Caride denuncia que Feijóo leve 54 días sen pisar o Parlamento e reclama a súa comparecencia no vindeiro pleno

Caride denuncia que Feijóo leve 54 días sen pisar o Parlamento e reclama a súa comparecencia no vindeiro pleno

Caride denuncia que Feijóo leve 54 días sen pisar o Parlamento e reclama a súa comparecencia no vindeiro pleno

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, María José Caride, cualificou hoxe de “vergoña” que en plena crise económica o presidente da Xunta estea 54 días sen presentarse no Parlamento. Reclamou a comparecencia de Feijóo para que explique, no primeiro Pleno de febreiro, as súas propostas de impulso da economía.

Caride dixo que o presidente da Xunta permanecerá “dimitido das súas responsabilidades” e “sen aparecer nin dar a cara” durante preto de dous meses “de excepción económica”. Este é o período comprendido entre o último Pleno de decembro no que participou Feijóo e o primeiro do próximo período de sesións, que se celebrará o 14 de febreiro, mentres Galicia lidera a destrución de emprego e con milleiros de EREs nas empresas.

Logo de que o PP rexeitara onte a convocatoria dun Pleno extraordinario reclamado polos socialistas galegos para dar conta das medidas de loita contra a crise e os cambios no goberno galego, a responsable socialista anunciou a solicitude de comparecencia do presidente da Xunta no primeiro Pleno ordinario por estas mesmas cuestións.

A responsable socialista esixiu presenza de Feijóo “para explicar qué está a facer o goberno galego contra a crise e dicir algo mais que banalidades como que a economía galega mellorará cando mellore a economía mundial”. Dixo que Feijóo “debe explicar a remodelación do seu goberno e si ten propostas de impulso da economía ou si é un goberno de tránsito”.

Criticou que o presidente da Xunta estea “agochado detrás dos votos do PP” para evitar dar a cara mentres “percorre os platós de televisión xerando alarma ao anunciar recortes, copagos e medidas regresivas”. Lembroulle que, mentres, os galegos están pendentes de si mañá terán traballo ou non, as familias e as empresas non atopan crédito nun ano de clara recesión e os galegos e galegas fan colas nos comedores sociais.

Insulto á intelixencia

A responsable socialista cualificou tamén de “insulto á intelixencia dos cidadáns” que a Xunta asegure que o aumento do 20 por cento no prezo das garderías infantís revitalizará a demografía”. Acusou a Feijóo de ir “contra o sentido común” e contra as súas propostas de revitalización demográfica feitas hai dous anos ao reducir servizos sociais, as actividades extraescolares ou incrementar o prezo dos comedores escolares.

Sinalou que a Xunta vai no camiño exactamente oposto ás medidas necesarias para loitar contra a caída demográfica de Galicia, que tal e como apuntou o IGE suporá a perda de 113.309 persoas nos próximos 10 anos de maneira xeral en tódalas comarcas galegas, e que afectará especialmente ao rural galego.

Contrastou que fronte a esta situación o presidente da Xunta está “máis preocupado polas eleccións de Andalucía e o reparto de poder no PP que polos problemas dos galegos e galegas”. Así o dixo lembrando que Feijóo anticipou novas reformas para que a sanidade pública sexa tan eficiente como a privada, o que “explica que escollera como conselleira de sanidade a unha xestora privada que sabe cómo agochar listas de espera”.

Acusou ao PP de utilizar a crise “para o desenvolvemento da ideoloxía neoliberal”, aproveitando para “privatizar servizos de garderías, o Hospital de Vigo, os centros de saúde, os centros de día ou a xestión da farmacia hospitalaria”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar