Besteiro sinala que os pagos do PP ás empresas da Operación Zeta "demostran as nosas denuncias"

Besteiro sinala que os pagos do PP ás empresas da Operación Zeta "demostran as nosas denuncias"

Besteiro sinala que os pagos do PP ás empresas da Operación Zeta "demostran as nosas denuncias"

besteiro“A preocupación dos cidadáns non está na contabilidade A, está na contabilidade B do Partido Popular, que ten que dar información e explicacións”, manifesta José Ramón Gómez Besteiro.

“A Policía sostén que foron comisións a cambio de axudas públicas, outra proba do financiamento irregular do PP”, afirma a deputada no Parlamento Marisol Soneira.

Os socialistas galegos aseguraron que os pagos ao Partido Popular das empresas investigadas na Operación Zeta, sempre segundo a Policía Xudicial, “confirman o que xa denunciamos e as nosas sospeitas”. O PSdeG esixe a comparecencia urxente do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para dar explicacións no pleno do Parlamento de Galicia.

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, referiuse a este tema a preguntas dos medios de comunicación. “A preocupación dos cidadáns non está agora mesmo na contabilidade A do Partido Popular, está na contabilidade B, polo que á marxe da investigación xudicial, Núñez Feijóo e o seu Goberno deben dar información e explicacións”, manifestou.

A documentación e as conversacións gravadas pola unidade de delitos fiscais da Policía Nacional deixan clara a relación do grupo de empresas de Gerardo Crespo co PP e o amaño de concursos da Xunta de Galicia para que gañase o empresario. “É unha proba máis do financiamento irregular do Partido Popular, que a cambio dos concursos recibía cartos en negro para, entre outras cousas e como afirma a Policía, reformar a súa sede de Pontevedra”, afirma a deputada socialista Marisol Soneira.

Os socialistas rexistraron onte na Cámara varias iniciativas nas que demandan información das “subvencións, axudas ou calquera tipo de achegas que teña concedido a Xunta de Galicia ás empresas e entidades Gecreri, Asociación de Empresarios Discapacitados de Galicia, Azetanet Formación e Consultoría e Fundefo nos últimos cinco anos”.

“O cerebro de toda esta obra de enxeñería destinada a captación de recursos públicos gañaba as vontades de persoas que, nalgún caso ata onte, eran cargos de gobernos do PP”, sostén Soneira, e na documentación que está en mans da Policía “o propio Crespo se gaba da súa vinculación política con esta formación e dos cuantiosos fondos que tería aportado á mesma”.

Os socialistas consideran “inconcibible nun Goberno democrático” que nin o presidente da Xunta nin a conselleira de Traballo teñan ofrecido aos galegos e galegas ningún tipo de explicación “sobre un empresario amigo especializado en recibir axudas públicas para impartir cursos de formación a parados que ao parecer nunca se celebraron”.

“Hai que ser cínico para dicir, no caso de Carlos Negreira, que se houbese tales contribucións por parte destas empresas, figurarían na contabilidade entregada polo Partido Popular ao Consello de Contas”, engade Soneira, que lembra que este caso dos cursos de formación “parece que nos custou aos contribuíntes galegos uns vinte millóns de euros”.

Desemprego

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou tamén que “os novos datos da Enquisa de Poboación Activa, a EPA, reflicten no caso de Galicia unha temporalidade e unha precariedade cada vez maiores”.

“Seguimos sufrindo a reforma laboral do PP; dixeron que con ela ían solucionar os problemas do emprego, pero ao marxe de datos puntuais neste trimestre a EPA deixa claro que estamos a caer nos mesmos erros de tempos pasados, alimentado un mercado laboral curtoplacista, con moi febles alicerces, inxusto para a maioría da cidadanía e completamente vulnerable ante calquera situación de inestabilidade”, afirmou o líder dos socialistas galegos.

“A esta situación temos que sumarlle, no caso de Galicia, en primeiro lugar o continuo descenso da población activa, e que seguimos sendo a segunda comunidade autónoma con peor taxa de actividade, dez puntos por debaixo da media española; un feito que exemplifica a falta de dinamismo económico que sufre o noso país”, sostén Besteiro.

A Enquisa de Poboación Activa recolle que a taxa de temporalidade segue aumentando en Galicia, un 0,8% máis, “e que somos a segunda comunidade autónoma que menos incrementou o número de ocupados en taxa interanual, cun 0,54%”.

“As previsións de futuro son malas, a poboación activa merma e as perspectivas son escuras para os mozos e as persoas desempregadas; Galicia perdeu o plus de resistencia de hai anos e avanzamos peor que España, a recuperación non é sólida e hai organismos internacionais que amenazan cunha terceira recesión”, rematou Besteiro.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar