Besteiro sinala que o PP "non quere que Galicia estea preparada para o futuro do lácteo"

Besteiro sinala que o PP "non quere que Galicia estea preparada para o futuro do lácteo"

Besteiro sinala que o PP “non quere que Galicia estea preparada para o futuro do lácteo”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, visitou hoxe unha explotación láctea en Catro de Rei –Lugo- a piques de pechar para evidenciar o fracaso da xestión de Feijóo e Rajoy co sector primario. Resumiu que o PP “non quere que Galicia estea preparada para o futuro do lácteo”, un sector “que non leva os cartos para Suíza”.

Gómez Besteiro remitiuse ás palabras do propietario da explotación para subliñar que este é o peor escenario en 35 anos de exercicio logo da desaparición do sistema europeo de cotas lácteas sen que os executivos central e autonómico teñan feito nada para prepararse. Hoxe pechan case dúas explotacións ao día, 80 ao mes, provocando o abandono do territorio diante do desleixo dos gobernos do PP.

Por non facer, continúa, “nin tan sequera foron capaces de executar os fondos da UE”, e hoxe Galicia pode perder máis de 400 millóns de euros dos Fondos de Desenvolvemento Rexional da UE por non telos gastado a final de ano, “se isto é boa xestión, que baixe Deus e o vexa”, concluíu logo de evidenciar que “estamos peor que nunca”.

“Rajoy –engadiu- están a outra cousa e non sabemos a qué, pero desde logo non a defender o sector do leite”, mentres o goberno galego “aplaude” logo de catro anos de facer “nada” dende Madrid, revelando unha xestión que “en sete anos demostrou que nunca creu neste sector”. Criticou que a Xunta non teña traballado para aumentar os terreos das explotacións, permitindo diversificar, producir mais e reducir custes.

Considera ademais incomprensible que unha industria do leite “propiamente galega”, para unha Comunidade Autónoma que produce o 40 por cento do total do Estado sexa “incapaz de apoiar ao sector ou a industria e presionar e reconducir as malas prácticas do sistema de produción” e evitar as caídas de prezos.

Non se vai para Suíza

O diñeiro investido nas explotacións, sinalou o líder dos socialistas galegos, “non é especulativo, non se vai para Suíza, quédase aquí e distribúese nos supermercados, nas mercerías, dan vida a un pobo e a unha comarca”.

En lugar de loitar polo desenvolvemento das zonas rurais, dixo Gómez Besteiro, o goberno do PP está “abocando a provincias como Lugo, que dependen tanto do sector primario, a volver a ser provincias cheas de pobreza”. “O que realmente están facendo, dixo, é que se despoboe Galicia” arruinando ao sector e negándolle o futuro afogando a “verdadeira economía do terreo”.

Lamentou que ao presidente galego “non lle preocupan nin o leite, nin o forestal, nin o sector da pesca”, e instou a “figurarse si falaramos dun conflito no aceite de oliva en Andalucía, alá teriamos unha presidenta defendendo ao sector” dende o primeiro día. En Galicia, engadiu, hai un presidente que “en eleccións ven a prometer cousas que non cumpre nos seguintes catro anos”.

Criticou que a ministra Tejerina, logo de non acordarse do sector durante as mobilizacións masivas de hai dous meses, decidiu “vir hoxe nun ambiente encorsetado, pechado e sen falar coa xente nin tocar a realidade dun pobo”.

Explotacións

O líder dos socialistas galegos presentou polo contrario “unha proposta clara e limpa de aumentar o tamaño das explotacións, de apoiar unha industria propiamente galega”, que co 40 por cento da produción “ten peso para impoñerse nos mercados”. “E sobre todo -concluíu- cunhas condicións para que as distribuidoras non impoñan a súa lei”.

Este é “o camiño polo que sigue Europa”, dixo, mentres “o PP non quere que Galicia estea preparada para os futuros retos da economía verde, cunhas explotacións moitísimo máis grandes” e sinalan que “todo está preparado e resolto, cando a realidade é todo o contrario”.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar