Caride acusa á Xunta de incrementar artificialmente os prezos da vivenda

Caride acusa á Xunta de incrementar artificialmente os prezos da vivenda

Caride acusa á Xunta de incrementar artificialmente os prezos da vivenda

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Socialista, María José Caride, acusou hoxe á Xunta de incrementar os prezos medios da vivenda de forma encuberta nun 30 por cento de media para subir impostos “pola porta de atrás”. Así o dixo na comparecencia en Comisión do director xeral de Tributos sobre a orde da Xunta que fixa os prezos medios de mercado.

Criticou que a Xunta suba os prezos das vivendas “a prezos que no mercado ninguén pagaría” para aumentar a recadación do imposto sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Incrementan así o pago polo cambio de titularidade dun ben inmoble prexudicando “a todos aqueles que compren un inmoble ou repartan bens froito dunha separacións ou sexan beneficiarios de herdanzas”.

 

Advertiu que a Xunta non ten respondido a día de hoxe á alegación presentada polos socialistas o 7 de xullo na que reclamaba a paralización desta  Orde e advertía que estaba a ser aplicada mesmo antes da súa aprobación “sen ningún soporte xurídico”. Ademais, sinalou que a Xunta quere aplicar o incremento de xeito retroactivo para as revisións das declaracións correspondentes ao ano 2010, o que supón “unha clara irregularidade”.

Esixiu ao goberno galego que “recoñezan que se equivocaron e rectifiquen” coa súa derrogación, xa que “está a incrementar a litixiosidade” en contra do anunciado polo Goberno galego, que “intenta confundir aos cidadáns vestíndoa de loita contra o fraude fiscal”. Lembrou a oposición a esta decisión amosada, entre outros, polo Concello de Lalín –do PP-, por Xóvenes Agricultores ou polos colectivos de avogados e taxadores de Galicia.

Incremento do 30 por cento

Caride dixo que a suba de impostos pola Xunta “mesmo supera o 30 por cento estimado”. Así, dixo que hai casos en vivendas de Vigo, de 140 metros cadrados, que pasaron dun prezo de mercado de 271.000 euros en plena burbulla inmobiliaria aos 512.000 euros que hoxe lle pon a Xunta de Galicia como valoración, o que contrasta cunha caída do 12 por cento no prezo do mercado. 

Engadiu que nesta cidade rexistráronse incrementos de mais do 60 por cento en dous anos en galpóns, prazas de garaxe e pisos de mais de 25 anos, mentres un inmoble de Vigo de 104 metros cadrados, na Rúa Ecuador, pasou de 245.000 a 280.000 euros dende novembro de 2010.

A responsable socialista dixo que a Xunta non só está incumprindo os seus compromisos electorais de deixar mais cartos nos petos dos galegos senón que actúa de xeito oscurantista e discriminatorio cos contribuíntes.

Lei de Patrimonio

A parlamentaria socialista tamén reclamou hoxe que o Parlamento aproveite a actualización da Lei de Patrimonio para “ser mais ambiciosos” e mellorar esta norma “actualizando o patrimonio da Comunidade Autónoma e definindo de xeito claro as cuestións relativas ao control, transparencia, supervisión, xeito de contratar e finalidade do patrimonio” xestionado pola Xunta.

Así o dixo no debate en Comisión no que se aprobou o ditame da reforma desta Lei que será votado finalmente no Pleno do Parlamento, e no que o PP rexeitou as propostas socialistas para rebaixar o límite de gasto que os conselleiros poden asumir sen a aprobación do Consello da Xunta. Os socialistas reclamaban que o límite fora rebaixado dende os 3 millóns actuais ata un millón.

Explicou que as súas emendas establecen que os conselleiros necesiten a aprobación de todo o Consello para comprar patrimonio de mais de 1 millón de euros, así como para comprometer alugueres mensuais de mais de 10.000 euros –a Lei fixa o límite en 40.000 euros-. Criticou que a Lei determina que os bens adquiridos no estranxeiro non teñen que cumprir os principios de igualdade, publicidade e libre concorrencia.

Tamén reclamou responsabilizar á Xunta sobre o seu patrimonio, obrigándoa a cumprir os criterios de accesibilidade e eficiencia enerxética nos bens propios, ademais de estar obrigada a mantelos en condicións de uso.

Os socialistas esixen que a Xunta garanta que os terreos expropiados para destinalos a solo industrial cumpran esa finalidade evitando especulación por parte das empresas. Estendeu este requisito aos terreos de acuicultura, xa que actualmente a Xunta “expropia terreos en primeira liña de costa para deixalos a dispor dunha determinada empresa” e reclamou que o terreo deba ser devolto cando a actividade empresarial remate.

Caride reclamou tamén que o financiamento público – privado “non se poida desenvolver para calquera cousa nin acadar calquera contía”. Dixo que as autovías do Barbanza e do Salnés, así como o Hospital de Vigo, son patrimonio da Xunta pero están sometidos a esta fórmula, polo que reclamou que “non se aplique á prestación de servizos públicos básicos e teña unha limitación de 20 anos improrrogables”.

Finalmente, reclamou que a Xunta destine efectivamente a vivenda o seu patrimonio destinado a este fin, e esixiu á Xunta que presente en 6 meses un inventario do patrimonio da Comunidade Autónoma, que deberá ser revisado de forma anual. O PP rexeitou tódalas emendas dos socialistas salvo a 19 e a transacción das 15 e 26, de carácter técnico, que foron aprobadas por unanimidade.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar