Caride advirte que o PP rexeita no Parlamento a proposta de Rajoy de aprazar o cumprimento do déficit

Caride advirte que o PP rexeita no Parlamento a proposta de Rajoy de aprazar o cumprimento do déficit

Caride advirte que o PP rexeita no Parlamento a proposta de Rajoy de aprazar o cumprimento do déficit

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Socialista, María José Caride, salientou hoxe que o PP ten rexeitado unha iniciativa socialista para pedirlle a Bruxelas un novo calendario do déficit. A responsable socialista advirte que o PP de Galicia rexeitou esta proposta que está defendendo o propio Rajoy dende o Goberno do Estado.

A responsable socialista mesmo promoveu o voto por separado do primeiro punto da moción socialista, que demandaba un novo calendario do déficit para “suavizar os requirimentos actuais e permitan conciliar as políticas de axuste coas necesarias medidas de impulso e reactivación económica”, e que tamén así foi finalmente rexeitado polo PP.

Os socialistas galegos presentaron unha moción sobre o modelo económico de Galicia e para pedir un novo calendario para o cumprimento do déficit, que foi finalmente rexeitada polo PP. Caride dixo, durante o debate desta iniciativa, que a situación “nefasta e dramática” da economía e o desemprego en Galicia “evidencia o fracaso e o esgotamento do Goberno de Feijóo”.

Nesta moción, os socialistas instan á Xunta a que tome as medidas de impulso e reactivación oportunas “para recuperar o diferencial de crecemento coa media española existente ao inicio desta lexislatura”. Estas permitirían a Galicia ter medrado o 1,1 por cento no ano 2011, “co conseguinte efecto de ralentización do ritmo de crecemento do desemprego”.

Caride criticou que mentres Feijóo “comprometía e prometía”, finalmente os seus compromisos electorais para resolver a crise económica e crear emprego “quedaron en nada” e deron paso a uns datos sobre a evolución económica “especialmente desalentadores”. A evidencia, dixo, é que hoxe hai 77.600 desempregados mais que fai 3 anos e o 70 por cento dos fogares teñen moitas dificultades para chegar a fin de mes.

Dixo que “obxectivamente Galicia hoxe está peor”, e sinalou que mentres en 2009 Feijóo dicía que un paro do 12 por cento era “dramático”, logo de tres anos da súa xestión o desemprego ascendeu ata o 18 por cento.

Reforma laboral

Criticou así reforma laboral de Rajoy, que “precariza o emprego e permite botar á calle a calquera” e permite “contratar a unha persoa nova cun contrato de formación ata os 30 anos sen dereito a indemnización cando o boten á rúa”. Advertiu que resulta “especialmente nociva para Galicia” por canto “promove un modelo económico para competir por salarios baixos, sen mellora da produtividade nin da competitividade”.

Caride reclamou á Xunta que traslade ao Goberno de España o “rexeitamento a esta reforma laboral e elabore un modelo económico baseado na mellora da produtividade, a innovación e o talento” presentando un programa específico para garantir a viabilidade dos programas de investigación e free a fuxida de talentos.

Neste sentido, chamou a modificar a política de formación para permitir o acceso ás novas competencias “ao mais do 50 por cento dos parados que quedan fora das políticas de formación”.

Caride chamou a desenvolver unha serie de iniciativas públicas en colaboración cos concellos para permitir aos emprendedores dispoñer de radicación para o inicio da súa actividade a prezo taxado e con dispoñibilidade nun prazo máximo de seis meses. Esta liña de actuación deberá combinarse co uso do Igape “como verdadeiro instrumento de promoción económica” incrementando as axudas con financiamento do BEI.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar