Caamaño clausura as xornadas da Escola de Formación do PSdeG

Caamaño clausura as xornadas da Escola de Formación do PSdeG

Caamaño clausura as xornadas da Escola de Formación do PSdeG

O ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, clausurou hoxe as xornadas da escola de verán Francisco Fernández en Silleda, facendo un chamamento á “defensa das políticas sociais públicas” e reivindicando a igualdade e a solidariedade para estar máis preto dos cidadáns. Afirmou ademais que a socialdemocracia é a que mellor pode xestionar as políticas de austeridade e avogou por “dicir a verdade aos cidadáns con valentía, aínda que sexa unha verdade dura”.

Na súa intervención, o socialista afondou na necesidade de cambiar o modelo económico porque “Europa é unha sociedade vella e consentida, e iso ten que finalizar”. Apuntou así que “chegou o momento de cambiar as prioridades, propiciar unha economía distinta e un xeito distinto de producir e consumir, compatible coa sostibilidade social e cultural”.

Por elo, argumentou que un partido socialdemócrata con vocación de acadar maiorías, “debe ser o primeiro en promover a responsabilidade colectiva, ao tempo que a individual”. “Non se lidera o paso dunha sociedade consentida a unha sociedade responsable se non se pon en valor o traballo ben feito”, dixo.

Caamaño sinalou que os socialistas “temos que saber explicar o noso modelo”. Engadiu que en Galicia, da man do secretario xeral, Pachi Vázquez, “comezamos a dar pasos importantes, propoñendo unha idea de Galicia centrada na defensa a ultranza do público, que é o que nos iguala”.

“Estar coa xente a través do exercicio dos valores da igualdade e a solidariedade é a ferramenta mais potente para chegar as persoas e a garantía de que unha organización como o partido socialista será a opción máis fiable para os cidadáns”, remachou.

Dixo que nestes momentos o único camiño pasa pola austeridade, pero que hai dúas formas de levala a cabo; mediante as políticas liberais que desprezan o público, ou as socialdemócratas que defenden os servizos públicos.

Francisco Caamaño concluíu así a derradeira xornada da Escola de Verán Francisco Fernández, na que durante dous días se aportaron diversas propostas en torno a resposta socialdemócrata á crise económica mundial.

Na xornada de hoxe a secretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara, explicou a importancia da igualdade como motor para o desenvolvemento económico, destacando a importancia do fomento da corresponsabilidade e da conciliación, e afondando en que “máis igualdade é sinónimo de maior competitividade e garantía de políticas sociais”. Seara lembrou que a pesar dos importantes avances realizados para diminuír a brecha salarial ou para axudar á integración laboral da muller “queda aínda camiño por percorrer”.

Tamén participou na xornada de hoxe a coordenadora dos deputados galegos no Congreso, Margarita P. Herráiz, quen expuxo a acción do Goberno central para loitar contra os efectos da crise.

Mentres, o portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas Galegos, Abel Losada, e o secretario de Organización do PSdeG, Pablo García, deron conta das propostas de alternativa socialdemócrata en Galicia fronte ao Goberno do PP, entre as que destacaron a defensa da sanidade e a educación públicas e a necesidade de poñer en marcha políticas activas de emprego que leven á dinamización da economía.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar