Besteiro: "O tsunami de dereitas non se vai repetir en 2015 e os socialistas non imos pactar co PP de ningún xeito"

Besteiro: "O tsunami de dereitas non se vai repetir en 2015 e os socialistas non imos pactar co PP de ningún xeito"

Besteiro: "O tsunami de dereitas non se vai repetir en 2015 e os socialistas non imos pactar co PP de ningún xeito"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou que “o tsunami de dereitas que asolou as cidades no 2011 non se vai repetir no 2015”, lembrando que “a ambición dos socialistas é a de recuperar a política para as persoas, para que volvan ter a confianza de cambiar a realidade co seu voto”.

Na súa intervención no Comité Nacional Galego do PSdeG, Besteiro deixou moi claro que “non imos pactar co PP de ningún xeito e non o imos facer porque a merma de dereitos que o Partido Popular exerce sobre a cidadanía correspóndese coa merma de competencias que quere levar a cabo nos concellos, somos auga e aceite”.

O líder dos socialistas galegos comezou a súa intervención cun recordo emotivo para as familias dos mariñeiros de Boiro que perderon as súas vidas esta semana, antes de felicitar as candidatas e candidatos elixidos nas primarias para os concellos de máis de 20.000 habitantes.

“Xa culminamos a renovación interna dos nosos órganos e o tempo no que unha parte das enerxías do partido estiveron volcadas no plano interno, facendo un claro exercicio de participación e calidade democrática”, afirmou Besteiro, que aseverou que “votar fainos máis libres, pero tamén debe facernos máis responsables para involucrarnos de cheo no traballo cun resultado que imos recoller o vindeiro mes de maio nas eleccións municipais”.

“Estamos a piques de rematar outro ano perdido para os galegos, polo que será difícil que Núñez Feijóo poida cumprir o encargo de Rajoy de vender a recuperación”, apuntou o secretario xeral do PsdeG, que lembrou que “só o ano pasado 5.000 persoas tiveron que emigrar, desde 2009 en Galicia traballan 139.000 persoas menos e un de cada catro traballadores da industria xa está no paro”.

Sector industrial
Besteiro anunciou no comité nacional que “durante o ano 2015 imos deseñar un Plan de Reindustrialización e crecemento económico dos sectores produtivos de Galicia, escoitando a expertos, a profesionais, a industrias e a economistas”.

“Os socialistas faremos propostas inmediatas para o Plan Juncker, queremos gobernar Galicia con propostas, estando a pé de obra cos que máis sufren e coa xente que ten problemas, xa que o máis duro é ver un Goberno galego que nin sinte nin padece”, manifestou.

Municipais de maio
En opinión de Besteiro, “debemos dar un paso máis, a cidadanía galega necesita saber que o PSdeG ten un compromiso claro, unha aposta firme por promover o público como forma de organización económica e social, temos que defender un novo modelo económico que antepoña os dereitos da cidadanía a calquera outro tipo de interese”.

“A medida que se aproximen as municipais veremos como evolucionan tanto os que pensaron en cambiar a lei para aferrarse ao poder como os que dubidan se presentarse baixo siglas propias ou alleas; sabedes que sempre apelo á nosa coherencia e agora máis que nunca, o PSdeG somos un partido que vai de cara sen agochar siglas e sen cambiar regras do xogo”, dixo.

O secretario xeral adelantou que “redactaremos un Programa Marco que asuma a derogación da Reforma Local do PP así como a redacción dunha nova Lei de Bases de Réxime Local e unha nova Lei de Facendas Locais que reforce a autonomía financeira dos concellos”.

“Está nas nosas mans construír o cambio seguro sen esquecer cal é a nosa ambición, porque uns teñen a ambición de controlar o poder a calquera prezo e outros de asaltalo, pero a nosa ambición sempre foi e segue sendo a de recuperar a política para as persoas e os cidadáns”, rematou.

COMITÉ NACIONAL 20 DECEMBRO 2014-INTERVENCIÓN BESTEIRO

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar