Besteiro esixe a Feijóo que condene publicamente “a agresión verbal de Cañete ás mulleres”

Besteiro esixe a Feijóo que condene publicamente “a agresión verbal de Cañete ás mulleres”

Besteiro esixe a Feijóo que condene publicamente “a agresión verbal de Cañete ás mulleres”

“O peor é que esa concepción da muller inferior ao home e fóra da vida pública que ten Cañete é a mesma que ten todo o Partido Popular”, asegura o líder dos socialistas galegos

Con respecto ao debate de onte, considera que “houbo unha persoa con ganas de cambiar Europa e outra con medo a que as cousas cambien para a dereita, que leva dez anos empobrecendo Europa”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que condene publicamente “a agresión verbal ás mulleres do cabeza de lista do Partido Popular, Miguel Arias Cañete”.

No mitin celebrado esta tarde en A Coruña, xunto ao secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, e o candidato dos socialistas galegos, José Blanco, Besteiro manifestou que “agora sabemos por que o Partido Popular tardou tanto en presentar ao seu candidato, porque estaban intentando que non fose un impresentable, pero finalmente non o conseguiron”.

“Mirade, quero falar en serio: a declaración de Cañete é unha agresión, unha agresión verbal contra as mulleres, e o peor é que esa concepción da muller inferior ao home e fóra da vida pública que ten Cañete, é a mesma que ten todo o PP; desde Gallardón, que era o progre do PP, ata Feijóo, que cando lle preguntaron hoxe por Cañete dixo que non sabía nada”, afirmou.

En opinión de Besteiro, “se o número 1 para Europa do Partido Popular pensa isto, como pensara o resto da lista?, como pensará o número oito, que é o cuñado de Rajoy? dígovos unha cousa, se o Partido Popular quere presumir de superioridade moral, que cambien de candidato”.

Con relación ao debate de onte, Besteiro considera que “gañaron os que puideron escoitar a Elena Valenciano falar de solucións e de futuro para as persoas, e perderon os que agardaban escoitar de Cañete algo máis que falar de pasado e negar a realidade na que viven as familias españolas”.

Para o secretario xeral do PSdeG, “escoitar a Cañete é comprobar que o PP non ten máis programa para Europa que a súa visión do período de goberno de Zapatero e que, se en dous anos non tiveron nada que ofrecer a cidadanía máis que recortes sociais e de dereitos, menos aínda é o que pode aportar a dereita á defensa dos intereses dos galegos e dos españois en Europa”.

“Se tivera que resumir, no debate houbo unha persoa con ganas de cambiar Europa, e outra con medo a que as cousas cambien para a dereita que leva dez anos empobrecendo Europa; e sobre todo, neste debate quedou claro que non é o mesmo votar a uns e a outros”, dixo o líder dos socialistas galegos.

“Quedou claro que non é o mesmo votar á dereita que non é capaz de propoñer unha alternativa á austeridade que está a esnaquizar Europa empobrecendo os seus cidadáns, que votar a unha esquerda social que aposta por sanear a situación das persoas antes que a dos bancos”, engadiu.

Frear á dereita
Pola súa banda, o candidato socialista José Blanco sostivo que o maior patrimonio que temos é o estado do benestar e chamou a cidadanía a derrotar á dereita galega, española e europea que o pon en risco. “A forza para facelo posible está en vós. Na forza dun voto masivo ao Partido Socialista para frear á dereita española e europea. Esa é a batalla destas eleccións: ou recuperar o benestar ou afondar no sufrimento”, aseverou.

“O único cheque que ten que recibir a dereita o 25 de maio ten que ser o finiquito. Hai que finiquitar a austeridade do PP e abrazar a política de crecemento e inversión do PSOE. Hai que finiquitar a reforma laboral, a precariedade e os salarios recortados do PP e abrazar a defensa do emprego estable e salarios dignos do PSOE. Hai que finiquitar a inxustiza do PP e abrazar a loita sen cuartel pola igualdade do PSOE”, concluíu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar