Carencia de medios da Xunta na extinción de lumes en Ourense

Carencia de medios da Xunta na extinción de lumes en Ourense

O secretario Xeral Provincial, Raúl Fernández, acompañado do deputado Juan Carlos Francisco Rivera e a secretaria de Organización Provincial, María Quintas, comezou a súa intervención lamentando o falecemento do piloto da avioneta que se estrelou cando traballaba en labores de extinción do incendio de Laza o pasado domingo, e trasladar a solidariedade dos socialistas coa súa familia e compañeiros.

En relación a esta crise de lumes que estamos a padecer nestos días, sinalou que un operativo ten que adecuarse á situación e ao momento, neste caso ás altas temperaturas previstas e a unha masa forestal seca que determinan o alto risco de incendios da nosa provincia, como o demostra que a metade dos máis de 170 incendios rexistrados durante a fin de semana sexan na provincia de Ourense.

Apuntou que “non basta con dicir que hai máis operativos que outros anos nesta época; unha Administración moderna ten que ser capaz de adaptarse ás necesidades de cada momento, e o momento actual era e é de alto risco”.

“A Xunta non fixo os deberes”, dixo, ao que engadiu que houbo un recoñecemento non oficial de que os medios non son suficientes, e quen ten os medios e quen está salvando a esta provincia dunhas desgracias moito maiores é o Goberno Central que mantén os seus operativos neste outono ante as condicións climatolóxicas e o estado do terreo, e mantén operativas a disposición da Xunta a UME e a base de Laza.

O secretario Xeral Provincial chamou a atención sobre o feito de que ese é un complemento e a Xunta de Galicia non pode esquecerse de que é quen ten as competencias.

Tamén criticou que a Xunta fixera xa un reconto, “unha especie de parte final da época de incendios durante a semana pasada”, un exercicio “temeroso” dadas as condicións que se preveían para os seguintes días.

Lembrou a opacidade da Xunta á hora de ofrecer datos sobre superficie queimada, e salientou que determinadas zonas da provincia de Ourense “que podemos denominar negras” veñen sufrindo reiteradamente lumes durante todo o verán, como o Xurés, A Mezquita, Laza ,Viana, Trives, Valdeorras, zonas moi sensibles onde non é a primeira vez que a ministra Chacón visita unha zona queimada.

“Esto é consecuencia da nula política de prevención da Xunta, dos recortes e da improvisación, tal e como manifestan os propios brigadistas”, dixo.

“Está claro que os dispositivos da Consellería non foron nin son suficientes, nin en agosto nin en outubro”, apuntou, e lembrou que “o Goberno galego estivo desaparecido durante todo o verán, deixando solos e abandonados aos veciños e aos alcaldes, que nin sequera tiñan información en tempo real”.

Ademais lamentou ter que facer estas denuncias, e recordou que no seu día tamén os socialistas lamentaron que Feijóo houbera rematado un verán dicindo algo tan “ruín” como “con vostedes houbo mortos, con nós non”, ao que engadiu que no seu día “o Sr. Feijóo escupiu para riba e lamentablemente, porque o lamentamos, cando un escupe para riba sabemos o que pode pasar, e pasou”.

Por último recordou os recortes de 22 millóns de euros de fondos europeos, que se deixaron sen gastar mais de 28 millóns de euros na prevención, se recortaron 3 millóns no plan de extinción, suprimiron persoal das brigadas, suprimiron 3 helicópteros das bases helitransportadas no Xurés, en Valdeorras, “toda unha serie de recortes que favorece todo este preoceso”.

Pola súa parte o deputado Juan Carlos Francisco Rivera afirmou que “este fin de semana negro non é máis que o que está a acontecer en Galicia nos últimos meses pese a que a Xunta en manifestacións totalmente desafortunadas do conselleiro de medio rural “lle acompañou o tempo”.

Francisco Rivera sinalou que a comarca de Verín-Monterrei sexa porcentualmente onde se producen máis lumes de toda Galicia, e cualificou de temeridade o feito de que se teña desmontado máis do 50% do dispositivo antiincendios dende mediados de setembro”.

A xuízo de Francisco Rivera o triunfalismo amosado polo conselleiro a pasada semana no Parlamento amosa unha “incompetencia manifesta” no tratamento das políticas relativas aos lumes.

Lembrou que na comarca de Monterrei había fortes incendios en 11 localidades, incluso no propio núcleo de Verín, ao pe das casas, e a Xunta ausente”.

Criticou a ausencia de política preventiva da Xunta e a falta de orzamento para medios humanos e materiais, non só nas brigadas senón tamén na Policía Autonómica, “xa que están xogando coa seguridade de todos os galegos”.

“A única política efectiva é a que ten que ver coa valorización do monte, coas inversións produtivas no monte”, dixo, e avanzou que os socialistas pedirán responsabilidade en forma de dimisións no Parlamento, onde presentaron unha iniciativa pola vía de urxencia para o vindeiro pleno.

Por último agradeceu a contribución da UME aos labores de extinción, que desplazou durante esta fin de semana á nosa provincia a máis de 400 efectivos, 93 vehículos e 3 helicópteros do Goberno do Estado.

Acto de Rubalcaba en Ourense

A secretaria de Organización Provincial, María Quintas avanzou que o próximo domingo terá lugar o primeiro gran acto de precampaña electoral coa presencia do candidato á Presidencia do Goberno, Alfredo Pérez Rubalcaba.

Este acto, que se celebrará en Expourense ás 11.00 horas, será o pistoletazo de saída dunha campaña baseada na activa mobilización da estrutura orgánica e dos activos simpatizantes do partido na provincia, con actos pequenos e actos sectoriais para ter relación persoal e directa cos cidadáns de Ourense.

Momentos antes da reunión do Comité Electoral Provincial, Quintas indicou tamén que ao longo desta semana se constituirán os Comités Electorais Comarcais e Locais.

A secretaria de Organización apuntou que nesta campaña están absolutamente comprometidos os 16 alcaldes socialistas da provincia, 8 deputados provinciais, 226 concelleiros, 5 parlamentarios galegos, 2 deputados, e 1 senador.

Quintas salientou a importancia desta campaña de eleccións xerais para os cidadáns, e puxo como exemplo as declaracións feitas hoxe por Cospedal poñendo en entredito o dereito a cobrar dos parados.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar