Besteiro convida a Feijóo a “ser ambicioso” e “obter un maior aforro sen recortar democracia” no Parlamento

Besteiro convida a Feijóo a “ser ambicioso” e “obter un maior aforro sen recortar democracia” no Parlamento

Besteiro convida a Feijóo a “ser ambicioso” e “obter un maior aforro sen recortar democracia” no Parlamento

“Se a única proposta de Feijóo é recorte si ou si, a nosa resposta é non”, afirmou o socialista, porque “xusto cando os partidos políticos buscamos fórmulas para que os cidadáns escollan os seus representantes da forma máis directa posible, Feijóo aposta por darlle menos valor a cada voto”

O secretario xeral anunciou tras a Executiva unha nova iniciativa no Congreso para apoiar a Navantia e o respaldo ás mobilizacións da Sanidade

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, presidiu esta tarde unha nova Executiva na que o partido falou de temas como a proposta de redución de deputados do PP, a grave situación do sector público naval e as iniciativas socialistas en apoio a Navantia ou o respaldo á folga e mobilizacións da sanidade pública. Gómez Besteiro deixou clara a posición dos socialistas ante a rebaixa de 75 a 61 deputados, que consideran un “recorte da democracia”, e piden que o PP aposte por obter “un maior aforro con máis democracia, porque non é certo que máis aforro implique menos democracia” e que actúe cos principios de “consenso, respecto á representación dos cidadáns e ambición para falar dunha reforma electoral máis ampla”, que son os tres compromisos dos socialistas. O secretario xeral do PSdeG afirmou que “se a única proposta de Feijóo é recorte si ou si, a nosa resposta é non”.

Gómez Besteiro lembrou que Galicia ten agora 75 deputados, igual que o País Vasco, e coa redución a 61 que propón Feijóo pasaría de ser a sexta á novena comunidade por número de representantes parlamentarios en España. Ademais, “só catro comunidades terían menos deputados por número de habitantes”, afirmou o socialista, que convidou a Feijóo a responder “se queremos ser ou non unha comunidade histórica e que nos traten como tal”. Besteiro cualificou a medida do PP como “un retroceso e un recorte á democracia” en Galicia. “Xusto cando os partidos políticos estamos coas primarias e buscando fórmulas para que os cidadáns escollan os seus representantes da forma máis directa posible, Feijóo aposta por que o voto dos cidadáns teña menor valor e representación”, afirmou, xa que deste xeito só se elixiría un representante por cada 45.642 electores. “Imos cara atrás en lugar de evolucionar na democracia representativa”, dixo. Deben ser “máis ambiciosos para non perder o fío dos tempos e responder ao que os cidadáns desexan”.

Besteiro apuntou a que actualmente “Feijóo ten a maioría absoluta con só un 24,5% do censo electoral galego”, e con esta medida “parece que o PP quere blindar aínda máis esa maioría, que podería obterse co apoio de só unha quinta parte do censo de Galicia”. O socialista asegurou non entender “a urxencia do PP”, porque “hai tempo de falar e quedan tres anos para as próximas eleccións autonómicas” na comunidade. “Eu propúxenlle persoalmente a Feijóo unha comisión para abordar a reforma electoral dun xeito ambicioso, que garanta o debate, a información e a transparencia, pero negouse”. Tamén manifestou non querer entrar na “demagoxia” de “que parte do programa electoral quere cumprir” o PP, porque “a máxima do PP era menos impostos e máis emprego” e “esa é a parte que parece que se lle esquece do cumprimento do programa”.

Conservar os 75 deputados co custo de 61 ou eliminar o envío de papeletas
Gómez Besteiro puxo en dúbida que o goberno de Feijóo “busque o aforro” con esta medida. “O PP botou abaixo a nosa proposta para que os deputados coticen polo 100% do salario e agora veñen falando de aforro”, afirmou. En todo caso, amosou a disposición do PSdeG de “conservar os 75 deputados co mesmo nivel retributivo global” que terían 61 deputados, entre outras propostas de aforro.

Así mesmo, os socialistas queren falar “dunha reforma da lei electoral máis ambiciosa” e non un cambio “simbólico que non prexudica ao PP”, polo que propoñen a redución de gastos con medidas como a menor duración das campañas electorais ou a eliminación do envío de papeletas a domicilio para que as haxa só nos colexios, o que suporía un aforro de case 2 millóns de euros en cada proceso electoral.

Nun contexto máis amplo, Gómez Besteiro apuntou a falar de “listas electorais desbloqueadas e camiñar cara as listas abertas, máis facilidades para que os cidadáns poidan presentar Iniciativas Lexislativas Populares, a reforma do regulamento parlamentario para incrementar a información e a transparencia ou mecanismos de prevención da corrupción”.

Iniciativa no Congreso para Navantia
Besteiro informou tamén doutros temas tratados como o apoio á folga e as mobilizacións da sanidade pública e as iniciativas en favor de Navantia. “Apostamos pola fortaleza do sector público, e outras actuacións dirixidas a debilitar o sector público non son positivas para Galicia, porque o principio de reparto da carga de traballo funcionou razoablemente ben, polo que calquera proceso de segregación é pouco intelixente nestes momentos”. Pediu “que o goberno defina claramente que política industrial ten para este país, porque se non dá a sensación de que esta, como outras políticas que se fan en Galicia, están sometidas unicamente á improvisación e a evolución das circunstancias”.

O socialista anunciou unha proposición non de lei no Congreso “para incrementar a carga de traballo a través da adecuación das infraestruturas de Navantia Ferrol-Fene, a través da construción do dique flotante”, e “o incremento da carga de traballo a través do Ministerio de Defensa”, ademais do “impulso da negociación para a construción de gaseiros e dos floteis previstos”.

Besteiro lembrou que os deputados galegos no Congreso solicitaron xunto con outras comunidades como Andalucía retirar de xeito inmediato o Plan Estratéxico de Navantia e negociar un plan de viabilidade cos traballadores e o arco parlamentario que garanta o mantemento dos centros e os postos de traballo, solicitaron incrementar a carga de traballo para os estaleiros públicos por parte do Ministerio de Defensa, realizar as actuacións necesarias para reverter o contrato no estranxeiro de Gas Natural e que os gaseiros os faga Navantia, a máxima implicación dos gobernos da dereita para pechar as relacións comerciais iniciadas e “a esixencia de responsabilidades políticas á cúpula de Navantia e SEPI”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar