Caamaño insta “a loitar cos votos” contra a “marea privatizadora” do Partido Popular

Caamaño insta “a loitar cos votos” contra a “marea privatizadora” do Partido Popular

Caamaño insta “a loitar cos votos” contra a “marea privatizadora” do Partido Popular

O cabeza de lista dos socialistas coruñeses ao Congreso e ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, participou esta tarde nun acto político en Muxía, “zona cero” da catástrofe do Prestige, coincidindo co noveno aniversario afundimento do buque fronte ás costas muxiáns.

No Salón de actos do Voluntariado da localidade muxiana, Caamaño afirmou que, tal día como hoxe, hai nove anos, “este país cambiou para sempre”, porque “unha gran enerxía quedou liberada: a forza da sociedade civil”.

“Desaparecidos os gobernos emerxeron os cidadáns”, afirmou o candidato socialista, que criticou o “abandono” ao que os gobernos do PP na Xunta e no Estado someteron aos galegos. “Cando miramos para o goberno, non había ninguén” e “cando mais necesitabamos o Estado, estaban todos de caza”, dixo Caamaño, citando a Manuel Fraga e a Álvarez Cascos.

“Ese día” afirmou o candidato socialista, “Galicia emancipouse dun poder político escuro, inútil, que cría que con subvencións mercábase a vontade das pesoas; ese día, descubrimos que o goberno do PP non servía para nada, estaba infectado de carcoma”.

“Hai nove anos, os galegos dixemos nunca máis. Nunca máis unha catástrofe como a do Prestige. Nunca máis un país indefenso. Nunca máis un goberno de ausentes. Nunca máis un mentiras. Nunca máis pan e turrón baixo o brazo. Nunca máis cidadáns abandonados. Nunca máis “hilillos de plastilina”. Nunca máis Fragas. Nunca máis Álvarez Cascos. Nunca máis Rajoys. Así que cumplamos a nosa palabra, e impidamos que xamais os nosos destinos volvan estar en mans de irresponsables”, sentenciou.

Francisco Caamaño afirmou que “o único que lle preocupaba ao PP era o Prestige non lle embadurnara a popularidade”, e tirou de hemeroteca para repasar algúns titulares coas afirmacións dos responsables de xestionar a catástrofe: dende a famosa comparación dos “hilillos de plastilina” de Mariano Rajoy, á disparatada proposta de bombardear o Prestige de Federico Trillo, pasando polos intentos de minimizar o vertido de Fernández de Mesa, augurando que o fuel non tocaría a costa galega, as variadas teorías sobre a solidificación do chapapote, ou a negación de López Sors, e do propio Rajoy, de que estiveramos ante unha marea negra.

Parar a “marea privatizadora”

“Aqueles tempos pasados pareceranse ao futuro se este país volve estar en mans de xente como Rajoy”, afirmou Caamaño, que considerou que a “axenda oculta” do candidato do PP “é máis medicina daquela que nos deron no pasado”.
“Esa maneira de actuar e escapar das responsabilidades, vai no seu ADN, e repetírona pouco despois, o 11-M, cando pretenderon facernos crer que fora ETA para que os cidadáns non lles fixeran pagar por levarnos a unha guerra”, afirmou.
Segundo Francisco Caamaño, “o PP de hoxe son os mesmos de 2002” e “preparan unha marea privatizadora das conquistas que acadamos en tres décadas entre todos como e educación, a sanidade pública, ou a dependencia”.

“No seu día, fronte ao chapapote, loitamos coas mans. Estabamos vendidos, sós, pero eramos moitos e sobrevivimos á catástrofe. Agora, diante da marea de privatizacións, temos que loitar de novo. Desta vez toca facelo cos votos. Se non nos rendimos, desembarcaremos á dereita das enquisas”, sentenciou.

“Na Costa da Morte xa dixemos Nunca máis, e que saiba o PP que somos xente de palabra”, concluíu o candidato socialista.

LINK: VIDEO DO PSdeG-PSOE SOBRE O ANIVERSARIO DO AFUNDIMENTO DO PRESTIGE

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar