Besteiro chama a que o PSdeG lles ofreza aos galegos “o futuro que lles está a roubar a política de ‘mal de moitos’ e a resignación da dereita”

Besteiro chama a que o PSdeG lles ofreza aos galegos “o futuro que lles está a roubar a política de ‘mal de moitos’ e a resignación da dereita”

Besteiro chama a que o PSdeG lles ofreza aos galegos “o futuro que lles está a roubar a política de ‘mal de moitos’ e a resignación da dereita”

O socialista destacou a “capacidade de diálogo” como “crucial” para ofrecer solucións, e afirmou que con 277.100 desempregados “a reacción da dereita non foi dialogar e aceptar a proposta do PSdeG para a creación de postos de traballo”, senón “diminuír en 200 millóns de euros o orzamento en políticas de emprego” para 2014

Besteiro pídelle a Núñez Feijóo “que deixe de ver os tres anos que quedan de lexislatura como un cómodo período de goberno no que decidir que fai da súa vida, e comece a pensar nas familias sen recursos ás que subsistir cada día se lles fai eterno”

O secretario xeral do PSdeG participou no Congreso de Lugo onde foi elixido como novo secretario provincial Carlos González Santín, a quen definiu como “unha desas persoas capacitadas para construír un proxecto de país”

Gómez BesteiroO Secretario Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou esta tarde no Congreso Provincial do PSdeG en Lugo a ofrecerlles os galegos e galegas “o futuro que lles está a roubar a política de mal de moitos e a resignación” da dereita. “A cidadanía non busca que choremos con ela. A utilidade que buscan en nós os cidadáns radica en que ademais de ser conscientes dos seus problemas sexamos, sobre todo, responsables das súas solucións”, afirmou o socialista, que destacou “a capacidade de diálogo e entendemento” como factor “crucial” para a procura desas solucións. O líder dos socialistas galegos participou no Congreso no que foi elixido como novo secretario provincial Carlos González Santín, “unha desas persoas capacitadas para construír un proxecto de país”, a quen lle transmitiu “todo o apoio dos Socialistas de Galicia para seguir avanzando neste camiño de participación e na construción dun proxecto cada vez máis forte tamén na provincia de Lugo”.

Besteiro quixo dedicar as súas primeiras palabras como secretario provincial saínte a toda a militancia lucense, pola súa confianza neste tempo e o apoio para ser secretario xeral en Galicia. “Grazas polo voso traballo, as vosas opinións e as necesarias doses de realidade que me tedes aportado ao longo deste tempo para afrontar os problemas da provincia”, dixo. “Quero que saibades que da vosa voz van seguir nacendo as ideas deste partido, que do voso alento nace a miña forza para liderar os retos que temos por diante e que da vosa ilusión volverán nacer as nosas vitorias”.

O líder dos socialistas galegos destacou que “a dereita está a facer na Xunta todo o contrario do que esixen os tempos, deixándose levar polas circunstancias, sen capacidade de sobrepoñerse a elas e preferindo impoñer o seu criterio sen ningún acordo para actuar soa, illada e afastada das persoas”. Así, incidiu en que “os intereses partidistas non poden primar sobre a política, como acontece no PP, no que moitos alcaldes a pesares de estar en contra da reforma local ou do repago sanitario deciden acatar o mandato do seu partido para esquecerse dos seus veciños”. Besteiro alertou de que “a situación de crise e desprotección social na que se atopan as familias do noso país obriga a que un partido non poda impoñer a súa maioría, por absoluta que sexa, para decidir o que é importante e o que non”.

Esta “acción unilateral da dereita” ten como resultado, lembrou, 277.100 persoas desempregadas, e 180.940 parados sen ningún ingreso, 21.785 máis que hai un ano, ademais de 70.000 mozos sen cobertura económica de ningún tipo e sen perspectiva de atopar un traballo. Ante isto, dixo, “a reacción da dereita non foi dialogar e aceptar a proposta para investir na creación de 30.000 empregos que lle fixemos no Parlamento de Galicia”, senón “diminuír en 200 millóns de euros o orzamento dedicado a políticas activas de emprego para o ano que vén”.

As políticas da dereita “están a piques de facer da pobreza un problema tan importante como o desemprego en Galicia”, polo que Gómez Besteiro lle pediu a Núñez Feijóo “que deixe de ver os tres anos que quedan de lexislatura como un cómodo período de goberno no que decidir que fai da súa vida, e comece a pensar nas familias sen recursos ás que subsistir cada día se lles fai eterno”.

Fronte a “unha dereita insensible, máis preocupada de taponar as fugas do relato que van construíndo que de atender as necesidades dos cidadáns”, o socialista reseñou a necesidade de que “desde a esquerda fagamos pedagoxía e desmontemos ese relato falaz para abordar os problemas reais” dos galegos e galegas. “Sabemos que ante os problemas Feijóo se instala na dialéctica das escusas e a ausencia de responsabilidade, e que nos resultados da súa xestión só lle vai a poder ofrecer á sociedade galega máis endebedamento, paro e precariedade”, afirmou.

“No PSdeG estamos dispostos a loitar contra esta deriva e artellar unha acción política e discursiva seria na defensa dos servizos públicos, do Estado do Benestar, da ensinanza e a educación públicas” e a “traballar para que o PSdeG volva ser a referencia do cambio en Galicia”, asegurou, e amosouse convencido de que o resultado do Congreso Provincial de Lugo servirá para seguir nese camiño. “Cada paso como o que hoxe damos achéganos máis á sociedade”, afirmou.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar