Blanco defende a necesidade de aproveitar os novos fondos pesqueiros europeos para impulsar a diversificación económica das comarcas litorais

Blanco defende a necesidade de aproveitar os novos fondos pesqueiros europeos para impulsar a diversificación económica das comarcas litorais

Blanco defende a necesidade de aproveitar os novos fondos pesqueiros europeos para impulsar a diversificación económica das comarcas litorais

O candidato socialista compromete o apoio do PSdeG ao proxecto de aproveitamento turístico dos faros da Costa da Morte promovido pola Asociación Neria nun encontro de traballo coa súa directiva

O candidato do PSdeG-PSOE ao Parlamento Europeo José Blanco manifestou esta mañá a necesidade de aproveitar as oportunidades de financiamento que abren a nova Política Común de Pesca e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para impulsar a diversificación económica das comarcas litorais de Galicia.

Nunha reunión coa directiva da Asociación Neria, Blanco analizou os proxectos nos que está a traballar a asociación de desenvolvemento comarcal da Costa da Morte para impulsar novas actividades económicas e de creación de emprego na comarca.

A este respecto, considerou que o proxecto de aproveitamento turístico dos faros “reviste o máximo interés” polo que supón de recuperación dun espazos en moitos casos abandonados, de recuperación da súa memoria, da cultura mariñeira, do orgullo do traballo e o esforzo das xentes do mar, pero tamén pola xeración dunha dinámica económica nova, “unha segunda vida como puntos de atracción turística e, polo tanto, xeradores de emprego”.

Segundo sinalou, este proxecto entronca directamente coa “estratexia europea sobre Crecemento Azul para fomentar un crecemento sustentable nos sectores mariño, turístico e do transporte marítimo da UE, pero tamén cos obxectivos recollidos dentro do Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro”.

Tal e como dixo, Galicia debe aproveitar estes instrumentos “de primeira orde” para o apoio ao desenvolvemento sustentable da pesca e a acuicultura, así como para a “diversificación das fontes de ingresos das comunidades pesqueiras” dependentes destes sectores. Especialmente no que respecta ao turismo pesqueiro, á pesca costeira e artesanal e á incorporación de mulleres e mozos.

Polo tanto, indicou, a través destes instrumentos “ábrense vías para o cofinanciamento e impulso de actividades como a do aproveitamento turístico dos faros”, dado que o que buscan é impulsar novos vectores de actividade e emprego na comarca.

“Os socialistas imos implicarnos neste proxecto, e garantimos o noso compromiso para instar á Comisión Europea a deseñar programas específicos dedicados ao desenvolvemento do turismo pesqueiro, costeiro e marítimo. Pero tamén noutros ámbitos de desenvolvemento económico vinculados ao mar e á actividade pesqueira, para contribuír así ao desenvolvemento socioeconómico de comarcas como a da Costa da Morte”, subliñou.

Nesa liña, indicou que hai que saber aproveitar os recursos económicos que Europa pon a disposición dos territorios, motivo polo que lamentou que Xunta sexa a administración autonómica española coa execución máis baixa dos Fondos Estruturais e de Cohesión.

Segundo explicou, no novo período 2014-2020, Galicia será rexión de transición e deberá pelexar para lograr fondos dentro da partida de 38.900 millóns de euros previstos para estas rexións nos presupostos comunitarios. E deberá loitar tamén por captar recursos procedentes dos 11.700 millóns de euros destinados a cooperación territorial.

“Para iso é necesario planificar, con visión estratéxica”, o futuro polo que Galicia quere transitar. “De aí a transcendencia do que a cidadanía vote o 25 de maio: unha nova maioría pode cambiar o enfoque e as prioridades das leis básicas que dende Europa determinan a nosa economía e o noso benestar. Galicia debe ter unha voz forte en Europa, unha voz que faga valer as súas posicións, as súas necesidades, os seus intereses na Unión. A voz do Partido Socialista”, concluíu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar