Besteiro quere “unha Galicia cun status institucional e cun peso importante na organización dun Estado Federal”

Besteiro quere “unha Galicia cun status institucional e cun peso importante na organización dun Estado Federal”

Besteiro quere “unha Galicia cun status institucional e cun peso importante na organización dun Estado Federal”

rianzoO secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu hoxe a necesidade dunha “Galicia partícipe, como actor principal, da construción dun Estado Federal resultado dunha reforma constitucional máis necesaria que nunca; unha Galicia cun status institucional e un peso importante na organización dun Estado Federal Español”.
Besteiro participou, xunto a numerosos cargos e militantes do PSdeG, na tradicional ofrenda a Castelao en Rianxo con motivo do Día de Galicia, e no seu discurso apostou por “un Estado integral que combine equilibradamente a descentralización política coa unidade de todos os pobos, un Estado no que, como galegos e como socialistas, temos moito que dicir en temas como o financiamento autonómico ou o modelo territorial”.
O líder dos socialistas comezou a súa intervención afirmando que “veño agora mesmo de Pontevedra, de despedir a un compañeiro a quen tiven o orgullo de coñecer e homenaxear hai menos de catro meses, Celso García de la Riega, militante desde o ano 36, o máis antigo de Galicia”.
Besteiro transmitiu tamén “en nome dos socialistas de Galicia o noso ánimo, afecto e consideración a todas as familias afectadas polo accidente de tren de hai dous anos” e tivo unha lembranza moi especial para Carlos Gey, “que por primeira vez non nos acompaña neste acto no seu querido Rianxo”. Pola memoria de todos, gardouse un minuto de silencio.
“Hoxe é un día de reivindicación da nosa identidade como galeguistas e socialistas, por iso levamos anos rendendo tributo a figura de Castelao; a crise cuestionou moitas cousas e levou consigo moitas outras, pero o que non nos pode arrebatar a crise é a nosa coherencia, a coherencia co que sempre fomos e co que sempre defenderemos”, asegurou.
En opinión de Besteiro, “o galeguismo para nós, non é só unha cultura propia, unha forma de ver o mundo ou unha forma de falar e entenderse, o galeguismo para os socialistas é ante todo unha forma de organizarse como país e de afrontar retos futuros como sociedade dende a nosa propia singularidade”.

“O galeguismo de Castelao, do mesmo xeito que o do PSdeG, é un proxecto político incluínte, que ve na unión solidaria un dos seus acenos de identidade”, afirmou, “por iso os socialistas traballaremos nun proxecto no que o galeguismo xogue un papel fundamental non só na defensa da lingua, o territorio e a cultura, o galeguismo dos socialistas defenderá un sistema produtivo propio que permita xerar actividade económica, reter poboación e volver crecer de novo como país e como pobo”.

“Castelao para nós non é un símbolo, para nós Castelao é un feito, os socialistas defendemos e reforzamos a nosa memoria como pobo para que cada ano que pase, ante cada ataque, a nosa intelixencia colectiva, por si mesma, se atope coa fortaleza necesaria para facer fronte aos políticos máis interesados en interpretar o pasado en base aos seus intereses que en proporcionar un futuro axustado ao de todos os cidadáns”, dixo.

O secretario xeral do PSdeG lembrou que “Galicia ten o mellor capital físico e humano da súa historia, temos as mellores infraestruturas e a xeración de mozos e mozas mellor formada da nosa historia, e sen embargo perdemos poboación, os mozos marchan e Galicia retrocede en todos os aspectos sociais e económicos con respecto a España e Europa”.

“Hoxe é o día de proxectar o que Castelao quería para Galicia, un desexo que coincide coas ideas que os socialistas galegos defendemos cada día no Parlamento, nos concellos, nas nosas vilas, nos nosos barrios; cómpre recuperar un galeguismo útil, ligado á unha economía propia de Galicia para volver a ter peso no conxunto do Estado e aumentar a nosa capacidade de protexer aos galegos como sociedade”, rematou.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar