Caamaño detecta unha “clara pulsión de cambio” na sociedade galega

Caamaño detecta unha “clara pulsión de cambio” na sociedade galega

Caamaño detecta unha “clara pulsión de cambio” na sociedade galega

Francisco Caamaño, cabeza de lista dos socialistas da Coruña, asegurou nun almorzo informativo con representantes dos medios de comunicación que en Galicia “hai unha clara pulsión de cambio”. Fronte á Galicia “de power point” que pinta o Partido Popular, unha Galicia que “non existe na realidade”, os socialistas teñen un proxecto “útil” e capaz de atender “os problemas que teñen os galegos”.

Para Caamaño, os galegos viven hoxe “peor que hai 4 anos” porque a Xunta e o Goberno de España teñen danado maioritariamente coa súa xestión ás clases medias do país. Neste sentido, Camaño lamentou que as previsións estimen que os traballadores e a clase media van perder ata un 4 por cento de renda, mentres que “haberá moitos máis millonarios”.

Segundo resaltou Caamaño, cando nas enquisas se pregunta directamente aos cidadáns se queren un cambio de Goberno, éstes contestan maioritariamente que “si queren ese cambio”. Por iso, os socialistas están traballando nesta campaña para “formar un futuro Goberno de Galicia en torno a un proxecto de progreso” que dea resposta ás inquedanzas dos cidadáns.

Declaracións intolerables
O candidato socialista cualificou de “intolerable” que Galicia teña unha conselleira de Traballo que diga que “as políticas activas de emprego non serven para crear traballo” ou que sinale que “os 70 mozos e mozas que marchan cada día da Comunidade Autónoma fano para buscar formación no exterior en lugar de ir traballar”. “Todos sabemos que desgraciadamente teñen que ir traballar a outros lugares porque aquí non hai traballo”, apostilou Caamaño.

Deixadez da Xunta no exercicio das súas competencias
Paralelamente, Francisco Camaño criticou a deixadez da Xunta de Galicia no exercicio das súas competencias. Segundo destacou, “o Goberno de Galicia non cre no autogoberno” porque ao PP “sempre lle gustou gobernar desde Madrid os territorios e non desde os territorios a realidade das persoas”.

Para Caamaño, ten que se posible cos recursos existentes “facer as cousas moitísimo mellor”. “En Galicia é posible outro xeito de gobernar porque somos só 2,7 millóns de galegos, o equivalente á poboación que vive no sur da cidade de Madrid, e non 47 millóns”, salientou. “Se queremos podemos xestionar mellor os recursos que temos”, engadiu.

Proxecto útil para Galicia
En contraposición ao modelo de goberno do Partido Popular que está a orixinar cada día 95 novos parados e o peche de 80 empresas diarias, Caamaño manifestou que o proxecto socialista é útil para a xente e por iso amosou a súa confianza en que a mensaxe do PSdeG-PSOE “cale” nas persoas de cara ao vindeiro día 21. “O que hai que facer é traballar”, destacou porque “temos un proxecto importante para este país e consideramos que este proxecto é útil para a vida das familias, para xerar traballo e para que o noso tecido produtivo volva medrar”, indicou.

En cambio, o goberno de Feijóo fixo desaparecer nos últimos catro anos, tal e como salientou Camaño, as “caixas galegas” ou “o plan eólico”. E fixo abundantes promesas incumplidas tales como a creación “dunha fábrica de baterías de Mitsubishi” en Vigo ou dunha de “coches eléctricos en Melón”. Á vista dos datos negativos, Caamaño ironizou con que Feijóo dese a escoller á cidadanía entre “el ou caos” cando a realidade demostra que “el é verdadeiramente o caos”.

Compromiso con Galicia
O candidato socialista sinalou tamén que “os socialistas cremos nun proxecto pensado para a realidade do país e agardamos que a xente nos dea a confianza necesaria para poder sacalo adiante”.

A tempo, afirmou que logo dos comicios autonómicos estará en Galicia e ocupará o seu escano no Parlamento porque “ten un compromiso con este país”. “Se estou en Galicia é para axudar aos meus compañeiros na explicación dun programa no que creo, porque en momentos de crise e de dificultade hai que saber estar e hai que estar onde se fai falta”, destacou.

Xuizo do Prestige
No decurso do almorzo informativo, Caamaño valorou tamén o inicio do xuízo do Prestige na Coruña. Para el é importante distinguir entre “responsabilidade política” e “responsabilidade penal” e segundo afirmou “hai moitos máis responsables políticos dos que están sentados nese banquillo”.

“Son os cidadáns os que teñen que esixir esa responsabilidade e unha forma de facelo en democracia é o voto”, afirmou. “Ainda podemos esixir que se senten no banquillo do Prestige votando o día 21 a quen debemos”, asegurou, porque mentres que o PP foi quen “xestionou a catástrofe” correspondeulle aos gobernos do PSOE “xestionar a recuperación” do que pasou e encargarse dos pagos aos damnificados.

Smoke on the Water
Finalmente e preguntado polos xornalistas sobre que canción representaría a banda sonora desta campaña electoral, o candidato coruñés afirmou que ben podería ser Smoke on the water do grupo británico Deep Purple porque cre “que algún está a fumar un puro mentres está a chover moito neste país”.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar