Besteiro avoga por recuperar o diálogo social na política que responde ás demandas cidadáns e prioriza o emprego

Besteiro avoga por recuperar o diálogo social na política que responde ás demandas cidadáns e prioriza o emprego

Besteiro avoga por recuperar o diálogo social na política que responde ás demandas cidadáns e prioriza o emprego

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, avogou por recuperar o diálogo social como un “xeito de facer política, un xeito de gobernar que responde ás demandas da cidadanía”, e marcou a creación de emprego como prioridade. “Os socialistas entendemos o mundo do traballo situando o diálogo social como un xeito de permeabilizar a política ás demandas da sociedade, que esas necesidades se vexan reflectidas na acción de goberno no día a día, e que os compromisos acadados formen parte sustancial dos presupostos. Neste proceso enriquecémonos todos mutuamente. Ninguén perde porque gañamos todos e todas”, subliñou o líder dos socialistas galegos durante a súa intervención no congreso que a Federación de Servizos (FES) de UGT Galicia celebra hoxe en Santiago de Compostela.

Fronte a este “modelo de relacións laborais” do PSOE, “que demostramos cando tivemos a oportunidade de gobernar”, explicou Gómez Besteiro, sitúase o da dereita, que “está a poñer en dúbida esa interlocución cualificada das organizacións sindicais, que a propia Constitución recoñece”. Ademais, a Reforma Laboral do PP, engadiu, “non só precariza, xera indefensión, destrúe dereitos, e crea máis desigualdade e máis desemprego, senón que ten por obxectivo ideolóxico o debilitamento dos sindicatos dun xeito virulento”.

Deste xeito, “precisamente os sindicatos, ferramentas imprescindibles sen as que non se entende o propio proceso da transición política e a propia construción do Estado do Benestar, as conquistas dos dereitos sociais ou a loita polas liberdades, agora vense atacados e debilitados no instrumento clave das relacións de traballo: a negociación colectiva”, indicou. Isto ten “dous efectos inmediatos: a perda de forza e lexitimidade das organización sindicais e a indefensión á que se ven abocados tantos e tantas traballadoras”, afirmou o secretario xeral do PSdeG, engadindo neste senso que, “coa desculpa da crise, que non ten o seu orixe dende logo no ámbito do traballo, estase a artellar un ataque sen precedentes á dignidade e aos dereitos da clase traballadora”.

A loita contra o desemprego, prioritaria

De feito, “a foto fixa do mercado laboral non pode ser máis demoledora”, asegurou Gómez Besteiro, xa que, pasado un ano da Reforma Laboral, a EPA revela que en Galicia hai 20.000 novos parados; os ocupados baixaron en 52.000; de cada 100 novos contratos, 92 son temporais; e os custos salariais, que son de 900 euros por traballador, baixan.

O secretario xeral do PSdeG destacou por todo isto que, xunto coa defensa dos servizos públicos e universais e gratuítos da sanidade e o ensino, “a prioridade dos socialistas é unha política fiscal que grave á riqueza para que paguen os que máis teñen, e a loita contra o desemprego. Confrontamos coas políticas da dereita: que os traballadores teñan que pagar máis para ter menos”.

O modelo dos socialistas

“Temos unha visión do mundo do traballo radicalmente oposta á da dereita; o noso camiño é outro”, incidiu Gómez Besteiro, pois “estaremos sempre do lado dos sindicatos para erradicar a precariedade no traballo, concepto que pensabamos estaba desterrado hai uns anos e resulta que temos que volver reivindicar o traballo con dignidade. Apostamos por un emprego de calidade, a estabilidade, a igualdade de oportunidades, a erradicación da fenda salarial entre homes e mulleres, pero tamén a fenda salarial existente entre os galegos e galegas e outros territorios do Estado”.

O secretario xeral explicou que os eixos en torno ós que se vertebran estes obxectivos son os seguintes:

- O reforzamento dos sindicatos no seu papel vertebrador e creador do marco das relacións laborais, “porque son necesarios para a sociedade e en tempos de crise, máis aínda”, indicou Gómez Besteiro. Coas forzas sindicais, “os socialistas compartimos o mesmo concepto de sociedade: libre, igualitaria e con dereitos", engadiu.

- É “urxente e imprescindible” a posta en marcha de plans de xeración de emprego para os colectivos que máis o precisan: mozos e mozas; parados de longa duración; mulleres; maiores de 45 anos, persoas en risco de exclusión social… Por iso, o PSdeG propuxo no Debate do Estado da Autonomía un aprobación dun plan de emprego cun obxectivo de creación de, cando menos, 30.000 empregos, cun aumento orzamentario non inferior a 250 millóns de euros a través dunha reforma fiscal socialmente xusta e progresiva.

- A existencia dun Servizo Público de Emprego reforzado, activo, que interveña no mercado laboral de xeito efectivo é “irrenunciable” para o PSdeG, como tamén o é a aposta polas políticas activas de emprego, “practicamente baleiradas de apoio político e financiero nos últimos anos polos gobernos da dereita”.

- É necesaria a formación e cualificación dos traballadores: formación base, de desempregados, de ocupados, ligada á demanda das empresas… porque “todo isto constitúe unha aposta polo futuro, a punta de lanza no cambio de modelo produtivo”.

O líder dos socialistas de Galicia concluíu subliñando a súa disposición a traballar conxuntamente coas organizacións sindicais, “tendo presente que a clase traballadora xa non é a mesma que hai 30 anos, pero mantense intacto o seu dereito a ter emprego, a ter esperanza e a recuperar o seu futuro”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar