Cajide leva ao Parlamento os recortes á cooperación dende a chegada de Feijóo

Cajide leva ao Parlamento os recortes á cooperación dende a chegada de Feijóo

Cajide leva ao Parlamento os recortes á cooperación dende a chegada de Feijóo

A portavoz de Cooperación do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Carmen Cajide, presentou unha Interpelación na Cámara autonómica diante do recorte do 45 por cento nos orzamentos destinados á cooperación dende a chegada de Feijóo á Xunta. Advertiu que “quen vai sufrir os recortes vai ser a parte máis débil da sociedade”.

Cajide sinalou que mentres na pasada lexislatura os orzamentos de cooperación para o desenvolvemento pasaron de 6,1 millóns de euros en 2005 a 11,6 en 2009, dende a chegada de Feijóo á Xunta o Plan Anual reduciuse en 1,5 millóns en 2009, outros 1,8 en 2010 e 2 millóns en 2011, diminuíndo en total 5,3 millóns de euros, un 45,7 por cento.

Criticou a “incoherencia e falla de compromiso” dun goberno galego que “anuncia aparentes compromisos” cando a realidade é que o pasado 3 de xuño deixaba sen efecto a convocatoria de achegas para a posta en marcha de proxectos de acción humanitaria e de emerxencia. Esta actuación tiña un orzamento de 300.000 euros para financiar actuacións en zonas afectadas por catástrofes naturais.

Ese mesmo día, dixo, “reducían nun 45 por cento as partidas orzamentarias destinadas a financiar os proxectos que as ONGDs ían levar a cabo durante 2011”, co que evidencian que “a cooperación galega para o desenvolvemento non é unha prioridade para o Goberno galego”.

A responsable socialista considera “gravísimos” estes recortes “polo que vai supoñer na loita contra a pobreza, polo tremendo freo que vai supoñer na dinámica dos importantes proxectos realizados polas ONGDs”, polo que vai supoñer no atraso do horizonte do 0,7 por cento do PIB previsto na Lei Galega de Cooperación.

Cajide reclama ao goberno galego que explique as accións levadas a cabo dende que foi aprobado o II Plan Director, as medidas específicas relativas á cooperación, os países nos que se ten intervido e o orzamento executado, así como a estratexia do goberno galego para aumentar os fondos destinados á cooperación.

Tamén reclama á Xunta que dea conta do cumprimento dos compromisos adquiridos coa Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento na sinatura do Pacto contra a pobreza, así como o nivel de colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Cajide respaldou así as actividades da Coordinadora Galega de ONGDs e a súa campaña “a solidariedade non se recorta”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar