Caride desafía a Feijóo a constituír unha comisión de investigación sobre NCG e enviar as conclusións á fiscalía

Caride desafía a Feijóo a constituír unha comisión de investigación sobre NCG e enviar as conclusións á fiscalía

Caride desafía a Feijóo a constituír unha comisión de investigación sobre NCG e enviar as conclusións á fiscalía

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, María José Caride, desafiou hoxe ao presidente da Xunta a constituír “de inmediato” unha Comisión de Investigación sobre NCG Banco para enviar as conclusións á fiscalía. Así o dixo na comparecencia da Conselleira de Facenda sobre a entidade que tivo lugar hoxe no Parlamento.

Caride advertiu que unha negativa a esta investigación evidenciará “que agochan a conivencia entre Feijóo e os directivos das caixas galegas” que están a abandonar a entidade con indemnizacións que son 8 veces superiores a todo o orzamento para obra social nos próximos 3 anos. Esixiu á Xunta que contribúan a “clarexar a xestión ou recoñecerán que teñen algo que agochar e que son responsables da desfeita”.

A responsable socialista reclamou “avaliar e depurar tódalas responsabilidades” e que a Xunta dea explicacións dende o Parlamento “para que todo o mundo coñeza a verdade” do “estrepitoso fracaso da xestión de Feijóo”. Advertiu que “bastoulle un ano para pasar de ter en Galicia dúas caixas e un banco mediano a ter unha banca nacionalizada e unha marca comercial”.

Dixo que esta xestión evidencia “o tripla fracaso de Feijóo” sen caixa, con menos do 7 por cento do banco e sen rigor na xestión, e engadiu que froito deste fracaso do goberno galego, dixo, “hoxe somos a única comunidade histórica sen caixa do territorio. Caride engadiu que “ademais sen galeguidade, xa que desfixéronse da carteira industrial e non nos queda mais ca sede social en Galicia.

A parlamentaria socialista dixo que hoxe Novacaixagalicia Banco “semella un xigante con pés de barro, como evidencia o escándalo das indemnizacións polas que debera estar dando conta”.

Caride instou ao goberno galego a explicar “cándo pensan esixir a devolución” das indemnizacións dos ex directivos, tal e como anunciou Feijóo. Dixo que esta investigación resulta “máis precisa que nunca” para “coñecer tódalas responsabilidades e que os que tiveron algo que ver deixen de representar a de NCG”, incluíndo o Consello de Administración e ao regulador.

A portavoz de Facenda e Orzamentos dixo que a busca de responsabilidades debe aplicarse “a todos”, dende a Xunta e os xestores ao Consello de Administración de Novacaixagalicia e ao regulador.

Incompetencia

Caride sinalou que a Xunta de Galicia “ten moitas competencias, e ningún incompetente pode facer que renunciemos a elas”, e lembrou que a Consellería de Facenda exerce funcións de inspección das caixas de aforro, de acordo cos estatutos, ademais de contar cunha persoa na Comisión de Control. Este pode solicitar “cantos antecedentes e informes considere necesarios”, que a entidade estará “obrigada a ofrecer”.

Dixo que a Xunta “coñecía as retribucións” dos altos cargos a través do seu representante, “e se non o sabe –engadiu- haberá que preguntar qué fai alí”. Puntualizou que “ademais o saben polos xornais, que publicaron en abril o incremento retributivo dos plans de pensións destes altos cargos do 71 por cento sen que o Goberno galego fixera nada.

Lembrou que mesmo Rodrigo Rato paralizou as indemnizacións de Cajamadrid á súa chegada “aínda cando semella que eran legais, pero decidiu que dirimiran os tribunais”, e preguntou “por qué non o fixo a Xunta”.

Advertiu que mentres cada pouco coñécese unha indemnización superior para un directivo da entidade, en Galicia hai “20 millóns de euros menos ao día de créditos para as familias e as empresas”, coa maior caída do crédito de España e cada día seis familias quedan na rúa polo desahucio das súas vivendas.

Reclamou que expliquen “cándo e cómo pensan denunciar o informe da auditora KPMG –encargado pola Xunta por un millón de euros e realizado en 15 días- por engano masivo aos cidadáns galegos” ao avalar a fusión.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar