Caride acusa á Xunta de agochar os informes que supostamente avalan a reclamación dos 805 millóns

Caride acusa á Xunta de agochar os informes que supostamente avalan a reclamación dos 805 millóns

Caride acusa á Xunta de agochar os informes que supostamente avalan a reclamación dos 805 millóns

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, María José Caride, acusou ao goberno galego de agochar os informes que supostamente avalan a reclamación dos 805 millóns de euros por parte da Xunta.

Lembrou que a Xunta segue sen presentar no Parlamento os informes xurídicos e técnicos que avalan a posición da Xunta para reclamar esta contía e que foron reclamados polos socialistas dende o mes de febreiro. Preguntou “qué é o que agochan os informes xurídicos e económicos para que lle dea tanto medo presentalos no Parlamento”.

Anunciou que o goberno galego contará co apoio dos socialistas para esixir o cumprimento do modelo de financiamento “pero non para facer oposición ao goberno de España e utilizar aos galegos e galegas como palmeiros de Rajoy”. Así mesmo, negouse a discutir a contía “porque a Xunta aínda non presentou a documentación para acreditar as súas reclamacións”.

A responsable socialista dixo que “diante as críticas do modelo de financiamento que a propia conselleira asinou e diante das disparidades de interpretación debería dimitir das súas responsabilidades se non prospera o recurso que a Xunta ten presentado en contra”.

Dixo que coas reclamacións da Xunta ao modelo de financiamento “falamos de cuestións interpretativas” e advertiu que, si logo de presentar o recurso en contra, a Galicia non lle corresponde a cantidade que a Xunta reclama, a titular responsable debe presentar a súa “dimisión inmediata por asinar un modelo que ela mesma define como malo para Galicia”.

Sinalou que “logo de meses anunciando a reclamación de 805 millóns de euros ao goberno de España para o financiamento de 2011, o presidente e a conselleira anuncian agora que no CPFF reclamarán 243 millóns, o que pon de manifesto a súa falla de coherencia e o fan por simple oposición ao goberno de España”.

A responsable socialista dixo que esta petición supón unha “estratexia da Xunta para botar balóns fora e acusar a Madrid para agochar os problemas reais de Galicia e a falla de iniciativa do Goberno galego diante dunha situación cada vez mais difícil, con perda da converxencia con España, desaceleración e incremento exponencial da taxa de desemprego”.

Acoso e derribo
Caride acusou á conselleira de empregar esta reclamación para “facerlle o traballo sucio a Rajoy antepoñendo os intereses partidarios fronte aos dos galegos e galegas” nunha “estratexia de acoso e derribo para recuperar a Moncloa”. Reclamou que “defendan o que corresponde a Galicia, pero non pretenda utilizarnos para acosar ao goberno de España”.

Criticou así as contradicións do discurso da conselleira, que “defende a baixada de impostos á vivenda e agora incorpora pola porta de atrás un aumento do 30 por cento de media”. Criticou a “falla de seriedade” da Xunta que “ía solucionar a crise en 45 días e mentres estaban na oposición o desemprego era “un grandísimo problema” e hoxe con 40.000 parados máis din que o están facendo “de cine”

Reclamou “coherencia” á conselleira xa que mentres critica o modelo de financiamento “cando participou del aceptouno aplicando a máxima de colle o diñeiro e corre importando un pepino o que quedara detrás”. Criticou a defensa da conselleira do “modelo de financiamento de Aznar”.

Explicou que nas actuais condicións o modelo de Aznar daría a Galicia 600 millóns de euros menos e obrigaría aos galegos e galegas a pagar para garantir os investimentos do Estado, “algo que xa ocorreu cos 180 millóns na construción do Eixo Atlántico ferroviario ou no 60 millóns de euros que Galicia tivo que pagar para que o Estado concesionara por 75 anos a autopista de peaxe entre Santiago e Lalín”.

Caride dixo entender que a conselleira “estea preocupada polo que pasa na sanidade e as facturas que están a meter no caixón” e lembrou que ela mesma –como interventora xeral da Xunta- certificou en 2005 400 millóns de facturas “agochadas” no sistema sanitario, e por iso reclamou a comparecencia da conselleira de Sanidade para dar explicacións sobre a súa situación en Galicia.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar