Caride: “A Lei de Acompañamento creba a ética democrática e pon en perigo os servizos públicos fundamentais”

Caride: “A Lei de Acompañamento creba a ética democrática e pon en perigo os servizos públicos fundamentais”

Caride: “A Lei de Acompañamento creba a ética democrática e pon en perigo os servizos públicos fundamentais”

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, María José Caride, denunciou hoxe que a Lei de Acompañamento “creba a ética democrática e pon en perigo os servizos públicos fundamentais”. Así o dixo no debate de totalidade desta norma coa que o Goberno modifica “pola porta de atrás” un total de 61 artigos de 16 leis autonómicas.

Caride replicou á conselleira de Facenda que “en termos democráticos a presentación desta Lei non é para rir, é para botarse a chorar porque constitúe un engano democrático”. Explicou que esta norma constitúe a expresión do “sectarismo e ideoloxía do PP” e “desmantela un dos piares básicos do Estado do Benestar” como é a sanidade e sitúa o urbanismo “ao servizo do PP”.

Denunciou que esta norma abre a porta ao “repago” polo uso da sanidade ao obrigar a pagar 10 euros pola renovación ou reposición da tarxeta sanitaria. Ademais, prima os criterios das farmacéuticas derrogando a obrigatoriedade de facer gardas no rural, nunha decisión que mesmo o Consello Económico e Social recoñeceu que “priman os intereses económicos sobre os dos cidadáns” aos que deixa sen acceso ao servizo.

A responsable socialista advertiu que a Xunta “elimina o dereito básico á prestación sanitaria” e “quebran a universalidade” deste dereito ao facer obrigatorio residir 6 meses en Galicia para acceder á sanidade pública. Apuntou que o propio informe da Asesoría Xurídica da Xunta determina que é inconstitucional e atenta contra o principio de universalidade sanitaria”.

Outra das reformas elimina a farmacia hospitalaria en centros de menos de 100 camas, o que priva de servizo de farmacia aos hospitais de Verín, Barbanza, Virxe da Xunqueira, O Salnés ou O Barco de Valdeorras, deteriorando o servizo, xa que “non existirá a garantía de fármacos en depósito”.

Urbanismo

Engadiu que esta batería de reformas lexislativas supón unha “utilización perversa das potestades lexislativas” e nomeadamente no tocante á ordenación do territorio. Así, dixo que modifica as leis de Protección Medioambiental e de Ordenación do Territorio e do Litoral para que sexa o conselleiro de Territorio quen decida sobre a necesidade de avaliación ambiental estratéxica de cada proxecto sectorial.

Caride acusou ao PP de utilizar esta norma para “saltarse a legalidade” garantindo unha “excesiva marxe de discrecionalidade”, tal e como apunta o CES. Deste xeito, abre a porta a eximir ao concello de Barreiros dunha avaliación ambiental estratéxica, trámite que “non é posible pasar polas consecuencias medioambientais e de deterioro do territorio que provoca.

Explicou que esta modificación só ten como obxectivo “solventar as falcatruadas que o PP ten perpetrado no territorio” e, ademais, permitirá “evitar os controis medioambientais e “superar os problemas legais en concellos como Fisterra ou instalar a planta de acuicultura de Touriñán sen cautelas de preservación do medio ambiente”.

A responsable socialista esixiu ao Goberno galego un debate específico sobre as modificacións lexislativas que inclúen nesta norma que “abusa dunha práctica” que mesmo foi cualificada de “irregular” polo Tribunal Constitucional, e foi criticada polo CES e a asesoría xurídica da Xunta por canto xera inseguridade normativa e provoca opacidade por canto dificulta o seguimento das modificacións legais.

Caride explicou que esta norma modifica de golpe a Lei de Contaminación Acústica, o decreto 1/11 texto refundido disposicións legais CCAA Galicia, a Lei de Tributación do Xogo, a Lei Taxas e Exencións Reguladoras CCAA Galicia, a Lei de Augas, o texto refundido da Lei de Réxime Orzamentario e Financeiro de Galicia, a Lei de Subvencións, ou a Lei reguladora Xogos e Apostas de Galicia.

Tamén modifica a Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia, a Lei de Saúde, a Lei Reguladora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, a Lei Reguladora do Aproveitamento Eólico de Galicia, a Lei de Organización e Funcionamento da Administración Xeral e do Sector Público Autonómico de Galicia, a Lei de Medidas Urxentes de Ordenación do Territorio e do Litoral, a Lei de Protección Medioambiental de Galicia e a Lei de Acompañamento de 2002.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar