamentaria socialista denunciou o “cinismo político” do PP, que negou a existencia de recortes nestas partidas pero votou en contra da proposta socialista. Dixo que “é falso que non haxa recorte, hai un recorte orzamentario baseado nunha planificación ideolóxica para dinamitar o Estado do Benestar mentres retorcen as cifras para agochar as súas decisións”.

Dixo que esta decisión de “atacar aos Servizos Sociais” inclúe a paralización da Lei de Dependencia, ou a modificación da Lei de Bases do Réxime Local para quitarlle competencias aos concellos e concedérllelas ás deputacións provinciais. Denunciou que Rajoy, en lugar de axudar ás persoas en risco de exclusión, aplica un “criterio economicista coa aquiescencia, complacencia e aplauso entusiasta do goberno galego”.

Coa iniciativa os socialistas reclamaban tamén garantir os servizos de financiamento mínimo do Plan Concertado, primando os criterios de dereitos das persoas sobre os económicos. A responsable socialista denunciou o paulatino abandono por parte dos gobernos central e autonómico deste plan que garante atención básica aos cidadáns a través dos concellos.

Gallego sinalou que o goberno de Rajoy “abandona o Plan concertado e deixa nunha situación moi difícil aos concellos para soster estes servizos” mentres, ao mesmo tempo, “prohibe o endebedamento para cumprir co obxectivo de déficit”.

Os socialistas manifestaron con esta iniciativa o seu rexeitamento aos recortes do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade ao sostemento da rede de Servizos Sociais Comunitarios nos orzamentos de 2012 e 2013. Gallego reclamou que “manteña e sosteña un sistema público de servizos sociais que permita atender ao conxunto da cidadanía e garantir os dereitos sociais constitucionais”.

Gallego advertiu que a redución das partidas do goberno galego coincide coa “decisión do goberno central de retirar totalmente a súa achega para financiar os servizos sociais dos concellos”. Esta decisión, explica, “pon en risco o futuro dos servizos sociais municipais xusto no momento no que as familias necesitan máis axuda, aumenta a pobreza, os desafiuzamentos e as peticións de axuda de emerxencia social crecen un 200 por cento”.

Lembrou que o Plan Concertado constitúe “unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento das prestacións básicas de servizos sociais” axudando aos concellos a manter unha rede de servizos sociais de atención primaria.

Estes fondos, explica, garantían as necesidades básicas da cidadanía, dotaban de apoio económico e técnico ás corporacións locais e consolidaban as prestacións que inclúen a axuda ao fogar e teleasistencia aos dependentes.

Acusa así a Feijóo e Rajoy de levar adiante unha “política descontrolada de recortes e axustes que provoca o desmantelamento dos servizos públicos básicos agravando máis a situación da cidadanía”. Sinala que os recortes, no peor momento da crise, “están afectando gravemente á cohesión social”. Sinalou que estes recortes provocan que o risco de exclusión social sexa “cada día maior en España e Galicia”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar