Caride acusa á Xunta de “desentenderse do futuro de NCG”

Caride acusa á Xunta de “desentenderse do futuro de NCG”

Caride acusa á Xunta de “desentenderse do futuro de NCG”

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, María José Caride, acusou á Xunta de “desentenderse e abandonar a NCG” e intentar ocultar as súas responsabilidades coa presentación dun recurso de inconstitucionalidade. Así o dixo na comparecencia no Parlamento da conselleira de Facenda á que acusou de “vir aquí a dar cobertura á fuxida do seu presidente”.

Lamentou que tardaran dous anos en comparecer sobre a situación financeira de Galicia e o fai agora “para agochar o fracaso da política de anuncios de Feijóo” e “veu facer o papelón de admitir que esperaban ao remate dos plans de viabilidade para presentar un recurso”. Dixo que en realidade “como ven que na foto finish non vamos quedar moi ben adoptan a estratexia Mourinho de botar as culpas contra todo o mundo”.

Caride desmarcouse do recurso porque constitúe “unha nova cortina de fume” que pretende invalidar reformas necesarias e reafirmou o apoio dos socialistas galegos á iniciativa aprobada a semana pasada no Parlamento para manter á entidade como propietaria maioritaria dun banco e que Galicia siga contando no mapa financeiro. Reclamou á Xunta que “defendan a galeguidade” e rexeitou a actitude da Xunta de “fuxir coma un lóstrego en canto albiscan algún problema”.

Os socialistas lamentan que a conselleira de Facenda dubide do Banco de España e afirme que este discrimina a Galicia. Esixiu á Xunta que “en lugar que presentar unha teoría da conspiración que só existe na súa cabeza e na do presidente da Xunta” debe explicar si será posible garantir aos galegos que non van ter exclusión financeira e si van manter as condicións de solvencia e a obra social.

Caride denunciou que a Xunta de Galicia “tense convertido nunha axencia de reclamacións, incapaz de ter ningunha estratexia nin iniciativa a prol de Galicia e dos galegos e galegas”. Reclamou que expliquen si o recorte de 500 millóns de euros de axuste interno aplicado pola entidade suporá desinvestimento de entidades galegas e que determine si o sector produtivo galego terá o mesmo peso ou non.

Papel da Xunta

María José Caride reclamou á conselleira de Facenda que explique o papel da Xunta no proceso e “qué está a facer dentro das súas competencias”. Lamentou que o Executivo autonómico teña obviado o feito de que na reestruturación interna poden deixar a un cuarto dos concellos galegos sen a única entidade de que dispoñen.

Tamén lamentou a falla dunha avaliación das consecuencias do proceso sobre a plantilla da entidade, xa que “mentres anuncian un recorte salarial para o conxunto dos empregados, a semana pasada líamos na prensa económica que se incrementaron as retribucións dos directivos e o consello de administración nun 71 por cento en 2010, sendo a entidade que máis incrementou as remuneracións dos consellos de administración e directivos”.

Criticou que a Xunta non teña limitado estas decisións nunha entidade que está recorrendo a recursos públicos do Frob e piden prexubilacións e recortes para os seus empregados. Tamén preguntou ao goberno qué vai facer para evitar que en NCI se invista capital especulativo, e advertiu que “a única aportación da Xunta é remitir á entidade os inversores que se dirixían ao presidente do Goberno galego”.

Caride sinalou que “o PSdeG-PSOE mantén o seu compromiso coa necesidade de que Galicia conte no mapa financeiro de España, con NCG como propietaria maioritaria dun banco que preste bos servizos aos galegos e galegas e faga fluír o crédito ás familias e ás empresas”. Dixo que “entendemos que o recurso ao Frob non só permitirá a NCG superar os test de stress, senón que permitirá mellorar a súa solvencia e profesionalizar a xestión.

Para que isto sexa posible, dixo, “é preciso que a Xunta deixe a confrontación e o desgoberno e sitúe o interese de Galicia por riba dos seus intereses electorais”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar