Besteiro aposta “pola evolución” das políticas socialistas para cambiar a sociedade, fronte á dereita partidaria “da involución” e os rupturistas que piden “a revolución”

Besteiro aposta “pola evolución” das políticas socialistas para cambiar a sociedade, fronte á dereita partidaria “da involución” e os rupturistas que piden “a revolución”

Besteiro aposta “pola evolución” das políticas socialistas para cambiar a sociedade, fronte á dereita partidaria “da involución” e os rupturistas que piden “a revolución”

“Temos que traballar para que a diversidade da esquerda se plasme nun gran partido plural e non nunha pluralidade de pequenos partidos singulares”, asegura o líder dos socialistas

“A coherencia e o criterio do PSOE son un valor a longo prazo que contrasta co oportunismo do Partido Popular e de Feijóo”, afirma no Comité Nacional Galego

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou hoxe que na política actual hai tres formas de afrontar a realidade, “a da dereita, partidaria de involucionar e institucionalizar a desigualdade”, a dos rupturistas, que pretenden “revolucionar”, “e a dos socialistas, que queremos cambiar a sociedade, queremos evolucionar”.

“Os socialistas nunca recollimos o descontento a través do imposible, sempre nos foi mellor centrándonos en recuperar a confianza polo posible, que é acabar coa austeridade e recuperar unhas políticas de protección social e crecemento que activen o emprego e poñan freo á desigualdade”, afirmou o líder dos socialistas na súa intervención no Comité Nacional Galego do PSdeG.

Besteiro lembrou que “os socialistas temos un valor moi grande para a cidadanía que é o do criterio e a coherencia, un valor a longo prazo que a xente saberá valorar, porque o PSdeG sempre foi, é e será o PSdeG”. “Temos que traballar para que a diversidade da esquerda se plasme nun gran partido plural e non nunha pluralidade de pequenos partidos singulares”, asegurou.

O secretario xeral dos socialistas galegos afirmou que “para que volvan a crer no que dicimos, primeiro terán que ver que nos comportamos como dicimos; non todos poden ter coherencia fronte á corrupción, por exemplo, nin BNG nin o PP de Núñez Feijóo están a demostrar ter un criterio de actuación nin de xuízo determinado”.

“Os socialistas construímos e ampliamos o Estado de Benestar neste país, por iso temos que seguir sendo a referencia a favor da igualdade e a primeira opción da xente de a pé á hora de involucrarse en política para defendela, temos que xerar confianza”, manifestou.

Proceso de primarias

Gómez Besteiro sostivo que os socialistas están inmersos nun proceso histórico e único: “A próxima semana elixiremos ao novo secretario xeral; a finais de mes a nova Executiva Federal; no mes de setembro teremos que decidir quen serán os nosos candidatos e candidatas para as alcaldías, e no mes de novembro teremos que elixir, xunto ao resto de progresistas, á persoa encargada de arrebatarlle o goberno á dereita do Partido Popular”.

“O que como partido decidamos pode decidir o futuro do país, desde que decidimos darlle voz á militancia para decidir o seu futuro todos adquirimos novos dereitos, pero tamén unhas novas responsabilidades”, apuntou o líder do PSdeG, que engadiu que “estamos abrindo un novo camiño e ninguén dixo que fora doado facelo; a militancia ten o poder de decidir o devir do partido e temos que votar de forma maioritaria o próximo domingo”.

O secretario xeral dos socialistas galegos afirmou que “o resultados das últimas Europeas é unha chamada de atención notable, temos que facer autocrítica, pero tamén comezamos a sentar unha base de recuperación electoral do noso partido”.

Santiago, municipalismo e contas na web

Besteiro criticou a intención do PP de cambiar as regras dos xogo para modificar a Lei Electoral e que goberne a lista máis votada. “Aquí en Santiago temos o exemplo máis claro de como o PP xestiona unha maioría en solitario, onde tres anos despois das eleccións, o novo líder municipal do PP afirma que comeza a tomar contacto cos problemas da cidade e onde concelleiros non electos pola cidadanía elixirán o terceiro alcalde”.

O secretario xeral anunciou que despois do verán os socialistas galegos celebrarán un novo Comité Nacional Galego ideolóxico e programático “sobre o municipalismo, as eleccións municipais serán unha nova oportunidade de demostrar que somos útiles á cidadanía, xa que nos concellos radica a verdadeira política e a verdadeira democracia”.

Por último, o líder do PSdeG adiantou que a finais de ano “as contas públicas do PSdeG figurarán na nosa web, unha decisión que compartiremos coa nova dirección federal”. “O obxectivo era amortizar o 17% da nosa débeda no conxunto do ano, pero o superaremos porque é unha porcentaxe que case acadamos no primeiro semestre”, rematou.

Discurso íntegro de Gómez Besteiro no Comité Nacional Galego

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar