Besteiro: “O Hospital de Vigo é o gran fiasco que se levará por diante ao PP de Galicia e a Feijóo”

Besteiro: “O Hospital de Vigo é o gran fiasco que se levará por diante ao PP de Galicia e a Feijóo”

Besteiro: “O Hospital de Vigo é o gran fiasco que se levará por diante ao PP de Galicia e a Feijóo”

BesteiroO secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe en Santiago que “o Hospital de Vigo é o gran fiasco que se levará por diante ao PP de Galicia e a Núñez Feijóo”.

Nunha rolda de prensa xunto á portavoz de Sanidade do PSdeG no Parlamento, Carmen Acuña, o líder dos socialistas galegos manifestou que “a obra máis importante do Partido Popular de Galicia en sete anos é o exemplo de non xestión do goberno autoproclamado da xestión”.

Besteiro demanda “a comparecencia inmediata do presidente da Xunta, desaparecido nunha situación sen precedentes nun país no que a sanidade sempre foi motivo de orgullo, mentres no hospital que vende como o seu gran proxecto paralizan o traslado de pacientes por risco de infeccións”.

“Estamos escandalizados ante a actitude do presidente da Xunta, mentres polas redes sociais circulan fotografías de roedores dentro das habitacións, mentres se acumulan os atrasos, a falta de materiais e de medios para atender á xente cun mínimo de seguridade, mentres os enfermos e familiares teñen que pagar cantidades desorbitadas só por aparcar o seu coche”, afirmou.

En opinión de Besteiro, “falamos dun hospital que debería ser un referente da sanidade galega e con servizos de última xeración, convertido nun esperpento e un símbolo da irresponsabilidade deste goberno, neste caso con algo tan serio como a saúde dos cidadáns”.

Destitución da conselleira
O secretario xeral do PSdeG solicitou tamén a Feijóo “que lidere este problema, do que é máximo responsable, que tome medidas de inmediato para arranxalo e que por favor destitúa dunha vez á conselleira; o presidente da Xunta estase parapetando nunha conselleira de probada incompetencia, dito polos profesionais do sector en múltiples ocasións”.

“Feijóo tamén ten que esixir responsabilidades á concesionaria, que faga públicas as esixencias do contrato, que proceda a pedir indemnizacións e multas polas irregularidades e incumprimentos e que aclare se hai motivos suficientes para a rescisión do contrato”, engadiu.

“Ante unha situación de tal gravidade, cunha manifestación mañá mesmo na que por suposto estarán moitos representantes do noso partido, non pode pasar un día máis sen que Feijóo compareza, dea explicacións e tome medidas; se non o fai, estudaremos as vías oportunas para impedir que o Hospital de Vigo se convirta nunha fraude e para investigar o que sucede”, dixo o líder dos socialistas galegos.

Por último, Besteiro lamentou o feito de que “coñeceramos por un medio dixital científico da posibilidade de que nas análises aparecera Aspergillus; isto é un esperpento desde o principio que agora se converte en despropósito, por unha xestión nefasta, pola aposta por un modelo equivocado, pola irresponsabilidade no control e por un electoralismo intolerable que levou a abrir antes de tempo unha infraestrutura sanitaria que non estaba en condicións”.

Pequeno, privado e perigoso
Pola súa parte, Carmen Acuña explicou polo miúdo moitas das carencias de materiais e servizos no novo hospital e aseverou que “o problema é que Feijoo non ten na cabeza que estea abrindo un hospital, pensa que está abrindo un centro comercial, alí se vende de todo menos saúde”.

“Pequeno, privado e perigoso, así é o proxecto”, apuntou, e preguntouse por último “quen paga agora todos os custos que supón esta paralise, así como a circunstancia de ter agora mesmo en Vigo tres hospitais abertos sen que nada funcione”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar