Caride esixe que se modifique a orde que determina o copago de servizos públicos

Caride esixe que se modifique a orde que determina o copago de servizos públicos


A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Socialista, María José Caride, esixiu á Xunta que modifique a Orde da Consellería de Facenda publicada no DOG que establece o copago como modelo de financiamento dos servizos públicos. No debate dunha pregunta socialista no Parlamento, dixo que esta decisión atenta contra “os piares do Estado do Benestar”.

Caride advertiu que o copago forma parte da “axenda oculta que o PP non quere amosar”, tal e como determina esta Orde que foi publicada no DOG o 10 de marzo de 2011. Dixo que esta medida afecta a un servizo público básico e reclamou “garantir o Estado do Benestar” e defendeu que os servizos públicos “sexan financiados a través dos impostos”.

Reclamou á Xunta que “si cren e defenden que o copago non debe ser aplicado entón teñen que esixir á Consellería de Facenda que refaga a orde e elimine esta primeira liña” que establece este sistema de financiamento. Dixo que “resulta necio pensar que é a única fórmula” para salvar as dificultades de financiamento e engadiu que “contamos cun sistema impositivo que debe ser o garante do Estado do Benestar e dos servizos públicos”.

A responsable socialista trasladou a súa “preocupación máxima porque as teses do PP sempre rexeitan e escapan a todo o que significa tributación progresiva e propiedade colectiva de bens públicos porque pensan que é malo para o mercado”.

Dixo que a pesares de que no PP “pensen que xestiona mellor a iniciativa privada que a pública, tódalas experiencias amosan os problemas que xurden cando unha administración pon un servizo público en mans privadas”. Puxo como exemplo o Hospital de Alcira –Valencia-, que tivo que ser rescatado polo Goberno en tres ocasións para ser concedido logo á mesma empresa.

Caride sinalou que esta orde publicada pola Consellería de Facenda coincide coas declaracións de “destacados membros” do PP, como o presidente de Murcia, que sinalaba que a educación e a sanidade non poden ser soportados polo orzamento rexional ou estatal, e consideraba “moi necesario” que os cidadáns asumiran o custe dos servizos “na porcentaxe que sexa”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar