Besteiro, proposto como novo senador por designación autonómica

Besteiro, proposto como novo senador por designación autonómica

Besteiro, proposto como novo senador por designación autonómica

Méndez Romeu Xunta PortavocesO portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, confirmou hoxe que o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, será proposto polo Grupo Socialista como senador por designación autonómica en substitución de Paula Fernández. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que tivo lugar hoxe no Pazo do Hórreo.

A próxima semana terá lugar un Pleno Extraordinario, previsiblemente instantes antes do Pleno ordinario que comeza o luns, no que será votada a proposta de Besteiro como senador autonómico. Galicia conta con tres senadores designados polo Parlamento, dos que dous son propostos polo PP como grupo maioritario e outro polo PSdeG, principal grupo da oposición.

Méndez Romeu salientou o “momento axeitado” para executar o relevo no Senado na persoa de quen dirixe o PSdeG nas catro provincias galegas, así como fronte ao resto do Estado e diante de tódalas institucións de Galicia. Advertiu “motivos de abondo” para que quen ten esta posición interna teña tamén “unha presenza institucional destacada e que todo o socialismo galego estea representado no Senado”.

O responsable socialista valorou tamén o desbloqueo da renovación en diversos órganos institucionais, como é o Valedor do Pobo, por canto o actual titular leva tres anos en funcións á espera dun novo nomeamento, ou o Consello de Contas, funcionando con tan só 3 dos 5 representantes polo bloqueo do PP.

Tamén chamou a iniciar “canto antes” a aplicación da Lei dos medios públicos, o que implica o debate e aprobación do Mandato Marco e a remuda dos membros do Consello de Dirección.

Lei de dignidade dos enfermos terminais

O Pleno ordinario da próxima semana comezará co debate final da Lei de dereitos e dignidade dos enfermos terminais, presentada e impulsada polos socialistas galegos e que ven de acadar un amplo consenso logo do seu “traballo intenso e construtivo” de tódolos grupos parlamentarios no debate en Ponencia e Comisión.

Méndez Romeu salientou que a norma permitirá innovar o ordenamento xurídico galego, que quedará situado “á vangarda” ao consolidar o respaldo aos profesionais sanitarios que atenden ás persoas en situación terminal, uns doentes que grazas a esta norma ven ordenado o seu sistema de dereitos e garantías.

O responsable socialista lamentou que o grupo maioritario desestimara hoxe a solicitude de habilitar o mes de xullo para celebrar sesións ordinarias de Pleno e comisións na liña da proposta de reforma do Regulamento presentada polos socialistas galegos.

Tampouco estimaron oportuno apoiar as solicitudes de comparecencia presentadas polo PSdeG, que reclamaba a presenza de Feijóo para dar conta da situación do mercado de traballo galego. Si que terá lugar un debate sobre unha proposición non de Lei do PSdeG para aumentar a cobertura de desemprego logo de que 40.000 galegos e galegas perderan as súas axudas ao quedar sen traballo.

Tamén rexeitaron a comparecencia do goberno galego para dar conta da situación da Fundación Camilo José Cela logo da imputación dos seus directivos e varios dos membros do Padroado que hoxe ostentan cargos institucionais relevantes e do que a día de hoxe “sorprendentemente ninguén ofreceu unha mínima explicación”. O asunto será tratado sen embargo como pregunta oral no Pleno da próxima semana.

Libros de texto

A pregunta presentada polos socialistas ao presidente da Xunta na sesión de control do Pleno do Parlamento centrarase na falla de equidade manifesta no modelo de gratuidade parcial dos libros de texto imposto polo goberno galego logo de desbotar o sistema de préstamo universal xeneralizado polo goberno de Touriño.

A educación será un dos piares das diversas iniciativas presentadas polos socialistas galegos, que incluirán unha proposición non de Lei para aumentar o Plan de Financiamento Universitario de Galicia 2016-2020 para garantir a docencia e a investigación nas universidades públicas. Tamén incorporarán unha pregunta oral sobre os atrasos no financiamento para a posta en marcha da FP Básica.

O Grupo Socialista levará unha moción dirixida a garantir un protocolo de atención ás vítimas de violencia de xénero nos centros sanitarios para imposibilitar que se repitan sucesos como o do asasinato dunha vítima a mans da súa parella mentres estaba ingresada no Hospital de Ourense recuperándose dunha agresión previa.

As interpelacións presentadas polos socialistas no próximo Pleno centraranse na situación precaria do sistema de servizos sociais prestados polos concellos e reclamar medidas executivas para garantir un sistema sostible e estable. A segunda interpelación analizará os resultados das políticas locais logo de 6 anos de incumprimentos por parte do goberno autonómico.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar