Caride: “a Xunta empeza a parecer o goberno de Berlusconi logo de anunciar o incumprimento da súa propia lei de augas”

Caride: “a Xunta empeza a parecer o goberno de Berlusconi logo de anunciar o incumprimento da súa propia lei de augas”

Caride: “a Xunta empeza a parecer o goberno de Berlusconi logo de anunciar o incumprimento da súa propia lei de augas”

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, María José Caride, criticou que a Xunta “empeza a parecer o goberno de Berlusconi” logo de anunciar onte que non cumpriría a súa propia Lei de Augas. Así o dixo durante o debate do ditame da Lei do Consello Galego de Competencia na Comisión de Economía do Parlamento.

A responsable socialista acusou ao goberno de Feijóo de “sementar dúbidas sobre o cumprimento das leis” logo de que o conselleiro de Infraestrutura asegurara que non cumpriría o canon sobre os pozos particulares que establece na súa propia Lei de Augas. Dixo que a realidade é que teñen “medo diante das eleccións municipais” e a reacción en contra que crea a norma presentada pola propia Xunta.

Caride criticou que “as leis cámbianse cando non convén e aplícanse cando ven ben” para o goberno galego, aludindo ás modificacións “a demanda” nos estatutos da Axencia da Protección e a Legalidade Urbanística ou a aplicación das políticas activas de emprego. Apuntou que “un cuestiona para qué serve este traballo e para qué traballa o Parlamento, cando o Goberno aplica o que quere”.

Así o dixo no debate de hoxe para a elaboración do ditame sobre o Proxecto de Lei reguladora do Consello Galego da Competencia, que será votado a continuación no Pleno do Parlamento e que incorpora sete emendas socialistas, dúas delas –núms. 2 e 7- aprobadas sen modificacións e outras 5 –núms. 3, 8, 12, 17 e 20- transaccionadas.

Caride explicou que grazas ás emendas socialistas o Consello Galego da Competencia amplía a súa función consultiva ás asociacións de empresarios e consumidores, que poderán solicitar o informe ao Consello sobre cuestións relativas á competencia.

Ademais, as emendas socialistas aprobadas determinan que se fagan públicos os seus informes e estudos nun prazo máximo de trinta días, e que se incorpore maior transparencia e control orzamentario tanto nos nomeamentos como na súa remuneración.

A parlamentaria socialista lamentou que o PP rexeitara outras propostas socialistas dirixidas a mellorar a transparencia e a independencia deste organismo, incorporando informe preceptivo e non vinculante do organismo sobre as concesións de obras e servizos públicos que puideran ter efectos sobre a competencia nos mercados e que tanto o presidente como os vogais deste órgano sexan nomeados por maioría de dous terzos do Parlamento.

Dixo así que si o organismo funcionara “como tiña que facelo” non tería permitido a modificación da Lei de Transportes, que “regala dez anos de concesión a determinadas empresas o día antes a que entrara en vigor un regulamento comunitario en contra”.

Caride sinalou que este texto unifica o Tribunal Galego de Defensa da Competencia e o Servizo Galego de Defensa da Competencia, que ao non estar adscritos á mesma entidade “creaban unha disfunción clara no funcionamento” do tribunal. Amosouse favorable a mellorar o traballo deste órgano, pero rexeitou o argumento presentado polo PP segundo o cal suporá un aforro orzamentario.

A parlamentaria socialista dixo que a conclusión é que a realidade é que “aparece un novo servizo, unha nova subdirección vencellada ao CGC e non desaparece o Servizo que existía na Consellería de Facenda”. Sinalou que “imos ter incremento no número de prazas, polo que o argumento non pode ser o do aforro, senón o da presumible mellora na eficacia da xestión”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar