Besteiro sostén que o Hospital de Vigo reflicte o modelo PP, "Privado e Pequeno"

Besteiro sostén que o Hospital de Vigo reflicte o modelo PP, "Privado e Pequeno"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou que a decisión da Xunta de que o novo hospital de Vigo non integre o laboratorio central do CHUVI reflicte o modelo sanitario que impulsa o Partido Popular, “privado e pequeno”.

O líder dos socialistas galegos participou en Vigo nun acto reivindicativo da Plataforma SOS Sanidade Pública diante das obras do hospital, en contra da decisión do Sergas de instalar o futuro laboratorio central (análises clínicos, microbioloxía, hematoloxía e inmunoloxía) no Meixoeiro e non nas novas instalacións.

“Agora sabemos que a maior infraestrutura sanitaria feita en España en tempos de crise, como lle gusta dicir a Feijóo sobre o hospital de Vigo, e que debería ser de referencia en Galicia, nacerá sen laboratorio, condenado a ter un minilaboratorio capaz de resolver só uns pequenos parámetros de urxencia”, asegurou Besteiro.

No acto tamén estiveron os deputados socialistas Abel Losada, Carmen Acuña e Manel Gallego, ademais do alcalde de Vigo, Abel Caballero, Carmela Silva, e representantes de BNG, AGE e os sindicatos maioritarios.

O secretario xeral do PSdeG apuntou que “todos os grandes hospitais de críticos teñen laboratorio central de especialidades e o de Vigo será o único de España que non o teña, é unha pena, os socialistas defendemos que é o momento de parar o proxecto e replantexar as cousas, porque só se poderán facer as mesmas análises que se fan nun simple PAC”.

“Por suposto, con este novo cambio improvisado sobrarán a metade dos e das profesionais, dos que desde o PSdeG queremos destacar o seu traballo para loitar polos dereito da cidadanía a unha sanidade pública, universal e de calidade, por riba moitas veces dos seus intereses persoais”, engadiu.
Por último, Besteiro esixiulle a Feijóo que aclare “se este será un paso máis para privatizar un novo servizo, despois de que privatizasen xa a realización de 600 probas sanitarias, nun plan para deixar na sanidade pública só o máis básico; xa fixeron o mesmo en Madrid resultando un absoluto fracaso”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar