Besteiro lamenta que Rajoy sexa "unha caricatura de si mesmo" e pide a En Marea "máis profundidade" por Galicia

Besteiro lamenta que Rajoy sexa "unha caricatura de si mesmo" e pide a En Marea "máis profundidade" por Galicia

Besteiro lamenta que Rajoy sexa “unha caricatura de si mesmo” e pide a En Marea “máis profundidade” por Galicia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou esta mañá a Ría do Burgo xunto co secretario provincial e alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, onde lembraron que unha das medidas trasladadas polo PSOE a En Marea nas negociacións para formar goberno é o saneamento integral desta ría. Besteiro zanxou a súa opinión sobre a intervención de Rajoy no debate de investidura desta mañá lamentando que se teña convertido “nunha caricatura de si mesmo” e pediulle a En Marea “máis profundidade” para votar si a medidas moi importantes para Galicia, porque “entrar nun discurso demagóxico” será “profundamente frustrante” para a cidadanía e os seus votantes. “Deben dicir claro se queren cambio ou se teñen outro tipo de obxectivos e prefiren que siga Rajoy”.

“O partido socialista tivo unha actitude coa Marea que nin sequera tivo Podemos. Somos nós os que poñemos enriba da mesa as reivindicacións e as preocupacións de Galicia, porque ata hai uns días nin tan sequera sabiamos que propostas tiñan. Dígoo porque no documento que se remitiu por parte de Podemos ao partido socialista non se mencionaba para nada Galicia. O PSOE tratou cunha actitude moitísimo máis positiva e con máis protagonismo á Marea que a propia formación da que forma parte no grupo parlamentario en Madrid”, afirmou Besteiro, que cre que “hai moitos puntos” nos que os socialistas poden coincidir con En Marea e afirma que “o PSOE segue coa man tendida” para chegar a un acordo. “Temos tempo. Se realmente se quere cambiar neste país, pódese, outra cousa é que non se queira por outro tipo de obxectivos que se queiran conseguir, que son lexítimos pero que deben explicarlle á xente”, dixo.

“Non se pode estar máis fóra da realidade e dos problemas dos cidadáns. Son propostas coincidentes, non para satisfacer a ninguén. Son propostas nas que cre o partido socialista. Cando defendemos a rexeneración da Ría do Burgo facémolo porque xa o fixemos antes nas emendas dos Orzamentos do Estado. Cando falamos de Ence, debemos dicir que antes de revogar hai que facer un proceso de revisión, é bo que sexamos precisos no que queremos falar para non confundir á xente, porque se non a xente pode entender que non se sabe do que se está a falar”, exemplificou.

“Cando falamos dun pacto polo lácteo e o sector agrario é porque xa o fixemos no noso programa electoral, e a nosa primeira iniciativa neste novo Congreso xunto coa de Ence se centraba no pacto lácteo. Falamos de reindustrializar e do naval porque xa o fixemos e o defendemos nas últimas emendas aos Orzamentos do Estado. Non son propostas para satisfacer á Marea, son propostas nas que cre o partido socialista e cre que poden ser puntos de unión con outras formacións políticas que deben dicir claramente se queren cambiar ou non, se prefiren que siga Rajoy e as políticas do PP”, dixo. Para isto hai que “ter memoria e ser coherente”, con “máis profundidade e menos intención de confundir”, afirmou.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG e alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, valorou a proposta do PSOE para apostar pola rexeneración da Ría do Burgo, polo seu valor medioambiental e económico para o marisqueo, e lembrou que actualmente “os orzamentos do Estado non contemplan a totalidade da partida necessaria para o saneamento da ría, xa que o proxecto son 41 millóns e só se consignan 7”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar