Blanco esixe ao Goberno que aclare se vai pechar os paradores de Ferrol e Verín e o futuro do resto da rede galega

Blanco esixe ao Goberno que aclare se vai pechar os paradores de Ferrol e Verín e o futuro do resto da rede galega

Blanco esixe ao Goberno que aclare se vai pechar os paradores de Ferrol e Verín e o futuro do resto da rede galega

O deputado socialista pregunta ao Goberno cómo van afectar os peches á plantilla de traballadores de Galicia e se estuda medidas paliativas ou de recolocación para os despedidos
Demanda ao Goberno que clarexe se vai privatizar total ou parcialmente a rede de Paradores

O deputado socialista no Congreso por Lugo, José Blanco, vén de presentar un conxunto de preguntas nas que esixe ao Goberno que aclare se vai decretar o peche definitivo dos paradores de Ferrol e Verín e peches parciais noutros oito paradores galegos, tal e como veñen de denunciar os sindicatos.

Segundo sinala Blanco, os paradores de turismo constitúen unha “oferta singular” pola “excepcionalidade” dos lugares e os edificios nos que se emprazan desde o punto de vista “histórico, artístico e cultural”. De feito, a rede de paradores actúa “como un factor de dinamización turística das comarcas nas que está implantada, contribuindo á desestacionalización desta actividade”.

Actualmente, incide Blanco, Galicia conta con once paradores de turismo repartidos polas catro provincias, que constitúen “unha referencia de calidade na oferta turística galega”. A eles engádese o parador de Muxía, do que lamenta que o Goberno actual eliminara a partida específica nos Presupostos Xerais do Estado destinada á súa construción, que foi autorizada polo anterior Goberno o 19 de agosto de 2011.

“Pero non é o único que podería desaparecer. Segundo denunciaron os sindicatos, a intención da nova dirección de Paradores é pechar totalmente sete centros, entre os que estarían os de Ferrol e Verín, así como implantar peches temporais noutros 27 paradores. Todo o cal, provocaría o despido de 644 traballadores, o 14% da plantilla”, sinala.

Por todo isto, o deputado socialista esixe ao Goberno que aclare se ten a intención de pechar os paradores de Ferrol e Verín, cales son os motivos que explicarían tal decisión e qué vai pasar coa plantilla de traballadores de ambos os dous paradores.

Blanco tamén demanda que o Goberno clarexe cómo vai afectar a reestruturación que prepara a dirección de Paradores ao resto das instalacións galegas e aos seus traballadores e se o Goberno estuda medidas paliativas ou de recolocación dos traballadores despedidos.

Ademais, Blanco puntualiza que o pasado 22 de novembro, nunha resposta parlamentaria o Goberno admitiu que “non descarta fórmulas de colaboración público-privada en canto á xestión da rede de Paradores”. Por iso, tamén reclama información sobre qué fórmulas estuda o Goberno, se serían de aplicación á totalidade da rede no seu conxunto ou a paradores específicos e se estas fórmulas se aplicarán en Galicia.

Asemade, Blanco inquire ao Goberno sobre se descarta a privatización total ou parcial da rede de paradores e, en concreto, dos paradores asentados en Galicia.

Finalmente, esixe ao Goberno que aclare se mantén a previsión de construir o parador de Muxía, qué calendario manexa e baixo qué fórmula de xestión, unha vez que o Goberno admite que estuda introducir fórmulas de colaboración público-privada.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar