Besteiro presenta emendas aos PXE para Galicia por máis de 600 millóns para "recuperar" o investimento da etapa socialista

Besteiro presenta emendas aos PXE para Galicia por máis de 600 millóns para "recuperar" o investimento da etapa socialista

Besteiro presenta emendas aos PXE para Galicia por máis de 600 millóns para "recuperar" o investimento da etapa socialista

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2015. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o coordinador dos socialistas galegos nas Cortes, Guillermo Meijón, presentaron esta mañá as 271 emendas aos Orzamentos Xerais do Estado rexistradas a favor de Galicia por unha suma de 600.752.000 euros. Gómez Besteiro lembrou que desde que está o PP no Goberno do Estado o investimento medio é de 600 millóns anuais menos que co PSOE. “Estes eran os Orzamentos que calificaban como os da recuperación, así que como mínimo queremos recuperar os niveis de investimento da época dos socialistas”, dixo.

Besteiro presentou unas emendas “en clave de país” e coas “verdadeiras preocupacións estratéxicas” dos socialistas, “vitais para o futuro de Galicia”. Así, incidiu nas propostas para a “recuperación de emprego”, xa que a comunidade vive “a destrución de emprego e o esquema ideolóxico do PP, cun troceamento dos postos de traballo e perda na cantidade e na calidade, con case cinco millóns e medio de horas semanais traballadas menos que en 2011”.

Os socialistas propoñen un plan integral de emprego para Galicia por 50 millóns de euros, que o PSOE rexistrou nalgunhas comunidades que considera prioritarias e un plan de reindustrialización a apoio á competitividade industrial para os próximos tres anos de 30 millóns anuais. Asimesmo, para o sector naval volven introducir a emenda para o construcción do dique flotante de Navantia por 150 millóns, xunto coa construción da fragata prometida e adiada polo Goberno e unha reposición do 100% no plantel para garantir a competitividade no sector público naval.

Outras emendas estratéxicas son o plan de apoio e medidas extraordinarias para o sector lácteo por 25 millóns de euros, con medidas para un prezo sustentable, a recollida de excedentarios para fins humanitarios, o control de prácticas comerciais irregulares e a axuda específica de mínimos para explotacións en risco de desaparición.

Besteiro fixo tamén mención especial a unha partida de 10 millóns de euros para un plan de demografía destinado ás zonas con maior despoboamento e 25 millóns para a prevención de incendios. Outros 34 millóns de euros irían destinados ao plan Miner para desenvolvemento do solo industrial, execución de convenios pendentes e recuperación de investimentos. Os socialistas solicitan tamén “medidas que regulen e estabilicen os custos enerxéticos” das empresas grandes consumidoras de enerxía na comunidade.

O líder dos socialistas referiuse tamén ás partidas para o AVE, e explicou que a maior emenda que fan os socialistas “é simplemente que o PP execute os orzamentos”, xa que nos últimos catro anos ata o 40% destas partidas non se executa. “Así tamén fago eu as contas, compromete o que queiras que xa fago o que me dea a gaña”, puntualizou Guillermo Meijón, “xa é a quinta vez que Rajoy e Pastor nos veñen con esta milonga”, dixo.

“O PP basea a mellora da competitividade na desigualdade, cuns orzamentos inxustos, e os socialistas cremos que a recuperación debe ser unha recuperación xusta que chegue a todos os estratos sociais”, afirmou Besteiro. “Estes Orzamentos son o modelo ideolóxico do PP, e hai un modelo distinto, alternativo e posible. Traballaremos para que ese cambio se consume nas eleccións xerais con Pedro Sánchez, porque os Orzamentos sufrirán un drástico cambio se os socialistas chegamos ao Goberno do Estado”, afirmou.

Pola súa banda, Guillermo Meijón falou máis en detalle das emendas para Galicia (adxuntamos documento) e lembrou tamén que as emendas socialistas no Estado “introducen máis de 3.000 millóns para educación e emprego, máis de 3.000 millóns para crecemento económico e case 3.500 millóns para cohesión social”. Destacou a importancia que ten para Galicia a petición de suba do 2% para as pensións mínimas. “O PP estalles ofrecendo o 0,25% e perden poder adquisitivo porque a inflación será superior a ese 0,25% e ademáis están os copagos, polo que perden posibilidades de vida”. Os socialistas tamén inciden na dependencia, as becas a fiscalidade xusta ou a suba mínima do 5% no salario mínimo, “onde Galicia é unha das comunidades cos salarios máis baixos”.

“Este será o quinto ano en que o PP e os deputados galegos do PP non apoiarán ninguna enmenda a favor de Galicia nin no Congreso nin no Senado. Facemos un chamamento ao PP galego, porque malo será que en cinco anos dos centos de emendas presentadas non poidan aprobar nin unha en favor de Galicia. Dicímoslle a Feijóo que inste a que voten a favor de Galicia, tras catro anos cun perpetuo non”, afirmou Meijón. “Galicia non recupera nada, segue perdendo 600 millóns anuais, co sorriso dos deputados e senadores galegos en Madrid, e co apoio de Feijóo, que aplaude de xeito soterrado estes orzamentos de Rajoy”, concluíu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar