Besteiro esíxelle a Feijóo que se dirixa ao Goberno central para regularizar a situación dos pensionistas emigrantes

Besteiro esíxelle a Feijóo que se dirixa ao Goberno central para regularizar a situación dos pensionistas emigrantes

Besteiro esíxelle a Feijóo que se dirixa ao Goberno central para regularizar a situación dos pensionistas emigrantes

O secretario xeral do PSdeG-PSOE considera “un auténtico despropósito” que o goberno lle reclame a milleiros de xubilados emigrantes “cantidades difíciles de asumir” mentres “perdoan delitos con amnistías fiscais”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, dirixiuse hoxe ao presidente da Xunta para reclamarlle que se dirixa ao goberno do Estado “para solucionar a complicada situación á que se están enfrontando os pensionistas galegos que estiveron emigrados en Europa”. Así o dixo nun encontro en Santiago coas plataformas de pensionistas retornados á que tamén asistiu a portavoz de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento, Carmen Gallego.

Besteiro considera “inxusto e un auténtico despropósito que o goberno do PP lles estea reclamando a milleiros de xubilados galegos, con prazos moi restritivos e con xuros, cantidades difíciles de asumir por unha familia”. Sinalou que mentres perdoan delitos con amnistías fiscais aos auténticos defraudadores, aos xubilados lles reclaman nalgúns casos ata 15.000 euros por non ter presentado declaracións da renda dende 2008.

O líder dos socialistas galegos reclamoulle ao presidente galego que cumpra co acordo unánime do Parlamento de Galicia, que aprobou unha iniciativa socialista para regularizar a situación dos pensionistas sen ser considerados defraudadores fiscais. Tamén reclamou “períodos de pago mais longos que os habituais para minimizar os problemas económicos nas familias”.

Esta iniciativa, lembra, tamén solicita “eximir das sancións aos pensionistas que regularicen a súa situación fiscal” e “revisar convenios con outros países para que esta situación non se volva repetir”.

Contradición de Feijóo

Esixiulle ao presidente da Xunta que “cumpra cos acordos do Parlamento galego e deixe de contradicirse” xa que, logo de apoiar a proposta socialista, o seu partido “votou todo o contrario en Madrid”

Acusou ao PP de provocar unha situación “gravísima para un gran número de familias que dependen para a súa supervivencia dos ingresos mensuais destes pensionistas” aos que o goberno lles está a tratar como defraudadores fiscais cando o problema reside na falla de información que lles ofreceu a administración.

Subliñou que os xubilados emigrantes “saben que poden contar cos socialistas galegos para informalos e para servirlles de axuda e de ponte coa administración” e comprometeuse a “seguir ao seu lado, como fixemos dende o principio”.

Deste xeito, dixo, “tal e como fomos os primeiros en propoñer solucións diante do Parlamento, continuaremos presentando iniciativas en todas as institucións para defender os seus dereitos e xustas reivindicacións”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar