Caride acusa ao PP de ter sido "cómplices da perda das caixas e do escandaloso pago de indemnizacións"

Caride acusa ao PP de ter sido "cómplices da perda das caixas e do escandaloso pago de indemnizacións"

Caride acusa ao PP de ter sido "cómplices da perda das caixas e do escandaloso pago de indemnizacións"

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, María José Caride, acusou ao PP de ter sido “cómplices da perda das caixas e do escandaloso pago de indemnizacións”. Así o dixo logo de que o PP rexeitara a creación dunha Comisión de Investigación sobre a desaparición das entidades galegas e o pago de indemnizacións aos directivos.

Caride dixo que ao PP que “si se negan agóchanse, e si se agochan é porque teñen algo que esconder” como que “coñecían as retribucións e os contratos dos directivos”. Agora, engadiu, teñen “medo porque fixeron as auditorías á medida, priorizaron a rendibilidade política sobre os intereses de Galicia, e temen que se recoñeza a súa responsabilidade e se descubra que coñecían as comisións” de 40 millóns de euros aos directivos.

Engadiu que “os galegos e galegas merecen coñecer por qué Galicia é a única comunidade histórica que desaparece do mapa financeiro e queda sen caixa e obra social” logo de 140 anos e chamou ao PP a “non unirse só ao interese partidista, únanse ao interese de Galicia”. Reclamou así a “depuración de responsabilidades, impedir novas indemnizacións e coñecer cómo son as retribucións” dos directivos.

Reclamou “dar a cara e aclarar cómo e por qué volatilizaron as caixas –que hoxe teñen unha valoración de 181 millóns de euros de acordo co Banco de España- mentres os directivos enchían os petos” con indemnizacións millonarias. A portavoz de Facenda dos socialistas galegos instou a “dar resposta” investigando “cómo chegamos a esta situación, cómo estaban as entidades, quén tomou as decisións que derivaron nunha desfeita”.

Tamén deberán presentar a auditoría de KPMG que validou a fusión, e “escoitar a tódolos responsables e directivos, o Consello de Administración, o Banco de España, o Ministerio de Economía e a Xunta como responsable da tutela”. Esta será a única maneira, dixo, de que os responsables das entidades dean conta xunto cos consellos de administración, incluíndo a Mauro Varela –que fora escollido por Fraga-.

Caride instou a remitir a continuación o resultado á fiscalía para “esixir tódalas responsabilidades legais oportunas que poidan existir”, xa que o Parlamento de Galicia, representando a tódolos galegos “ten dereito a coñecer qué pasou, cal era a situación de partida, quén tomou as decisións e por qué”.

Dixo que “os responsables políticos temos que estar á altura das circunstancias” para restaurar a confianza na nova entidade para que poida “clarexar a situación, implicarse no apoio ao tecido produtivo e coa obra social”. De non ser así, explicou, “o único que unirá aos galegos con Nova Galicia Banco será a metade do nome”.

Sinalou que Galicia carece hoxe das dúas caixas que hai un ano canalizaban o 50 por cento do aforro galego, tiñan presenza en todo o territorio, contaban un 22 por cento de clientes cunha renda inferior ao salario mínimo, atendían ao 20 por cento das Pemes galegas e financiaban o 70 por cento do capital risco de novas empresas, e desenvolvían unha obra social que, pese aos problemas e ineficacias, atendían a sectores con dificultades, a colectivos desfavorecidos, centros de maiores ou garderías.

Devolución das indemnizacións

A responsable socialista chamou a esixir a devolución das indemnizacións percibidas, coñecer cómo se autorizaron, quén o sabía e quén o puido parar, “retirando” aos responsables “o mesmo que aos responsables do Consello de Administración, que foron títeres nas mans dos directivos e miraban para outro lado”.

Recomendou ao PP que atenda á sociedade galega que atópase “conmocionada e indignada” pola situación dos directivos e das caixas. Acusounos de “quedar ben e non facer nada” ao “dicir que queren investigar pero rexeitan a Comisión de Investigación mentres o presidente da Xunta envía unha carta ao Banco de España para responsabilizar a outro e sacarse do medio”.

Sinalou a solicitude dos socialistas para a comparecencia, na Comisión de Economía, do representante da Xunta na Comisión de Control da entidade para explicar si coñecía ou podía coñecer as indemnizacións e qué decisións tomou sobre iso. Lembrou que na pasada lexislatura houbo dúas Comisións de Investigación a petición do PP e nesta non houbo ningunha.

Lembrou tamén aos responsables do PP que en outubro de 2007 presentaran unha proposta para garantir o dereito dos grupos ou dunha terceira parte dos deputados e deputadas de pedir dúas comisións de investigación en cada lexislatura, que serían aprobadas “de xeito automático”, cando ata o momento negaron tódalas peticións da oposición.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar