Besteiro preséntalle a Feijóo os eixos para un acordo polo emprego e a recuperación socioeconómica de Galicia

Besteiro preséntalle a Feijóo os eixos para un acordo polo emprego e a recuperación socioeconómica de Galicia

Besteiro preséntalle a Feijóo os eixos para un acordo polo emprego e a recuperación socioeconómica de Galicia

O secretario xeral do PSdeG incide no emprego como máxima prioridade dos socialistas, para o que propón un plan de choque no que deben implicarse as empresas, impulsar a reindustrialización e aproveitar as potencialidades da comunidade como produtora de enerxía

O socialista puxo como retos a loita contra a caída demográfica, o avellentamento e o despoboamento do interior

Ofreceu a colaboración do PSdeG na defensa dos intereses comúns de Galicia en Madrid e Bruxelas, en temas como a negociación do financiamento autonómico, a PAC ou a política pesqueira

As maiores diferenzas seguen estando en materia de Sanidade, Educación ou Servizos Sociais públicos, que os socialistas defenden como dereitos universais e gratuítos

Besteiro_FeijóoO secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, vén de pechar a rolda de contactos cos líderes dos partidos políticos do arco parlamentario cunha entrevista co Presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O socialista confirmou á saída que as súas propostas a Feijóo falan “fundamentalmente de emprego”, porque a loita contra o desemprego é agora a prioridade e “obsesión” do partido. Así, Besteiro presentoulle un acordo con sete eixos fundamentais para o emprego e a recuperación socioeconómica de Galicia.

Gómez Besteiro apuntou que o clima político non é apto para “unilateralidades” e expresou a necesidade de crear un clima de diálogo e responsabilidade social que tanto Goberno como Oposición deben manter nestes momentos. O secretario xeral dos socialistas galegos ofreceu ao titular do Executivo autonómico un acordo que, “a través do emprego, apunte a recuperación socioeconómica de Galicia”, proposta da que Besteiro tamén estivo a falar e abre ao resto de forzas políticas, coa fin de “tratar os problemas reais das persoas e ser útiles á cidadanía”.

Explicou que un dos eixos deste acordo pola recuperación socioeconómica é un plan de choque contra o desemprego para creación de postos de traballo non só desde a Administración, senón tamén pola vía das empresas, “unha proposta que xa defendemos no Debate sobre o Estado da Autonomía”. Este plan estaría dotado de investimento en políticas de reactivación de emprego e orientado especialmente á mocidade, os parados de longa duración ou os maiores de 55 anos.

Propuxo tamén o desenvolvemento de políticas contra a caída demográfica e o abandono do territorio e envellecemento da poboación. “Está ben avanzar en cuestións relacionadas coa propiedade da terra, pero hai que afrontar reformas máis activas”, recomendou Besteiro.

O terceriro eixo sería unha mellora da proporcionalidade na recadación e do reparto de cargas fiscais, cunha revisión das medidas tributarias dentro das competencias da Xunta. O líder dos socialistas galegos quere unha “reforma máis xusta”, que alivie as presións que están a vivir as rendas do traballo, cada vez máis asfixiantes, sen que se obteñan máis ingresos.

A proposta de Gómez Besteiro inclúe noutro dos eixos unha aposta pola reindustrialización de Galicia e un pacto pola enerxía. Pola “reindustrialización” clásica, industria naval, estaleiros, automoción e, sobre todo, de transformación dos sectores primarios, asunto sobre o que insistiu especialmente o líder socialista ao presidente. Besteiro propuxo a colaboración socialista para negociar tamén fóra un Pacto pola Enerxía. “Somos un territorio enerxético dentro do Estado, pero estanse a vivir unha serie de disfuncións que afectan ás empresas”, en cuestión de custos, tanto para as que están como para as que pensan instalarse. Hai que volver á lóxica que, “onde se produce enerxía, ten que favorecerse a implantación industrial”.

Outra das cuestións que Besteiro considera importantes é a defensa dos intereses dos galegos ante o Goberno de España e Europa sobre aspectos cruciais para o futuro do país, para o que o socialista ofreceu o seu respaldo ao xefe do Executivo nas viaxes institucionais ao exterior. “Queremos un presidente galego forte, cómodo e respaldado en Madrid ou en Bruxelas cando vaia negociar, por exemplo, o financiamento autonómico”, indicou Besteiro. “Esta fronte vaise abrir, e queremos que desde a equidade defendamos a suficiencia e non retrocedamos nos mecanismos de solidariedade”, dixo. Ofreceu tamén o apoio dos socialistas na defensa dos gandeiros na negociación da PAC, ou dos intereses galegos nas políticas pesqueiras da UE. Gómez Besteiro e Núñez Feijóo falaron tamén da reforma local, un asunto que causa fonda preocupación ao líder socialista. “Espero que defenda en Madrid a mesma posición que os concellos de Galicia”, dixo o secretario xeral do PSdeG.

O futuro de NGB e do sistema financeiro galego é outro dos eixos fundamentais para Besteiro, que transmitiu a aposta do PSdeG por esgotar os prazos de venda e “continuar gañando solvencia aproveitando o prazo ofrecido por Bruxelas e que está a permitir unha posición máis sólida”. Se a Xunta quere vender, pide explicacións claras, “transparencia e luz e taquígrafos” para coñecer por que quere venderse xa e transparencia tamén no proceso de presentación de ofertas. “Que as arcas públicas podan entón recuperar a maior parte da axuda pública, que é a mellor solución para os contribuíntes e para Galicia e defender os intereses do país para que non só a dirección, senón os centros de decisión e os empregos se manteñan en Galicia”.

Besteiro esixiu tamén capacidade de investimento para garantir a accesibilidade e a gratuidade dos servizos públicos, un punto no que queda espcialmente claro que as ideas dos socialistas “non son o mesmo” con grandes diferenzas en materia de Sanidade, Educación ou Servizos Sociais públicos, que os socialistas defenden como dereitos universais e gratuítos. Neste punto o PSdeG quere a retirada dos repagos e a rectificación da postura da Xunta para volver a recuperar a cobertura universal do dereito á atención sanitaria e o acceso a unha educación pública de calidade.

Máis aló destes sete eixos da proposta socialista, con respecto á renovación da representación institucional, Besteiro afirmou que o PSdeG “non é un partido que bloquee institucións, como fan outros cando gobernan”. Feijóo e Besteiro acordaron tamén favorecer que se reactive a comisión para desbloquear a lei do Solo, coa esperanza de “rematar cos vaivéns dos últimos dez anos en esta materia lexislativa”.

Logo de salientar o diferente posicionamento ideolóxico de populares e socialistas Besteiro destacou a necesidade de fixar prioridades, “e a nosa é o emprego”, aseverou, convencido de que debe haber diálogo porque “non podemos quedarnos á marxe dos problemas de Galicia”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar